A familia do conselleiro de Emprego volve recorrer á Xustiza para que non se coñezan que sancións lle está a impoñer Patrimonio logo de que unha primeira divulgación autorizada hai dous anos quedase anulada porque a Xunta a tramitou mal
Casal de Armán, empresa da familia do conselleiro de Emprego, José González Vázquez, explota desde hai dez anos un salón de eventos ilegal e ilegalizable, segundo Patrimonio e a Xustiza, a carón dunha antiga casa reitoral protexida en Rivadavia. Hai agora dous anos, e tras unha petición formal de transparencia, a Xunta autorizou a Praza.gal coñecer que sancións lle está a impoñer o seu departamento de Patrimonio á empresa mentres non derrube esa estrutura. Pero fíxoo cunha resolución ilegal asinada pola número 2 do PP en Ourense que a empresa recorreu e que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acabou anulando en abril do pasado 2025.
Este diario tivo que reiniciar o procedemento de solicitude de transparencia e a Xunta volveu autorizar a divulgación das sancións, pero a empresa presentou un novo recurso xudicial contra esta nova decisión, o que sitúa o proceso na mesma situación en que estaba hai dous anos.
Casal de Armán levantou en 2015 unha estrutura ilegal e ilegalizable para eventos a carón da antiga casa reitoral de Santo André de Campo Redondo, en Ribadavia, un edificio protexido por Patrimonio no que a Xunta abriu en 2019 o Museo do Viño de Galicia, o que atraeu visitantes á contorna. Aos poucos meses de levantar a estrutura dese salón de banquetes, Patrimonio da Xunta acordou demolela, pero desde aquela diversos recursos da empresa e a lentitude da Consellería de Cultura en responder a eles veñen demorando esa restitución da legalidade, o que permite que a empresa siga a explotar comercialmente a edificación ilegal.
Recursos da empresa e a lentitude e erros da Consellería de Cultura en responder a eles veñen demorando a demolición ratificada pola xustiza da estrutura ilegal de Casal de Armán, proceso que agora a Xunta contribúe a manter oculto cun novo erro
Praza.gal vén dando conta desde hai anos de diversas derivadas do caso e en 2020 tivo acceso, tras unha petición de transparencia obstaculizada pola Xunta, ao expediente de reposición da legalidade aberto por Patrimonio e avalado despois pola xustiza.
Naquel acceso á documentación de 2020 a Xunta non facilitara o expediente sancionador paralelo que debera ter aberto con multas periódicas mentres non se lograse a reposición da legalidade. Así que este diario formulou unha nova petición de transparencia para coñecer esas sancións e, tras diversas demoras habituais por parte da Xunta, acabou concedendo acceso á documentación. Pero fíxoo cunha resolución incorrectamente fundamentada asinada por unha responsable de Patrimonio en Ourense, Sandra Quintas Vázquez, que é tamén número 2 do PP nesa provincia e alcaldesa de Bande. Casal de Armán recorreu esa resolución e a comezos deste ano TSXG anulou o acceso á documentación pola "carencia absoluta de motivación" na decisión da Xunta.
Ante esa ilegalidade do Goberno galego que acabou favorecendo o interese de Casal de Armán de manter oculto o seu expediente, este diario tivo que reiniciar a petición de transparencia. A Xunta volveu conceder acceso ao expediente, desta volta nunha resolución asinada en setembro polo propio director xeral de Patrimonio que si contén unha motivación da decisión. Pero Casal de Armán volveu recorrer esa decisión ante a xustiza. Un novo recurso que devolve o caso á situación na que estaba a comezos de 2024, o que supón unha demora de dous anos no acceso á documentación derivada da ilegalidade cometida pola Xunta coa súa resolución con "carencia absoluta de motivación".
En 2019 Casal de Armán comezou a tramitar un plan urbanístico para ampliar as súas instalacións e, entre outras cuestións, construír un “novo restaurante de eventos” que substituiría á edificación ilegal actual
Casal de Armán, impulsada polo xa falecido pai do conselleiro de Emprego, defínese como "empresa familiar" e está repartida entre dúas sociedades, Casal de Armán SL, responsable do salón de eventos ilegal, e Bodegas Casal de Armán SL. Desta última foi socio José González Vázquez "por herdanza" cos seus irmáns ata 2018, ano en que se desfixo da súa participación ao ser nomeado membro do Goberno galego.
Antes de entrar na política activa, como inspector de Facenda José González Vázquez, que tamén se presentaba como empresario vitivinícola, foi vogal do Consorcio da Zona Franca de Vigo entre 2009 e 2014 e un dos tres administradores concursais que tivo durante a súa suspensión de pagos o Celta, propiedade da familia Mouriño, que conta tamén con importantes intereses vinícolas. Nas eleccións galegas de setembro de 2016 González Vázquez entrou no Parlamento como deputado do PPdeG, e dous anos despois pasou a ser conselleiro.
Con González Vázquez aínda como socio, Bodegas Casal de Armán SL incumpriu, segundo unha sentenza do TSXG revelada por Praza.gal, unha subvención de Medio Rural de 47.000 euros porque tiña "licenza de colleiteiro" e non para a "produción industrial" que realmente realizaba e porque non xustificou correctamente os gastos a que ía dirixida a axuda.
De xeito paralelo á súa loita xudicial infrutuosa para tentar manter o salón de eventos ilegal, Casal de Armán puxo en marcha un plan urbanístico para poder ampliar as súas instalacións con novas edificacións dedicadas ao enoturismo, espazos que pasarían a suplir os servizos que agora se prestan na edificación a demoler. A avaliación ambiental dese plan urbanístico rematou en 2020, pero a Xunta non o publicou no Diario Oficial de Galicia ata novembro de 2023, o que facilitou á empresa máis marxe temporal para que saia adiante a obra antes de que caduque o permiso.