O conselleiro de Emprego admite que migrantes sen papeis traballaron para a súa familia e acúsaos de falsidade

Rueda co conselleiro de Emprego, José González Vázquez, nun viñedo nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Xunta de Galicia

José González Vázquez defende "a honorabilidade" da súa familia, di que confiaron en que traballadores facilitados por unha ETT estaban en regra e que os denunciaron por "usurpación de identidade" cando unha inspección laboral os detectou

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González Vázquez, admitiu este martes que migrantes sen papeis vendimaron para a adega da súa familia ata que foron detectados por unha inspección laboral. Segundo o político do PP, que defende "a honorabilidade" da súa familia e da adega familiar, Casal de Armán, "o erro" foi "confiar en que as persoas contratadas a través dunha empresa de traballo temporal" tiñan os papeis en regra, pero que a inspección laboral constatou que os que efectivamente estaban a traballar nas viñas "non eran os que estaban nos listados da empresa de traballo temporal". Nese momento, di González Vázquez, a empresa da súa familia presentou "unha denuncia contra os temporeiros que usurparon a identidade daqueles que estaban legalmente contratados". 

Adega e complexo de turismo rural de Casal de Armán, cunha estrutura ilegal para eventos a carón da antiga reitoral de Santo André de Campo Redondo, hoxe museo da Xunta © Casal de Armán

Foi na vendima do pasado ano cando a inspección laboral, no marco dunha campaña de vixilancia no Ribeiro, abriu o expediente que rematou cunha sanción revelada este martes por elDiario.es e confirmada por Praza.gal contra Viña Campinas SL, filial do grupo Casal de Arman, propiedade da familia do conselleiro e no que el tivo participacións ata a súa entrada no Goberno galego en 2018. 

Preguntado por esa sanción, este mesmo martes José González Vázquez admitiu os feitos. "Non me doen prendas en confirmar evidentemente que foron obxecto dunha sanción por infracción administrativa, pero tamén quero defender a honorabilidade da empresa, da que eu non son socio, é da miña familia, e eu non participo nin na xestión, nin por suposto na organización, nin na contratación dos traballadores", comezou explicando.

O conselleiro incidiu en varias ocasións en que a empresa da súa familia presentou unha denuncia "non contra a ETT" senón "contra os temporeiros que usurparon a identidade daqueles que estaban legalmente contratados a través da ETT"

Segundo o conselleiro, "o episodio deriva do erro que foi confiar en que as persoas contratadas ou postas a disposición a través dunha empresa de traballo temporal (ETT), coa que se fala habitualmente para ter eses temporeiros de vendima, tiñan os papeis en regra". Porén, engadiu, "cando a inspección chega á viña constata que hai alí temporeiros que non son os que estaban nos listados da empresa de traballo temporal".

Ante ese descubrimento "inmediatamente a adega pon esta circunstancia en coñecemento, mediante unha denuncia, das forzas e corpos de seguridade do Estado por usurpación de identidade, non é unha denuncia contra a ETT, é unha denuncia contra os temporeiros que usurparon a identidade daqueles que estaban legalmente contratados a través da ETT", incidiu o conselleiro. González Vázquez tamén salientou que "a sanción imposta foi no seu grao mínimo e na contía legalmente mínima establecendo tamén a inspección que non apreciaba circunstancias agravantes".

Para o conselleiro o ocorrido é "un desgraciado incidente que non ten na da que ver coa explotación de inmigrantes" e "o que si se me trasladou é que na empresa están sendo máis rigorosos na xestión empresarial para evitar que estes acontecementos se poidan volver repetir".

Salón de eventos ilegal e ilegalizable levantado por Casal de Armán a carón dunha antiga casa reitoral protexida en Ribadavia CC-BY-SA Praza Pública - Casal de Armán

Nese punto González Vázquez foi preguntado polas primeiras peticións de dimisión ou explicacións que xa chegaron desde BNG, PSdeG ou Sumar. "Eu non vou entrar", dixo o conselleiro, que insistiu en que estaba "aclarando perfectamente" o sucedido e que fora "un erro derivado de considerar que estaban todos os papeis en regra". 

O político popular incidiu en que a denuncia da empresa familiar foi "por usurpación de identidade non contra a ETT senón contra os que usurparon a identidade", en relación os migrantes, e volveu defender "a honorabilidade da miña familia e da empresa que leva moitos anos cumprindo escrupulosamente as súas obrigas legais en materia de Seguridade Social e demais".

Antecedentes de Casal de Armán

Casal de Armán ten pendente de derrubar un salón de eventos ilegalizable que atenta contra o patrimonio desde hai unha década, e con González Vázquez aínda como socio tamén incumpriu unha subvención de Medio Rural

Casal de Armán, impulsada polo xa falecido pai do conselleiro de Emprego e herdada polos seus fillos, está configurada en varias empresas, tendo un papel destacado Bodegas Casal de Armán SL, encargada de xestionar a adega de viños, e Casal de Armán SL, que ten ao seu cargo un hotel rural con restaurante e recinto de eventos anexo á adega en Santo André de Campo Redondo, Ribadavia. O conselleiro de Emprego foi socio da primeira empresa "por herdanza" cos seus irmáns ata 2018, ano en que se desfixo da súa participación ao ser nomeado membro do Goberno galego. Pola súa banda, a segunda empresa mantén desde 2015 un salón de eventos prefabricado a carón da antiga casa reitoral desa parroquia, edificio protexido por Patrimonio no que a Xunta instalou o Museo do Viño de Galicia.

A xustiza, como vén contando Praza.gal, certificou que esa edificación debe ser derrubada por ilegal e ilegalizable, pero esa demolición vense demorando grazas a contradicións e demoras da Xunta mentres a empresa impulsa un plan urbanístico co que ampliar as súas instalacións xa de xeito legal nas proximidades. A Xunta, ademais, vén demorando que Praza.gal poda acceder ao expediente actualizado sobre esa construción.

Antes de entrar na política activa, como inspector de Facenda José González Vázquez, que tamén se presentaba como empresario vitivinícola, foi vogal do Consorcio da Zona Franca de Vigo entre 2009 e 2014 e un dos tres administradores concursais que tivo durante a súa suspensión de pagos o Celta, propiedade da familia Mouriño, que conta tamén con importantes intereses vinícolas. Nas eleccións galegas de setembro de 2016 González Vázquez entrou no Parlamento como deputado do PPdeG, en 2018 foi nomeado por Alberto Núñez Feijóo conselleiro de Medio Rural e desfíxose das participacións empresariais, e en 2024 Alfonso Rueda mudoulle as responsabilidades como conselleiro de Emprego.

Con González Vázquez aínda como socio, Bodegas Casal de Armán SL tamén incumpriu, segundo unha sentenza do TSXG revelada por Praza.gal, unha subvención de Medio Rural de 47.000 euros porque tiña "licenza de colleiteiro" e non para a "produción industrial" que realmente realizaba e porque non xustificou correctamente os gastos a que ía dirixida a axuda.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.