Nunha sentenza que revela eivas e demoras na tramitación do expediente por parte da Consellería de Cultura, o TSXG permite á empresa axardinar o espazo que ocupa a edificación que debe demoler
Desde 2015 Casal de Armán, adega e casa de turismo rural da familia do conselleiro de Medio Rural, José González Vázquez, vén explotando un salón de eventos ilegal e ilegalizable a carón da antiga casa reitoral de Santo André de Campo Redondo, en Ribadavia, un edificio protexido por Patrimonio no que a Xunta abriu en 2019 o Museo do Viño de Galicia.
Aos poucos meses de levantar a edificación, Patrimonio da Xunta acordou demolela, pero desde aquela diversos recursos da empresa veñen demorando esa restitución da legalidade. Uns atrasos que en parte se deben á lentitude da Consellería de Cultura en responder a eses recursos, como agora volve constatar unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que permite á empresa deixar axardinado o espazo en litixio cando derrube o salón de eventos en lugar de ter que plantar viñas, como lle esixía Cultura nunha resolución contraditoria co que a propia consellería establecera anos antes. Mentres se resolveu esa discrepancia, a empresa seguiu explotando comercialmente a edificación ilegal.
Tras levantar o salón de eventos sen os permisos necesarios hai case unha década, Casal de Armán pediu legalizalo, pero en outubro de 2015 Patrimonio da Xunta denegoullo establecendo que "as obras son ilegalizables" e pedindo a súa demolición. A empresa recorreu esa decisión de Patrimonio cun recurso de alzada que presentou en xaneiro de 2016 e que non foi resolto polo daquela secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, ata ano e medio máis tarde, en xullo de 2017, ratificando que non era legalizable.
Ante esa negativa final administrativa a empresa recorreu á xustiza, que a finais de 2021 confirmou que o edificio é ilegalizable. Mentres, a empresa presentou en novembro de 2017 ante Patrimonio un proxecto de demolición que foi rexeitado porque pretendía deixar o lugar pavimentado. Ese rexeitamento de Patrimonio data de marzo de 2018. Un mes máis tarde a empresa presentou un segundo recurso alzada e novamente o secretario xeral de Cultura, agora xa non Lorenzo senón Manuel Vila, non resolveu ata preto de dous anos despois, en febreiro de 2020, rexeitando igualmente as pretensións da empresa. Tamén esa resolución da administración foi recorrida pola empresa ante a xustiza, e a finais de 2021 o TSXG ratificaba que o terreo non podía quedar pavimentado.
Despois a empresa presentou un novo proxecto de demolición, desta volta propoñendo deixar axardinado o espazo en cuestión. Pero a Xunta tamén o rexeitou e reclamou recuperar os terreos para o uso agrícola, o mais natural posible, sen vexetacións nin axardinamentos de carácter urbano, recomendando a plantación de vides". Fíxoo cunha resolución emitida por Patrimonio o 9 de marzo de 2021 contra a que a empresa presentou outro recurso de alzada, e este foi novamente rexeitado polo secretario xeral de Cultura, desta volta con data do 7 de marzo de 2022, un ano máis tarde. E ao igual que nas ocasións anteriores, a empresa recorreu á xustiza, que agora si vén de darlle a razón.
As demoras da Secretaría Xeral de Cultura en resolver os sucesivos recursos de alzada de Casal de Armán sumaron máis de catro anos de espera
Segundo o TSXG, nunha sentenza con data do pasado 1 de decembro que vén de facer pública hai uns días, a esixencia de devolver os terreos a uso agrícola coa recomendación de plantación de vides é contraditoria cunha decisión previa do mesmo departamento de Patrimonio que en 2007 "aceptou e aprobou o feito de que os terreos anexos á casa de turismo rural (situados entre dita construción e o futuro Museo do Viño) se configure como un área de xardín con especies vexetais arbóreas". Así que o tribunal considera que as novas condicións ditadas por Patrimonio en 2021 son "contraditorias con aquel axardinamento".
Así que a empresa agora si ten un proxecto de demolición do seu salón de eventos ilegal que para a xustiza cumpre coa protección do patrimonio. Pero neste tempo as demoras da Secretaría Xeral de Cultura en resolver os sucesivos recursos de alzada de Casal de Armán sumaron máis de catro anos de espera, tempo no que o salón de eventos seguiu en funcionamento.
Por outra banda, de xeito paralelo a esta sucesión de recursos administrativos e xudiciais que foron demorando a demolición do salón de eventos, Casal de Armán puxo en marcha un plan urbanístico para poder ampliar as súas instalacións con novas edificacións dedicadas ao enoturismo, espazos que pasarían a suplir os servizos que agora se prestan na edificación ilegal. A avaliación ambiental dese plan urbanístico rematou hai tres anos pero a Xunta aínda a publicou no Diario Oficial de Galicia o pasado novembro, o que facilita á empresa máis marxe temporal para que saia adiante a obra antes de que caduque o permiso.
Casal de Armán, impulsada polo xa falecido pai do conselleiro de Medio Rural, defínese como "empresa familiar" e está repartida entre dúas sociedades, Casal de Armán SL, responsable do salón de eventos ilegal e impulsora do plan urbanístico para a ampliación que tamén beneficiará á adega, e Bodegas Casal de Armán SL. Desta última foi socio José González Vázquez "por herdanza" cos seus irmáns ata 2018, ano en que se desfixo da súa participación ao ser nomeado membro do Goberno galego.
Hai uns meses Praza.gal revelou que Casal de Armán incumpriu unha subvención de Medio Rural cando o agora conselleiro era socio da adega familiar
Antes de entrar na política activa, como inspector de Facenda José González Vázquez, que tamén se presentaba como empresario vitivinícola, foi vogal do Consorcio da Zona Franca de Vigo entre 2009 e 2014 e un dos tres administradores concursais que tivo o Celta durante a súa suspensión de pagos. Nas eleccións galegas de setembro de 2016 entrou no Parlamento como deputado do PPdeG, e dous anos despois pasou a ser conselleiro.
Con González Vázquez aínda como socio, Bodegas Casal de Armán SL incumpriu, segundo unha sentenza do TSXG emitida hai uns meses e revelada por Praza.gal, unha subvención de Medio Rural de 47.000 euros porque tiña "licenza de colleiteiro" e non para a "produción industrial" que realmente realizaba e porque non xustificou correctamente os gastos a que ía dirixida a axuda.