O grupo empresarial da familia do conselleiro de Emprego cifra en tres os traballadores detectados pola inspección laboral que non se correspondían co persoal efectivamente contratado a través dunha ETT e en 30.000 euros a multa total
Casal de Armán, grupo de empresas da familia do conselleiro de Emprego, divulgou este xoves explicacións en varias redes sociais sobre a sanción que recibiu por empregar na vendima do pasado ano migrantes sen papeis, segundo detectou unha inspección laboral. Os feitos foron admitidos polo propio conselleiro, José González Vázquez, e agora o grupo que xestionan os seus irmáns ofrece a súa versión. Segundo un vídeo en Instagram colgado na conta de Casal de Armán no que intervén Nolo Giráldez Campos, xerente de Viña Campinas, a empresa do grupo sancionada, a multa xa foi pagada e a empresa mellorou os seus sistemas de control do persoal.
Segundo o responsable da empresa, "tivemos que incorporar traballadores temporais, unha práctica habitual no noso sector para atender as demandas da campaña", ante o que "recorremos a ETTs e empresas especializadas en traballos agrícolas". "Solicitamos o listado nominal dos traballadores", engade, e "tamén a documentación que acreditaba a súa contratación e alta na seguridade social". Porén, unha inspección laboral realizada o 9 de setembro de 2025 "comprobou que en tres das persoas contratadas a través da ETT a súa identidade non coincidía co listado facilitado por ela". Ante iso, di Giráldez, como xa avanzara o conselleiro, a empresa presentou unha denuncia ante a Garda Civil.
A empresa fala de "bulos" e "campaña promovida co ánimo de desprestixiarnos", sen identificar os responsables nin as supostas mentiras
"Pagamos a multa e introducimos melloras nos nosos protocolos", asegura Giráldez, quen insiste en que a sanción foi imposta no seu grao mínimo e contía legal máis baixa. Sobre ese aspecto, outro comunicado divulgado na conta de Facebook de Casal de Armán engade máis información. Este escrito volve cifrar en tres os traballadores polos que foi sancionada a empresa e aclara que a sanción foi de "10.001 euros por traballador", o que supón un total de 30.003 euros.
Nos dous comunicados, tanto no vídeo como no texto, a empresa fala de "bulos" e "campaña promovida co ánimo de desprestixiarnos" sen identificar quen son os responsables desa suposta campaña ou cales son as supostas mentiras.