Máis de 12 de cada 100 galegos e galegas naceron no estranxeiro, ao redor de 330.000 persoas. Os datos falan (e é doado constatalo ao saír á rúa de vilas e concellos pequenos) que a poboación nacida noutros países está tamén contribuíndo a enriquecer e rexuvenecer a Galicia vilega e rural
Máis de 12 de cada 100 galegos e galegas naceron no estranxeiro, ao redor de 330.000 persoas. A nova Galicia é mestiza, ten cen acentos e naceu en moitos lugares distintos. Unha fermosa mestura que constrúe un país. Como cantou Narf, "Son galego da Arxentina, galego da Alemaña. Galego de Cuba, da Suíza, da Holanda, do Canadá. Galego na Galiza imaxinaria".
Os últimos datos do Censo, coñecidos hai unhas semanas, e que corresponden ao 1 de xaneiro de 2025, amosan un forte incremento no número de persoas nacidas fóra do Estado -un 32% máis en catro anos-, produto dun fluxo migratorio que cada ano trae ao país a 40.000 persoas, maioritariamente novas, con orixe no estranxeiro. Os datos do censo refliten, ademais, que esta poboación non se concentra só nas cidades, aínda que en boa medida entra no país a través das urbes, senón que se espalla por todo o país.
Os datos falan (e é doado constatalo ao saír á rúa de vilas e concellos pequenos) que a poboación nacida no estranxeiro está tamén contribuíndo a enriquecer e rexuvenecer a Galicia vilega e rural. De Venezuela, Colombia, Senegal, Romanía, Marrocos, Brasil, Perú, Cuba, Ucraína, China, Honduras ou Mauritania, estas comunidades, máis grandes ou máis pequenas, contan coa súa representación en numerosas localidades, como amosa o seguinte mapa interactivo.
De Venezuela, Colombia, Senegal, Romanía, Marrocos, Brasil, Perú, Cuba, Ucraína, China, Honduras ou Mauritania, estas comunidades, máis grandes ou máis pequenas, contan coa súa representación en numerosas localidades, como amosa o mapa
Nel, podemos observar o peso relativo que en cada concello teñen as persoas nacidas nalgúns dos países de orixe máis habituais dos galegos e galegas nacidas no estranxeiro. Tanto as dos colectivos máis numerosos, coma as doutras orixes menos frecuentes. Ás veces, a distribución está estendida por todo o país, por exemplo no caso das persoas nacidas en Venezuela, pero aínda así destaca a súa importancia na contorna de Celanova.
O mesmo pasa coas persoas nacidas en Colombia, máis habituais en varios concellos lucenses. Ou coas persoas nacidas en Cuba, que aumentan en Meira. Ou cos nacidos no Uruguai, máis numerosos aínda no Carballiño.
Hai unha maior proporción de persoas nacidas en Marrocos no norte da provincia de Lugo e de persoas nacidas en Alxeria no Deza. Tamén hai máis persoas nacidas en Bolivia no sur de Pontevedra. E máis nacidas en Honduras no leste da provincia de Lugo.
Chama a atención, igualmente, o peso das persoas nacidas en Suíza na comarca de Bergantiños e a Costa da Morte, ou das persoas nacidas na Alemaña ou Francia nalgúns concellos ourensáns. Ou dos nacidos en México en Avión e Beariz. E algunhas comunidades moito máis pequenas e concentradas en poucos lugares, coma as dos nacidos en Mauritania en Ribeira ou as nacidas en Polonia na Mezquita ou en Carballeda de Valdeorras.
A Coruña:
Na Coruña case o 18% dos seus habitantes naceron no estranxeiro, a porcentaxe máis elevada entre as cidades galegas
Os datos do Censo do INE correspondentes ao 1 de xaneiro de 2025 amosan tamén a proporción de poboación nacida noutros países que reside en cada sección censual, espazos que nas cidades abranguen apenas un grupo de rúas. Na Coruña case o 18% dos seus habitantes naceron no estranxeiro, a porcentaxe máis elevada entre as cidades galegas. Nos últimos catro anos o seu peso na poboación local aumentou un 33,6%, preto da media do país.
O mapa da cidade herculina reflite, ademais, a maior concentración desta poboación nunha serie de barrios unidos pola Rolda de Outeiro, dende Os Mallos e a Sagrada Familia ata a Agra do Orzán e o Ventorrillo, con porcentaxes que superan o 30% e mesmo se achegan ao 40% nalgunhas seccións concretas dos Mallos, Sagrada e Agra.
A maior concentración desta poboación dáse nunha serie de barrios unidos pola Rolda de Outeiro, dende Os Mallos e a Sagrada Familia ata a Agra do Orzán e o Ventorrillo, con porcentaxes que superan o 30% e mesmo se achegan ao 40% nalgunhas seccións
Noutros barrios a porcentaxe, tamén elevada, descende notablemente, como sucede nos Castros, no Castrillón, en Labañou ou a Pescaría, por riba do 20%. Nos Rosais, no Ensanche ou en Riazor as proporcións descenden significativamente, mesmo por debaixo do 10%.
En todo caso, en toda a cidade o aumento do peso desta poboación é relevante, atopando mesmo seccións nos que a proporción de residentes nacidos no estranxeiro se duplicou en catro anos.
Vigo:
En Vigo a poboación nacida fóra medra no Berbés e Beiramar, no Calvario e nas rúas próximas á Travesía de Vigo e á estación de Urzaiz, con porcentaxes que se achegan ao 30%, aínda que sen chegar aos máximos que se rexistran na Coruña
En Vigo, a meirande cidade do país, a proporción de poboación nacida no estranxeiro é menor que na Coruña, un 15%, por debaixo tamén dos datos de Ourense e Lugo, pero por riba dos de Pontevedra, Santiago ou Ferrol. Dende o 2021 o seu peso incrementouse un 26,6%, por debaixo da media galega.
Ao igual que sucede na Coruña, tamén aquí a poboación nacida noutros países se concentra especialmente nalgúns barrios. Por unha banda, no Berbés e Beiramar, e pola outra, no Calvario e nas rúas próximas á Travesía de Vigo e á estación de Urzaiz, con porcentaxes que se achegan ao 30%, aínda que sen chegar aos máximos que se rexistran na Coruña.
O contraste co resto da cidade é moi grande, pois na maior parte do termo municipal, tanto nas parroquias do interior coma en barrios como Bouzas ou Navia, non se chega ao 10%.