En Larouco, Verea, Negueira de Muñiz, Ribeira de Piquín, Monterroso, A Bola, Punxín e Lobios a poboación medrou en máis dun 5% dende o 2021
A Galicia rural perde poboación e a urbana gáñaa. Esa é a tendencia que de forma ininterrompida segue o país dende hai 75 anos (e mesmo dende máis atrás). Pero nese debuxo xeral hai excepcións, especialmente nese territorio non urbano, concellos rurais que son quen de manter a súa cifra de habitantes e mesmo de aumentala. Localidades que se van consolidando como núcleos comarcais, que atraen inmigración, que evitan que as novas xeracións marchen, que mesmo rexistran taxas de natalidade por riba da media galega.
Pola contra, hai tamén un gran número de concellos rurais (a maioría, de feito) no que a caída da poboación é unha constante e nos que o ritmo de devalo non se frea. Repasámolos tamén aquí.
Hai uns días o INE publicou as cifras actualizadas do Censo correspondentes ao 1 de xaneiro de 2025. Neses datos, aínda que durante o pasado ano 2024 Galicia incrementou de forma importante a súa poboación, con case nove mil habitantes máis, unha tendencia que se mantén neste ano 2025, foron máis os concellos que perderon poboación (189) que os que a gañaron (121), con tres localidades nas que non houbo cambios.
Entre eles destaca o caso de Larouco, que pasou de 429 a 484 habitantes, un aumento do 13%. Ou o de Verea (de 909 a 971, un 7%), ambos os dous con taxas de natalidade por riba da media galega
Entre estas 121 localidades que incrementaron o seu número de habitantes, están as sete cidades e boa parte da Galicia urbana, pero tamén algúns concellos da zona rural, excepcións nun contexto de devalo poboacional nestas áreas.
Larouco, Verea, Negueira de Muñiz, Ribeira de Piquín, Monterroso, A Bola, Punxín e Lobios son oito concellos da Galicia rural -Monterroso o único dunha certa dimensión- que dende o ano 2021 aumentaron a súa poboación en máis dun 5%. A eles poderíamos engadir Castro Caldelas, Curtis, Coirós, Corcubión, Sobrado, Paderne, San Xoán de Río, Meira, Maside ou Vilarmaior, tamén en ascenso nestes últimos catro anos.
Nesta relación hai concellos que se están a beneficiar da súa situación próxima á áreas urbanas ou grandes vías de comunicación
Entre eles destaca o caso de Larouco, que pasou de 429 a 484 habitantes, un aumento do 13%. Nos últimos anos consolidouse como o concello rural cunha maior taxa de natalidade. Ou o de Verea (de 909 a 971, un 7%), que xa destacamos nesta reportaxe pola súa elevada natalidade e polas políticas postas en marcha polo Concello para fixar poboación.
Nesta relación hai concellos que se están a beneficiar da súa situación próxima á áreas urbanas ou grandes vías de comunicación, como Paderne e Vilarmaior, a carón da AP-9 e próximos á Coruña. Our Coirós e Curtis, a carón da A-6. Ou Punxín e Maside, preto da cidade de Ourense.
En cambio, atopamos no outro extremo un gran número de concellos rurais que nos últimos catro anos continúan a perder poboación de maneira acelerada, encabezados por Dozón (-19% dende o 2021
Outros presenta unha certa capacidade para constituírse en núcleo comarcal, como Monterroso ou Meira, ambos os dous non lonxe de Lugo, ou Castro Caldelas. En varios casos, coincide este incremento poboacional cunha mellora das súas taxas de natalidade, como sucedía en Larouco e Verea, e tamén en Curtis, Meira ou Maside.
Cómpre sinalar que este incremento poboacional racha unha tendencia acentuada de descenso nos anos anteriores en case todos estes concellos, agás no caso de Coirós (en ascenso dende hai tempo) Meira e de Curtis.
Trinta concellos perderon máis do 40% da súa poboación no que levamos de século
En cambio, atopamos no outro extremo un gran número de concellos rurais que nos últimos catro anos continúan a perder poboación de maneira acelerada. É o caso de Dozón (-19% dende o 2021), Cervantes (-11%, As Nogais, Calvos de Randín (-10% nos tres casos), Paradela, Vilardevós, Manzaneda, Beariz, Lobeira (-9%), Sandiás, Dumbría, Parada de Sil, Carballeda de Valdeorras, A Fonsagrada, Pedrafita do Cebreiro ou Baleira (-8%).
Descensos que se engaden aos rexistrados nas dúas décadas anteriores e que por exemplo reduciron en máis dun 40% a poboación de Navia de Suarna, Calvos de Randín, Rodeiro, Cervantes, Montederramo, Muras, San Xoán de Río, Dozón, Chandrexa de Queixa, Pedrafita do Cebreiro, Samos, Agolada, Gomesende, Vilardevós, A Teixeira, Lobeira, Os Blancos, As Nogais, O Bolo, Parada de Sil, Padrenda, Vilar de Barrio, Sarreaus, Baleira ou Beariz.