O presidente di que José González Vázquez explicarase no Parlamento se o pide a oposición e defende que a adega reciba axudas da Xunta porque "se procede hai que dalas"
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, desligou este luns o seu conselleiro de Emprego e antes de Medio Rural, José González Vázquez, da adega e grupo empresarial Casal de Armán, que vén de pagar unha multa de 30.000 euros por empregar tres migrantes sen papeis na vendima do pasado ano. Creada polo seu pai, xa falecido, e agora en mans dos seus irmáns, González Vázquez tivo participacións empresariais e foi propietario de viñedos de Casal de Armán antes de ser nomeado conselleiro en 2018. Mantivo esas participacións e propiedades cando xa era deputado do PPdeG, desde 2016, pero ao entrar na Xunta desapareceron da súa declaración oficial de bens.
Tras coñecerse a sanción laboral a Casal de Armán, así como outras infraccións como o salón de eventos ilegal que a adega mantén desde 2015, como vén contando Praza.gal, BNG e PSdeG pediron explicacións e criticaron que a Xunta siga a dar axudas públicas á empresa. Porén, este luns o presidente Rueda defendeu que "se procede darlle axudas a esta adega, e a calquera outra, porque se dan os requisitos", denegarllas suporía prevaricar. "Se procede, hai que dalas, neste caso e en calquera", incidiu o presidente.
Sobre as peticións de explicacións ao conselleiro, Rueda dixo que "cando calquera asunto pode revestir polémica o que hai que facer é explicalo" e, ao seu ver, "o conselleiro explicouno, e explicouno con detalle". "Teñen instrumentos para que no Parlamento se dean explicación", engadiu o presidente en resposta á oposición, á que dixo que "se llo piden no Parlamento non terá ningún inconveniente en repetir o que xa explicou".
"Se mo tivera contado antes, con estas explicacións tería pensado absolutamente o mesmo", asegura Rueda
Sobre cando coñeceu el esas explicacións -que Casal de Armán confiara no persoal enviado por unha empresa de traballo temporal-, Rueda dixo que "cando saíu todo isto" el foi "o primeiro en preguntarlle ao conselleiro que estaba sucedendo" e asegurou que "se mo tivera contado antes, con estas explicacións tería pensado absolutamente o mesmo". O presidente, pola contra, non quixo valorar o feito de que, cando a adega soubo que o persoal remitido pola ETT non tiña papeis, presentou unha denuncia contra esas tres persoas e non contra a ETT. Segundo dixo, non pode valorar "mecanismos de defensa da adega fronte a sanción".
Nas súas respostas Rueda incidiu en varias ocasións en que Casal de Armán é "unha adega na que o conselleiro non ten ningún tipo de relación, como xa acreditou".