Patrimonio insiste na retirada do salón de eventos ilegalizable de Casal de Armán se a adega quere ampliarse

Adega e complexo de turismo rural de Casal de Armán, cunha estrutura ilegal para eventos a carón da antiga reitoral de Santo André de Campo Redondo, hoxe museo da Xunta © Casal de Armán

O Goberno galego publica no DOG os requisitos que debe cumprir a empresa da familia do conselleiro de Medio Rural para crear un complexo enoturístico a carón do Museo do Viño de Galicia que a Xunta abriu en 2019 en Ribadavia

A Consellería de Medio Ambiente fixo oficial este venres coa súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) os requisitos que debe cumprir Casal de Armán, adega da familia do conselleiro de Medio Rural, José González Vázquez, para ampliarse como complexo enoturístico a carón do Museo do Viño de Galicia que a Xunta ten en Ribadavia. Entre outras cuestións, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural reclama a retirada dunha edificación destinada a salón de eventos levantada en 2015 de xeito ilegal e "ilegalizable", segundo cualificou daquela o propio departamento de Patrimonio.

Imaxe recente da estrutura para banquetes e eventos levantada en 2015 en Casal de Armán sen permiso de Patrimonio a carón dunha casa reitoral protexida © Casal de Armán

Casal de Armán levántase a carón da antiga casa reitoral de Santo André de Campo Redondo, en Ribadavia, edificio protexido. En 2015 a empresa instalou a apenas 20 metros da reitoral protexida unha construción moderna para eventos como banquetes ou vodas que presentou como desmontable e temporal, pero Patrimonio da Xunta considerou que o fixo de xeito ilegal e "ilegalizable" polo seu impacto na contorna, como avalou tamén a Xustiza. 

A Xunta rematou hai tres anos a avaliación ambiental do proxecto pero faina oficial aínda agora, o que facilita á empresa máis marxe temporal para que saia adiante antes de que caduque o permiso

A construción ilegal vén estando en uso desde aquela e en 2019, ao tempo que a Xunta inauguraba na antiga reitoral o Museo do Viño de Galicia, Casal de Armán iniciaba a tramitación dun plan urbanístico para ampliar as súas instalacións con novas edificacións dedicadas ao enoturismo. A avaliación ambiental dese plan urbanístico rematouna a Consellería de Medio Ambiente un ano máis tarde, en outubro de 2020, pero non foi ata este venres, tres anos máis tarde, que a vén de facer pública e oficial coa súa publicación no DOG. A propia resolución de Medio Ambiente sinala que só a partir desta publicación no DOG comezan a contar os catro anos de prazo para a súa caducidade e polo tanto para a aprobación definitiva do plan urbanístico, co que a demora na publicación facilita máis marxe temporal para que o proxecto da empresa saia adiante.

Requisitos de Patrimonio para a ampliación de Casal de Armán como complexo enoturístico a carón de varios bens protexidos e do Museo do Viño de Galicia CC-BY-SA Praza Pública

Canto ao contido da resolución publicada, o informe ambiental estratéxico agora feito oficial por Medio Ambiente considera que non é necesario someter o proxecto de ampliación de Casal de Armán a unha avaliación ambiental ordinaria xa que os seus posibles efectos negativos poden ser corrixidos de xeito doado. Para iso recolle diversas consideracións realizadas por outros departamentos da Xunta, entre as que salientan as achegas de Patrimonio, que incide na "importancia cultural e paisaxística do núcleo de Santo André e dos seus elementos configuradores", como a antiga reitoral e a veciña igrexa parroquial. E entre outros requisitos que Patrimonio impón ao plan urbanístico que finalmente sexa aprobado para a ampliación de Casal de Armán está o de que "recolla a eliminación" da edificación ilegal destinada a salón de eventos "de non producirse antes". Patrimonio lembra que "se atopa na contorna de protección do Museo do Viño de Galicia".

Patrimonio tamén considera excesivo o volume que tería un novo edificio para turismo rural proposto por Casal de Armán e en xeral reclama que as novas construcións non compitan coas tradicionais xa existentes.

Casal de Armán, creada polo pai xa falecido do conselleiro de Medio Rural, está configurada arredor de dúas empresas, Bodegas Casal de Armán SL e Casal de Armán SL, nas que participan varios fillos. A primeira, da que foi socio o conselleiro de Medio Rural ata o seu nomeamento en 2018, é a que impulsa este plan urbanístico para ampliar as instalacións para enoturismo, mentres que a segunda é a responsable de levantar a construción ilegal cuxos usos actuais para banquetes poderían pasar a realizarse nas novas instalacións que a primeira quere realizar. 

Casal de Armán e a súa contorna -o Museo do Viño de Galicia atópase no edificio sinalado en amarelo e non no da adega, así sinalado erroneamente por Google-

Hai uns meses o TSXG ratificou que Casal de Armán incumpriu unha subvención de Medio Rural cando o agora conselleiro era socio da empresa

Canto a Bodegas Casal de Armán SL, hai uns meses o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia fixo pública unha sentenza que ratifica que incumpriu unha subvención de Medio Rural cando o agora conselleiro era socio da empresa, participación que mantivo mentres foi deputado do PP no Parlamento de Galicia entre setembro de 2016 e o seu nomeamento en 2018. Segundo esa sentenza, a empresa tiña "licenza de colleiteiro", non para a "produción industrial" que realizaba, e non xustificou ben os gastos da axuda pública.

Antes de entrar na política activa, como inspector de Facenda José González Vázquez, que tamén se presentaba como empresario vitivinícola, foi vogal do Consorcio da Zona Franca de Vigo entre 2009 e 2014 e un dos tres administradores concursais que tivo durante a súa suspensión de pagos o Celta, propiedade do empresario Carlos Mouriño, tamén con intereses no sector do viño. 

José González Vázquez, conselleiro do Medio Rural, recorrendo un viñedo en Ribadavia nunha imaxe de arquivo de 2019 CC-BY-SA Xunta de Galicia

Desde a contorna de González Vázquez sempre se xustificou a Praza.gal que a familia dun conselleiro ten dereito a solicitar axudas públicas ou a impulsar un proxecto empresarial e urbanístico como o agora validado ambientalmente pola Xunta pero coa esixencia de que retire a construción ilegal.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.