A adega da familia do conselleiro de Emprego vénse beneficiando de demoras e supostos erros do Goberno galego e suma agora un incumprimento laboral a outros previos en materia de patrimonio cultural e axudas públicas
A sanción de inspección de traballo a Casal de Armán por vendimar con tres migrantes sen papeis pon novamente no foco a adega da familia do conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración. O propio José González Vázquez, desligado da xestión empresarial, admitiu o martes os feitos, que atribuíu a un "erro" e situou no "grao mínimo" da "infracción administrativa", con 30.000 euros de multa, segundo cifrou a propia empresa. Pero non é a primeira infracción que comete a adega, que mantén desde hai unha década un salón de eventos ilegal e ilegalizable a carón dun edificio protexido por Patrimonio e que, con González Vázquez aínda como socio, tamén incumpriu unha subvención de 47.000 euros de Medio Rural, a que despois sería a súa primeira consellería.
González Vázquez desfíxose das participacións empresariais ao ser nomeado conselleiro en 2018, pero Casal de Armán, xestionada polos seus irmáns, vén beneficiándose de demoras e erros da Xunta da que é conselleiro, segundo vén investigando Praza.gal desde hai anos.
O salón de eventos ilegal
En 2015 Casal de Armán levantou unha estrutura prefabricada para eventos a carón da antiga casa reitoral de Santo André de Campo Redondo, en Ribadavia. Fíxoo sen permisos e tentou legalizala unha vez executada, pero en outubro de 2015 o departamento de Patrimonio da Xunta denegoullo establecendo que "as obras son ilegalizables" e pedindo a súa demolición. Comezou así un longo proceso de intercambio de escritos con diversas demoras que na práctica veñen facilitando que a adega siga a ingresar cartos por todo tipo de eventos celebrados nese espazo, desde vodas a foros económicos con patrocinios de empresas de primeiro nivel. Ata a ministra de Traballo, Yolanda Díaz, foi clienta de Casal de Armán o ano pasado semanas antes de que a inspección laboral detectase alí os migrantes sen papeis.
Ao tempo, outras adegas da contorna lamentan en privado a "competencia desleal" que supón que Casal de Armán se veña beneficiando do salón de eventos ilegal. Un atractivo para o negocio de Casal de Armán que se viu aínda máis incrementado cando en 2019 a Xunta abriu ao seu carón o Museo do Viño de Galicia, precisamente na antiga reitoral protexida contra a que atenta o salón de eventos. Das cinco denominacións de orixe que hai no país, con milleiros de hectáreas, o Goberno galego elixiu precisamente ese lugar para atraer turistas, porta con porta con Casal de Armán e o seu restaurante Sábrego.
Demoras de máis de 4 anos da Secretaría Xeral de Cultura en resolver sucesivos recursos de alzada de Casal de Armán sobre o salón de eventos ilegal permitíronlle seguir tirando beneficio del, entre lamentos doutras adegas da zona por competencia desleal
Tras o intento frustrado de legalización e a negativa de Patrimonio de outubro de 2015, Casal de Armán presentou un recurso de alzada ante a propia Xunta en xaneiro de 2016, pero este non foi resolto polo daquela secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, ata ano e medio máis tarde, en xullo de 2017. Ano e medio no que o salón de eventos seguiu a ser explotado. E moito máis. Porque malia que a resposta de Lorenzo foi ratificar a decisión previa de Patrimonio, a continuación a empresa presentou un recurso ante a xustiza que esta non resolvería ata finais de 2021 confirmando que a estrutura era ilegalizable.
Mentres, a empresa presentou en novembro de 2017 ante Patrimonio un proxecto de demolición que foi rexeitado porque pretendía deixar o lugar pavimentado. Ese rexeitamento de Patrimonio data de marzo de 2018. Un mes máis tarde a empresa presentou un segundo recurso de alzada e novamente o secretario xeral de Cultura, agora xa non Anxo Lorenzo senón Manuel Vila, non resolveu ata preto de dous anos despois, en febreiro de 2020, rexeitando igualmente as pretensións da empresa. Tamén esa demorada resolución da administración foi recorrida pola empresa ante a xustiza, e a finais de 2021 o TSXG ratificaba que o terreo non podía quedar pavimentado. E mentres, novamente, o salón de eventos seguiu a ser explotado.
