Dous de cada dez migrantes acollidos á regularización en Galicia xa traballan de xeito legal: máis de 7.300

Muller migrante atendida na ONGD Viraventos e gráfico co número de migrantes regularizados xa con traballo legal CC-BY-SA Foto: ONGD Viraventes / Montaxe: Praza.gal

O pasado 30 de xuño, día no que finalizaba o prazo para presentar solicitudes para a regularización extraordinaria de persoas migrantes impulsada polo Goberno de España, case 7.400 atopábanse xa traballando de maneira legal. Na mesma xornada na que se presentaban as últimas peticións, dous de cada dez das que o fixeran desde que comezara o proceso 16 de abril xa estaban dadas de alta como afiliadas á Seguridade Social. 

Case 7.400 persoas migrantes que veñen de ser regularizadas estaban traballando legalmente no último día de prazo para acollerse ao proceso extraordinario

Son os datos que deixan as cifras achegadas esta pasada fin de semana pola Delegación do Goberno de España en Galicia, que detalla que aquel 30 de xuño eran exactamente 7.390 as persoas que viñan de ser regularizadas no país e xa estaban traballando legalmente. Supoñen case dúas de cada dez das perto de 39.000 que en Galicia se acolleron a este procedemento en Galicia. 

A cifra é importante, xa que supón tamén máis do 10% do conxunto de persoas traballadoras estranxeiras e de fóra da UE —as que teñen pasaporte comunitario non precisan desta regularización— afiliadas á Seguridade Social en Galicia, que a finais do pasado mes de xuño volveu alcanzar un récord. 

Porque o peso do traballo estranxeiro en Galicia alcanzou xa o 8% e o total de persoas migrantes afiliadas rozou as 90.000 (89.913 no último día de xuño). Son 15.000 máis que hai dous anos, 50.000 máis que hai cinco e 60.000 máis que hai unha década. 

Supoñen case o 20% das persoas que presentaron a solicitude para regularizarse e o 10% do conxunto das traballadoras de fóra da UE en Galicia

En canto ás persoas migrantes que veñen de regularizarse e xa traballan legalmente, Galicia concentra case o 5% do total en toda España na mesma situación, máis de 159.000 no último día de xuño. Entre as catro provincias de Galicia, A Coruña é con diferenza onde máis migrantes se incorporaron ao mercado laboral grazas a este procedemento, un total de 3.404, o 2,1% do total estatal. Outros 1.881 fixérono en Pontevedra, 1.088 en Lugo e 1.017 en Ourense. 

As persoas migrantes teñen a posibilidade de empezar a traballar de xeito totalmente legal así que a súa solicitude de regularización é admitida a trámite e reciben a comunicación de que o proceso xa foi iniciado, non sendo necesario agardar á resolución final do expediente. 

O delegado do Goberno de España en Galicia, Pedro Blanco, destacou uns datos que "amosan que é posible fornecer o estado de benestar e xestionar a migración con legalidade, con responsabilidade e con dignidade". "Fronte a quen levanta muros, nós apostamos por integrar, por garantir dereitos e crear oportunidades", engadiu. 

"Quen traballa, cotiza e contribúe forma parte do progreso de Galicia", destaca a Delegación do Goberno de España en Galicia

Ademais, defendeu a necesidade que ten Galicia de sumar poboación traballadora polo seu envellecemento e o requirimento de man de obra en moitos sectores. "Quen traballa, cotiza e contribúe forma parte do progreso de Galicia", dixo. 

A importancia do traballo de persoas estranxeiras en Galicia é cada vez máis importante e os datos teñen en conta agora este proceso de regularización masiva, pero non o importante número de cidadáns chegados de fóra pero con pasaporte español por ascendencia galega. 

América Latina lidera o traballo estranxeiro

Se debullamos os datos, América Latina segue a ser a orixe principal das persoas traballadoras estranxeiras en Galicia, onde máis do 75% proveñen de países non comunitarios. 

Venezuela é, logo do auxe da súa emigración nos últimos anos, o país de procedencia máis importante entre os e as traballadoras estranxeiras en Galicia. O segundo colectivo máis importante é o dos procedentes de Portugal, que conta con forte presenza desde hai tempo. 

Son outros tres países de Latinoamérica os que contan con maior representación entre o persoal laboral en Galicia tras Venezuela e Portugal: Colombia, o Perú e mais o Brasil. 

En canto aos postos de traballo, a hostalaría é con diferenza a actividade onde maior número de persoas estranxeiras traballan, supoñendo arredor do 20% do total de emprego deste colectivo en Galicia.

O comercio, o transporte e a industria manufactureira son outras tres actividades onde o persoal chegado de fóra ten un importante peso. Tamén nos servizos sociais e sanitarios é importante a súa presenza. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.