Esixencia ao conselleiro de Emprego de contas e cesamento polos migrantes sen papeis na adega da familia

José González, visitando co presidente Rueda traballos da vendima en Valdeorras en 2023 CC-BY-SA Xunta

José González admite que persoal inmigrante en situación administrativa irregular traballou na vendima para a empresa da súa familia, á que atribúe o "erro" de "confiar" en que o persoal chegado a través dunha ETT tiña os papeis en regra, pero "usurparan a identidade", defende

Inspección de Traballo impuxo unha sanción á adega da familia do conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración por ter traballando na súa explotación migrantes en situación administrativa irregular durante a vendima do ano pasado. A multa, revelada por elDiario.es e que Praza.gal puido confirmar de varias fontes, foi admitida publicamente este martes polo propio José González Vázquez, que defendeu a "honorabilidade" da súa familia e do grupo empresarial, Casal de Armán, no que el mesmo tivo participacións ata que Alberto Núñez Feijóo o nomeou conselleiro por primeira vez en 2018 como titular de Medio Rural, responsabilidade que mudou pola de Emprego en 2024, xa con Alfonso Rueda na Presidencia.

Ante a constatación do acontecido as forzas da actual oposición parlamentaria urxen explicacións oficiais en sede parlamentaria por parte do conselleiro e mesmo a súa marcha do cargo. González Vázquez, así e todo, reduce o acontecido a "un desgraciado incidente que non ten nada que ver coa explotación de inmigrantes"

José González, nun acto sobre a competitividade do sector vitivinícola galego na súa etapa como conselleiro do Medio Rural CC-BY-SA Xunta

O titular de Emprego deu en matizar que, a sancionada Viña Campinas S.L, filial de Casal de Armán cometeu o "erro" de "confiar en que as persoas contratadas a través dunha empresa de traballo temporal" tiñan os papeis en regra, pero Inspección acreditou que quen estaban a traballar "non eran os que estaban os listados" na ETT. Por iso a empresa da súa familia formulou "unha denuncia contra os temporeiros que usurparon a identidade daqueles que estaban legalmente contratados". 

O BNG esixe o cesamento pola "indecencia" coñecida, "aínda máis grave por tratarse do conselleiro que leva, desde o minuto un, atacando dereitos e criminalizando traballadores", sostén Olalla Rodil

Para a forza máis numerosa da actual bancada da oposición, o BNG, os feitos son "absolutamente indecentes" e deben saldarse cunha remuda á fronte da Consellería. "Gravísimo" e "impresentable" con os adxectivos que a vicevoceira parlamentaria do Bloque, Olalla Rodil, merece unha "indecencia" pola que "pedimos o cesamento inmediato" de José González por ter a súa "adega familiar" traballadores "inmigrantes explotados, sen dalos de alta na Seguridade Social, en situación de irregularidade administrativa, apañando uva.

"Estamos a falar do responsábel político que debe velar polos dereitos laborais das traballadoras e traballadores deste país", incide Rodil, quen ademais pon o foco en que "o asunto é aínda máis grave" porque "se trata dun conselleiro que leva, dende o minuto un, atacando os dereitos" do persoal, "criminalizando por enfermar e promovendo políticas encamiñadas a recortar o seu dereito á baixa". "Xa vemos que é o que lle molesta ao PP cando falamos de emprego, os dereitos, mesmo a regularización administrativa", advirte a nacionalista, que "lembra" asemade a "campaña na que está instalado" o partido que sustenta o Goberno "en contra do proceso de regularización de migrantes". "No fondo parece que o que queren é que traballen nesa situación de máxima vulnerabilidade explotados nas súas empresas. É inadmisible", conclúe.

Olalla Rodil (BNG) e Lara Méndez (PSdeG), este 15 de setembro en senllas comparecencias ante a prensa no Parlamento CC-BY-NC-SA BNG | PSdeG

O Grupo Socialista, pola súa banda, coida que "o primeiro" que cómpre pedir é "a comparecencia do conselleiro, que veña dar a cara", sinala Lara Méndez, secretaria de organización do PSdeG. González Vázquez, sinala, é o mesmo que como titular de Emprego e Emigración "non se cortou nada á hora de falar de inmigración ordenada e de reclamarlle ao Goberno de España as competencias dos permisos de traballo".

O PSdeG pregúntase "se non será esta a inmigración que quere o PP, sen papeis e sen dereitos" e esixe que González Vázquez dea contas no Parlamento

"Pregúntome -sinala Méndez- se non será esta a inmigración que quere o PP". "Xente sen papeis e sen dereitos que vén traballar e da que despois non responde ninguén?", pregunta a deputada do PSdeG, quen coida que procede tamén preguntar ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, se "vai seguir pechando os ollos ao que pasa na súa casa".

Lembranza do salón de eventos ilegalizable

Tanto Rodil como Méndez resaltan, asemade, que "esta non é a primeira ilegalidade desta empresa", en verbas da deputada do Bloque. "O que pasou nesa empresa é extremadamente grave e difícil de tapar, aínda que práctica non lles falta", resalta a socialista, a respecto do "salón de banquetes que a empresa explota dende hai unha década, declarado ilegalizable".

Nacionalistas e socialistas subliñan que "esta non é a primeira ilegalidade da empresa", en referencia ao salón de eventos ilegalizable e con orde de derruba que instalou ao carón dunha casa reitoral protexida por Patrimonio

As parlamentarias refírense ao hotel rural propiedade de Casal de Armán S.L, a póla do grupo empresarial encargada dun negocio hoteleiro con restaurante e recinto de eventos anexa á adega, que explota Bodegas Casal de Armán S.L. en Santo André de Campo Redondo (Ribadavia). O actual conselleiro de Emprego foi socio da adega "por herdanza" cos seus irmáns ata que se desfixo da participación en 2018. 

A xestora do hotel mantén dende 2015 ese salón de eventos prefabricado a carón da antiga casa reitoral da parroquia, edificio protexido por Patrimonio no que a Xunta instalou o Museo do Viño de Galicia. Como vén contando este xornal, a Xustiza certificou que esa edificación debe ser derrubada por ilegal, se ben a demolición se vén demorando  grazas a contradicións e demoras do Goberno galego.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.