Despois, a empresa presentou un novo proxecto de demolición, desta volta propoñendo deixar axardinado o espazo en cuestión. Pero a Xunta tamén o rexeitou e reclamou recuperar os terreos para o uso agrícola, "o mais natural posible, sen vexetacións nin axardinamentos de carácter urbano, recomendando a plantación de vides". Fíxoo cunha resolución emitida por Patrimonio o 9 de marzo de 2021 contra a que a empresa presentou outro recurso de alzada, e este foi novamente rexeitado polo secretario xeral de Cultura, desta volta con data do 7 de marzo de 2022, un ano máis tarde. Ao igual que nas ocasións anteriores, a empresa recorreu á xustiza, que desta vez si lle deu a razón dicindo que as novas condicións ditadas por Patrimonio en 2021 eran "contraditorias" con outras previas de 2007. Unha contradición da Xunta que indirectamente permitiu que o salón de eventos seguise a ser explotado.
Durante eses intercambios de escritos entre Xunta e adega, sen ter en conta as demoras xudiciais, os tempos empregados pola Secretaría Xeral de Cultura para resolver os sucesivos recursos de alzada de Casal de Armán sumaron máis de catro anos de espera.
Casal de Armán está a executar unha ampliación da adega cun novo espazo de eventos que substitúa a estrutura ilegal, un proxecto que a Xunta facilitou que non caducase demorando tres anos a publicación do permiso ambiental no DOG
De xeito paralelo a esta sucesión de recursos e demoras da Xunta que foron adiando a demolición do salón de eventos, Casal de Armán comezou a tramitar en 2019 un plan urbanístico para poder ampliar as súas instalacións con novas edificacións dedicadas ao enoturismo, espazos que pasarían a suplir os servizos que agora se prestan na edificación ilegal. A avaliación ambiental dese plan urbanístico rematou en 2020, pero a Xunta non a publicou no Diario Oficial de Galicia ata novembro de 2023, o que facilitou á empresa máis marxe temporal para executar a obra antes de que caducase o permiso. E, mentres, seguir explotando o salón de eventos.
Os obstáculos da Xunta á transparencia
Praza.gal coñeceu parte deste proceso logo de ter acceso en 2020, tras unha petición oficial de transparencia obstaculizada pola Xunta, ao expediente de reposición da legalidade de Patrimonio. Naquel acceso á documentación o Goberno galego non facilitara o expediente sancionador paralelo que debera ter aberto con multas periódicas mentres non se lograse a reposición da legalidade. Así que este diario formulou en setembro de 2023, hai agora tres anos, unha nova petición de transparencia para coñecer esas sancións, pero novamente distintas demoras e supostos "erros" da Xunta adiaron o acceso a esa información.
Hai un ano a Xunta foi condenada porque Sandra Quintas, responsable de Patrimonio en Ourense e alcaldesa do PP, non motivou unha resolución de transparencia ante unha petición de Praza.gal, o que permitiu a Casal de Armán manter oculto o seu expediente sancionador
Tras a petición de setembro de 2023, e logo das demoras habituais da Xunta na tramitación de toda solicitude de transparencia, o Goberno galego acabou concedendo acceso á documentación solicitada, pero fíxoo cunha resolución incorrectamente fundamentada asinada por unha responsable de Patrimonio en Ourense, Sandra Quintas Vázquez, que é tamén número 2 do PP nesa provincia e alcaldesa de Bande. Casal de Armán recorreu esa resolución e a comezos de 2025 o TSXG anulou o acceso á documentación pola "carencia absoluta de motivación" na decisión da Xunta.
Así que Praza.gal tivo que formular unha nova solicitude de transparencia, esixindo expresamente nela que desta volta a Xunta si cumprise coas súas obrigas legais e fundamentase adecuadamente a súa resolución. Desta volta a decisión xa non a tomou Quintas como responsable de Patrimonio en Ourense senón o propio director xeral de Patrimonio da Xunta, que autorizou a consulta dos datos cunha resolución máis completa. Porén, novamente Casal de Armán recorreu ante a xustiza, que segue pendente de resolver ao respecto. Porén, o "erro" previo da Xunta xa permitira demorar o proceso dous anos.
Incumprimento dunha subvención
Casal de Armán, impulsada polo xa falecido pai do conselleiro de Emprego e herdada polos seus fillos, preséntase como un "grupo familiar" que está configurado en varias empresas, tendo un papel destacado Bodegas Casal de Armán SL, encargada de xestionar a adega de viños, e Casal de Armán SL, que ten ao seu cargo o hotel con restaurante e salón de eventos. Tamén forman parte do grupo Rectoral de San Andrés SL, con dous irmáns como apoderados, e Viña Campinas SL, a empresa agora sancionada pola inspección laboral.
