O Foro Galego de Inmigración aplaude que o Goberno de España vaia emendar a "intolerable" situación de que "houbese persoas convivindo connosco sen dereitos". Conversamos co seu voceiro ao respecto
Unhas 8.000 persoas. É a estimación que o Foro Galego de Inmigración, a plataforma que agrupa diversas entidades que traballan no noso país con persoas migrantes, fai sobre o impacto que vai ter en Galicia a regularización extraordinaria que vén de aprobar o Goberno de España. A propia incerteza das cifras, necesariamente unha estimación, é para o voceiro do Foro, Miguel Fernández, boa mostra da necesidade de aplicar unha medida coma esta.
"É un cálculo complicado", subliña Fernández en conversa con Praza.gal. Apuntan a que son arredor de 8.000 baseándose en datos de empadroamentos e sumando a "quen ten algún tipo de autorización". Poderían chegar á contorna das dez mil atendendo tamén "solicitudes de asilo" e persoas "pendentes de resolución" que xa non son "exactamente irregulares" a efectos administrativos.
En calquera caso, advirte, o que si ve claro o Foro é que quedan cubertas "a maior parte das persoas que teñen que regularizar" a súa situación e que ata agora vivían "na total indefensión". "Nin sequera se podía saber cantas persoas son" e, polo tanto, resultaba imposible "dimensionar as políticas públicas contando con elas".
"A nivel social e económico é unha vantaxe para todos" porque "se poden incorporar mellor ao mercado laboral" e porque a situación irregular facía imposible "dimensionar políticas públicas contando con eles"
Para o Foro Galego de Inmigración -no que participan diversas entidades sociais e políticas, dende forzas sindicais e da esquerda ata organizacións da Igrexa católica, asociacións culturais ou colectivos feministas- o "primeiro" e máis relevante "efecto positivo" da regularización é que atalla o feito de que "era intolerable que houbese persoas convivindo connosco e sen dereitos". Pero ademais, evidencia Miguel Fernández, "a nivel social e económico é unha vantaxe para todos, porque son persoas que se poden incorporar mellor ao mercado laboral".
Neste sentido, subliña Fernández a "clara demanda por parte do empresariado para cubrir postos de traballo que quedan vacantes". "Moitas veces chégannos empresarios que queren contratar e non poden" por "non poder facerlle os papeis" ás persoas traballadoras, ilustra. Mesmo desde unha perspectiva "egoísta", matiza, a regularización vén beneficiar a poboación que "mantén o traballo na hostalería e no turismo" ou "coida as nosas persoas maiores". Non van, resalta, a poboación migrante que xa estaba en situación administrativa regular vén sendo "clave no desenvolvemento económico dos últimos anos".
Nun contexto no que ve cumpridas as demandas incluídas na Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) pola regularización, que o Foro Galego de Inmigración apoiou canda entidades de todo o Estado, Miguel Fernández amósase "sorprendido" ao ser preguntado polo rexeitamento do PP á regularización. Máis aínda cando é apoiada ás claras pola Igrexa católica e a despois de que que os populares votasen "si" á súa admisión a trámite no Congreso.
"Supoño que non queren concederlle un tanto ao Goberno e que tamén ten que ver coa presión da extrema dereita, que sempre utiliza isto", matiza Fernández sobre a oposición do PP á medida
"É sorprendente, porque é unha medida que calquera entende, eles tamén, como claramente positiva", sinala. "Supoño que non queren concederlle un tanto ao Goberno e que tamén ten que ver coa presión da extrema dereita, que sempre utiliza isto", lamenta.
Ligado con esas críticas, Miguel Fernández refuta tamén "aos que soen poñer como problema que a regularización provoque un efecto chamada". "Non é certo; quen vén faino normalmente porque ten que saír do seu país, obrigado, e vai vir igual", resalta nun contexto no que ademais, evidencia, "tamén din cousas" a respecto dun suposto impacto electoral cando "realmente non poden votar" e a cidadanía de orixe estranxeira allea á Unión Europea, en xeral, só pode facelo cando vén de "determinados países con convenios" co Estado español e unicamente nos comicios municipais.