A CSAG nega que ocultase a sanción á adega da familia dun conselleiro porque informou oito días despois

Concha Pombo, directora xeral da CSAG, na comisión de control parlamentaria CC-BY-SA Imaxe do Parlamento de Galicia

A directora xeral da CSAG (Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia, antiga CRTVG), Concha Pombo, xustificou este mércores que os medios públicos galegos non informasen da sanción á adega do familia do conselleiro de Emprego, por vendimar con migrantes sen papeis, ata oito días despois de coñecerse a multa. 

Malia que esta sanción —adiantada por elDiario.es— foi difundida nos medios de comunicación desde o pasado 14 de setembro, e a pesar de que xa o día despois o propio conselleiro José González Vázquez admitiu publicamente en declaracións que migrantes sen papeis traballaron para a súa familia, a CSAG xustificou a tardanza en informar do caso, mesmo negando que houbese "silencio" ou "ocultación", tal e como lle recriminaron BNG e PSdeG. 

Olalla Rodil, nunha comisión de control da CSAG CC-BY-NC-SA BNG

BNG e PSdeG criticaron o "silencio absoluto" da TVG respecto da sanción á adega da familia do conselleiro de Emprego e acusaron a CSAG de "tapar" a información

Foi durante a comisión de control da CSAG cando as deputadas nacionalista e socialista, Olalla Rodil e Silvia Longueira, recriminaron o "silencio absoluto" dos medios públicos respecto da noticia que implicaba a familia do conselleiro "mentres todos os días temos o minuto e resultado do caso Leire, Zapatero, Koldo ou de Begoña Gómez", como lembrou a representante do BNG. 

"O seu criterio é o de tapar", espetoulle Rodil a Pombo, ao tempo que a socialista Longueira acusaba a TVG de "silenciar" un caso que "pasou totalmente desapercibido". Ambas estaban convencidas de que o tema non fora tratado, vistos os principais programas informativos daqueles días. 

No entanto, a directora xeral da CSAG negouno e sorprendeunas cunha afirmación: si se tratou. Concretamente, oito días despois, durante vinte segundos e no medio dunha pequena crónica sobre asuntos a tratar no Parlamento. "Na segunda xornada, na quenda de preguntas, os grupos da oposición a ben seguro que aproveitarán a ocasión para coñecer máis detalles sobre a situación dunha empresa, unha pequena empresa, unha adega de viño que foi multada por non ter en contrato legal tres traballadores. A singularidade? Que esa empresa é propiedade da familia do conselleiro de Emprego", relatou o xornalista. Foi dabondo, segundo Pombo. 

A directora xeral da CSAG xustificou a emisión da primeira información sobre o caso oito días despois de coñecerse e nunha crónica parlamentaria

A directora xeral defendeu a actuación da TVG, acusando ambas deputadas de "partir dunha premisa que non é certa, a de que non se informou". "Si informarmos; deuse conta da sanción imposta pola Inspección de Traballo dentro da crónica parlamentar", asegurou, argumentando que o caso si se "considerou relevante" porque foi emitido no programa Bos Días do 22 de setembro dentro do bloque dedicado ao pleno do Parlamento e a raíz do debate que na Cámara xurdiu tras as preguntas da oposición sobre o caso. 

"Os feitos son os que son: houbo unha información emitida e veraz nos informativos da TVG. Poden discutir a extensión, o momento e o enfoque porque é lexítimo, pero o que non é lexítimo é afirmar que non se informou cando si se fixo", explicou Pombo. 

Silvia Longueira, na comisión de control da CSAG CC-BY-SA PSdeG

"A súa resposta é a mellor proba da manipulación e ocultación informativa", retrucou Rodil, aludindo a que a directora xeral xustificase a "cobertura" da información sobre a familia do conselleiro por saír "no Bos Días de oito días despois e porque o BNG preguntou no Parlamento" sobre o tema. 

"Ocultar e tapar"

"É unha vergonza que os medios públicos deste país non informen sobre o que acontece neste país", insistiu a deputada, tras amosar a Pombo informacións de varios xornais sobre o caso de días antes. "Dígolle cal é o seu criterio informativo: ocultar e tapar", rematou. 

Pola súa banda, a socialista Silvia Longueira cualificou de "fascinante" a intervención de Pombo pola súa "capacidade inimaxinable para tirar balóns fóra", tras acusar os medios públicos galegos de "afrontar o informativos como os editores dun boletín oficial". 

A adega e grupo empresarial Casal de Armán vén de pagar unha multa de 30.000 euros por empregar tres migrantes sen papeis na vendima do pasado ano. Creada polo pai (xa falecido) do conselleiro de Emprego, e agora en mans dos seus irmáns, José González Vázquez tivo participacións empresariais e foi propietario de viñedos de Casal de Armán antes de ser nomeado conselleiro en 2018. Mantivo esas participacións e propiedades cando xa era deputado do PPdeG, desde 2016, pero ao entrar na Xunta desapareceron da súa declaración oficial de bens.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.