O conselleiro de Emprego foi socio de Bodegas Casal de Armán, a empresa ligada directamente coa adega e a produción de viños, "por herdanza", segundo el mesmo declarou ante o Parlamento cando foi deputado, entre 2016 e 2018. En 2018, ao ser nomeado conselleiro de Medio Rural por Feijóo, desfíxose da súa participación, pero antes, cando aínda era socio, a empresa incumpriu as condicións dunha subvención que lle concedera precisamente esa Consellería de Medio Rural.
Hai tres anos o TSXG constatou que Casal de Armán incumprira os requisitos dunha axuda de 47.600 euros da Consellería de Medio Rural outorgada cando González Vázquez aínda era socio da empresa
Bodegas Casal de Armán SL presentárase en 2015 a unha liña de axudas con fondos europeos para "investimentos para a elaboración e comercialización de produtos vitícolas". En xullo de 2015 Medio Rural aprobou a solicitude e en xaneiro de 2016 a empresa pediu modificar o calendario de execución da axuda, o que lle foi autorizado en febreiro fixándolle como data límite de execución dos investimentos o 30 de abril de 2017. Ese mesmo mes de febreiro de 2016 a consellería publicaba no DOG as axudas "concedidas" e consignaba para Casal de Armán 47.647,58 euros.
O 28 de abril de 2017, con González Vázquez xa deputado do PPdeG e aínda socio da empresa, Casal de Armán, malia non cumprir os requisitos, solicitou o pagamento da axuda que xa tiña concedida. Pero en decembro de 2017 a Xunta considerou incumpridas as condicións da axuda e decretou "a perda do dereito ao cobro da subvención", contra o que a empresa recorreu ante a xustiza. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acabou considerando en 2023 que se produciran "dous incumprimentos de condicións básicas" para poder cobrar a axuda, xa que a empresa tiña "licenza de colleiteiro", e non a necesaria para a "produción industrial" que xa realizaba, e non xustificara ben os gastos que cubriría a subvención.
Tanto como resposta ao caso da subvención como á ilegalidade do salón de eventos e a ampliación da adega, as valoracións obtidas por este diario cando se dirixiron preguntas a José González Vázquez foi que a familia dun conselleiro ten todo o dereito a mellorar o seu negocio e solicitar axudas públicas. Unhas valoracións nas que tamén se facía fincapé, como agora co caso dos migrantes sen papeis, en que José González Vázquez non ten xa ningún papel no negocio familiar.
O "problema" da burocracia
Antes de entrar na política activa, como inspector de Facenda José González Vázquez, que tamén se presentaba como empresario vitivinícola, foi vogal do Consorcio da Zona Franca de Vigo entre 2009 e 2014 e un dos tres administradores concursais que tivo durante a súa suspensión de pagos o Celta, propiedade da familia Mouriño, que conta tamén con importantes intereses vinícolas. Nas eleccións galegas de setembro de 2016 González Vázquez entrou no Parlamento como deputado do PPdeG, en 2018 foi nomeado por Alberto Núñez Feijóo conselleiro de Medio Rural e desfíxose das participacións empresariais, e en 2024 Alfonso Rueda mudoulle as responsabilidades como conselleiro de Emprego.
Sendo xa deputado, en 2018 González Vázquez lamentaba nunhas xornadas sobre o rural a burocracia de Patrimonio da Xunta: "Teño fincas paradas máis dun ano por cousas como esa, estou esperando entre outras cousas por un informe de Patrimonio porque hai un hórreo alí"
En 2018, cando xa era deputado do PP, aínda mantiña participación en Bodegas Casal de Armán SL e Casal de Armán SL xa levaba tres anos incumprindo con Patrimonio, nunhas xornadas sobre o rural González Vázquez queixábase da burocracia en xeral e en materia de patrimonio en particular. "Alguén tivo que pedir algunha vez unha licenza de actividade? Eu que sei, por poñer un exemplo dunha adega, que hai que informar catro organismos diferentes, que pode tardar oito, dez, doce meses", dicía, para engadir que "un dos grandes problemas que ten este país en xeral é a burocracia". Unha queixa que lanzaba cando o PP de Feijóo xa levaba unha década á fronte da Xunta e á que engadía a valoración de que "eu ademais de político son cidadán", similar á expresada cando se lle preguntou posteriormente sobre cada polémica.
Entre aquelas queixas sobre a burocracia, González Vázquez mesmo puxo un exemplo persoal: "Eu che podo dicir que teño fincas paradas máis dun ano por cousas como esa, estou esperando entre outras cousas por un informe de Patrimonio porque hai un hórreo alí". A administración, lamentaba, non se daba a suficiente présa. Unhas demoras que, ao tempo, tamén veñen beneficiando a Casal de Armán.