O pasado ano chegaron a Galicia 30.325 persoas máis das que marcharon do país. Nunca o saldo migratorio (diferenza entre entradas e saídas) fora tan positivo
2024 marcou un novo rexistro positivo histórico para Galicia en materia migratoria. Nunca, dende que hai datos, chegara tanta poboación doutros territorios e nunca o saldo migratorio (diferenza entre entradas e saídas) fora tan positivo. Segundo os datos correspondentes a 2024, que este xoves publicou o Instituto Nacional de Estatística (INE), o pasado ano chegaron a Galicia 30.325 persoas máis das que marcharon do país, por riba do máximo anterior, que se fixara en 2022.
O saldo positivo débese principalmente aos movementos co estranxeiro (+27.730, tamén un máximo da serie histórica), ao que hai que sumar un saldo migratorio igualmente positivo co resto do Estado español, aínda que dunha menor contía (+2.595), semellante ao dos dous últimos anos.
A chegada de poboación nacida noutros países, unhas 124.000 persoas entre 2022 e 2024, levou a reverter o descenso no número total de habitantes en Galicia (a poboación está a medrar unhas 15 mil persoas por ano, acadando o seu máximo dende 2025), con importantes subas nas cidades e tamén está a contribuír a frear o envellecemento do país, cun incremento dos nacementos no que levamos de 2025 en relación ao ano anterior.
A chegada de poboación nacida noutros países, unhas 124.000 persoas entre 2022 e 2024, fai medrar a poboación en máis de 15.000 persoas cada ano
A poboación que chega a Galicia dende o estranxeiro é maioritariamente nova, de menos de 45 anos, o que leva a que o saldo migratorio sexa especialmente positivo entre a mocidade. Iso si, como veremos, segue a existir un fluxo migratorio de poboación nova (entre 20 e 30 anos) nacida en Galicia que se dirixe a outros territorios do Estado.
En 2024 chegaron a Galicia 44.190 persoas que anteriormente residían no estranxeiro
No ano 2024 chegaron a Galicia 44.190 persoas que anteriormente residían no estranxeiro. Á inversa, marcharon para outros países 16.460 persoas que vivían en Galicia. Pero, ollo, desas 16.460 persoas que marcharon ao estranxeiro, tres de cada catro naceron fóra do Estado español, polo que en moitos casos estes poden ser fluxos de retorno aos seus territorios de orixe. De igual xeito, o 8% das chegadas dende o estranxeiro corresponden a persoas nacidas en España, polo que poden ser movementos de regreso de poboación emigrada.
As chegadas dende outras comunidades autónomas (22.839) foron tamén superiores ás saídas (20.244)
En canto aos fluxos con outras comunidades do Estado español, as chegadas (22.839) foron tamén superiores ás saídas (20.244). Neste caso, tanto nun sentido coma noutro, ao redor do 40% dos movementos corresponden a persoas nacidas fóra do Estado español e o 60% a persoas nacidas en España.
O saldo migratorio é especialmente positivo entre os menores de 30 anos
Hai diferenzas por idade, pois a maior parte dos movementos migratorios corresponden a poboación nova, de menos de 45 anos. O saldo migratorio é especialmente positivo entre os menores de 25 anos e sobre todo se miramos unicamente os movementos migratorios co estranxeiro.
Iso si, o saldo migratorio interno (en relación co resto do Estado) é negativo entre os 20 e os 30 anos
Hai, iso si, unha excepción. Se miramos os movementos migratorios co resto do Estado, atopamos un saldo menos positivo para Galicia, especialmente entre a poboación máis nova. É dicir, hai un fluxo de mocidade segue a marchar a outras comunidades autónomas, ben para estudar, ben na procura dalgunha oportunidade laboral. De feito, o saldo migratorio interno é negativo entre os 20 e os 30 anos (-595) e este é o único grupo de idade, xunto cos maiores de 80 anos, no que isto sucede.
Só 57 concellos presentan un saldo negativo, mentres que é positivo en 250
E que sucede concello a concello? O mapa amosa que a inmensa maioría de Galicia presenta un saldo migratorio positivo, con escasas excepcións, pois só 57 concellos presentan máis saídas que chegadas de poboación, mentres que en 250 localidades o saldo é positivo. En 2023 eran 67 os concellos cun saldo negativo.
Entre estas localidades con saldo negativo destacan algunhas áreas, como a Mariña Occidental, encabezada por Viveiro, tamén a montaña lucense, así coma algúns concellos do centro e sur da provincia de Ourense, ou do interior das provincias de Pontevedra (A Lama, Agolada, Vila de Cruces...) e A Coruña (Touro, Frades...).
Unha análise semellante pode facerse cos datos de migración exterior (co estranxeiro), que presenta un saldo negativo unicamente en 11 concellos, encabezados por Manzaneda e Lobios. Neste caso, destaca o saldo positivo nas cidades e áreas metropolitanas, pero tamén en grandes vilas e cabeceiras comarcais, como Monforte, Carballo, Sarria, O Carballiño ou Ordes.
Finalmente, os datos correspondente ao saldo migratorio interior (con outros concellos, tanto de Galicia coma do resto do Estado) da pé a unha análise máis matizada. De feito, será interesante debullar nestes indicadores para diferenciar as distintas capas destas cifras, observando os datos do saldo intraporvincial (con outros concellos da mesma provincia), o saldo con localidades galegas doutras provincias e tamén o saldo con outras comunidades do Estado.
O saldo migratorio interior é positivo en 172 concellos e negativo en 137. As localidades cun saldo máis negativo son algunhas das cidades, encabezadas pola Coruña, Vigo, Ourense e Lugo (en cambio, Ferrol, Pontevedra e Santiago presentan un saldo lixeiramente positivo). Aquí podemos ver o resultado tanto de fluxos de saida de poboación cara ás súas áreas metropolitanas, pero tamén en dirección a outras comunidades autónomas, moitas veces de persoas que por razóns laborais van e veñen.
Hai datos negativos en localidades rurais como Agolada, Vila de Cruces, A Lama, Folgoso do Courel... Con todo, tamén presentan saldos interiores negativos vilas como Viveiro, O Barco, O Grove, Cambre, Teo, Boiro, A Guarda, Redondela, Culleredo, Cangas ou Melide. En cada caso, as razóns e os lugares de destino destas migracións poden ser diferentes.
No outro extremo, os concellos que están a recibir máis poboación doutras zonas do Estado español (maioritariamente do resto de Galicia) son Narón, Oleiros, Carballo, Bergondo, A Laracha, Sada, Ames, O Porriño, Salvaterra do Miño, Ares, Betanzos, Outeiro de Rei ou Mos, situadas nas contornas das cidades. Pero tamén, se forma significativa, Foz ou Monforte de Lemos.