Verea: reforzo dos servizos públicos e un banco de vivendas baleiras para un rural vivo e que gaña poboación

Escudo de Verea sobre unha paisaxe da localidade © Montaxe: Praza.gal / Fran Dorado

Verea é un pequeno concello rural do sur da provincia de Ourense de só 955 habitantes. Esta localidade estase a distinguir por non perder poboación (e mesmo incrementala), por atraer novos residentes e por rexistrar unha taxa de natalidade por riba da media galega

Verea é un pequeno concello do sur da provincia de Ourense de só 955 habitantes e que, como a maior parte da Galicia rural, está envellecido (o 49,7% da poboación ten máis de 65 anos). Porén, esta localidade estase distinguindo por non perder poboación (e dende o 2020 mesmo incrementándoa), atraendo novos residentes e por rexistrar nos últimos anos unha taxa de natalidade por riba da media galega

Que é o que explica estas estatísticas? Ademais da súa proximidade a Celanova e Ourense (9 e 27 minutos por autovía), o Concello de Verea destacou nos últimos anos polo reforzo dos seus servizos públicos, como a posta en marcha dun sistema de transporte público, a apertura dunha casa-niño, servizos de coidado polas tardes para nenos e nenas en idade escolar, unha Casa do Maior ou a inminente inauguración dun fogar residencial para a terceira idade.

Unha parte da resposabilidade do éxito de Verea hai que atribuírlla ao seu rexedor, Xosé Antonio Pérez Valado (BNG), que despois de 20 anos na oposición en 2019 accedeu á Alcaldía e en 2023 acadou os sete concelleiros en xogo. Con el falamos.

Destaca tamén a súa política de vivenda, pois o Goberno local creou un banco municipal de vivendas baleiras que localiza e difunde os inmobles que están dispoñibles nas distintas parroquias e que poden ser habitados. Ademais, exerce unha mediación cos propietarios para facilitar a venda ou o alugueiro para as persoas interesados. Igualmente, conta con catro vivendas sociais que poden ser alugadas cun prezo reducido para quen o solicite e está a rematar unha quinta e iniciando os trámites para contar cunha sexta.

Unha parte da resposabilidade do éxito de Verea hai que atribuírlla ao seu rexedor, Xosé Antonio Pérez Valado (BNG), que en 2019 accedeu á Alcaldía con 3 dos 7 concelleiros en xogo e o apoio do PSdeG e en que 2023 obtivo os 7 edís cun 87% dos votos. Empresario do sector da construción, pasara previamente vinte anos como concelleiro na oposición. Falamos con el sobre a xestión realizada, as dificultades de gobernar un concello pequeno e os plans de futuro.

Nos últimos anos Verea distinguiuse polo reforzo dos servizos públicos, como a posta en marcha dun sistema de transporte público, a apertura dunha casa-niño, servizos de coidado polas tardes para nenos e nenas en idade escolar, unha Casa do Maior ou o inminente fogar residencial para a terceira idade

Como é xestionar un Concello pequeno cun orzamento tan cativo? Supoño que a falta de recurso obriga a pensar ben todas as accións e, sobre todo, a facelo todo vós mesmos, non si?

Nós non temos dedicacións exclusivas e creo que é o mellor nun concello coma o noso. Non digo que non se poida facer, de feito o meu antecesor si que a tiña, pero ao final como manexamos un orzamento tan reducido, se dedicas unha partida a isto, estáslla quitando a investimentos reais. Nin eu nin ningún dos concelleiros temos asignación ningunha e isto permitiunos aforrar uns 40 mil euros anuais. Eu sei que isto non soa ben e hai compañeiros que non lles gusta que diga isto, pero xestionar un concello coma este é compatible con ter outro emprego. Outra cousa é que o traballo cho permita; no meu caso son autónomo e podo administrar o meu tempo e ao final quítolle tempo ao ocio ou ao familia.

Por outra banda, o serdes mil habitantes en Verea facilita que coñecer persoalmente a todos os veciños, cun contacto directo para a solución de problemas. Creo que mesmo puxestes en marcha unhas xuntanzas na Casa do Concello, os sábado pola mañá, nas que ademais de participar todos os concelleiros pode intervir calquera veciño que o desexe. Como son estes encontros?

Si, efectivamente. Todos os sábados pola mañá estou aí no Concello entre as nove e a unha ou unha e media para calquera cousa que os veciños queiran falar ou preguntar. E aí aproveitamos para reunirnos os concelleiros. Facémolo así, os sábados, precisamente porque cada un ten o seu traballo de luns a venres e este é o momento que teñen para reunirse.

Xosé Antonio Pérez Valado, alcalde de Verea © BNG

O Goberno local creou un banco municipal de vivendas baleiras e media cos propietarios para convencelos de que as vendan ou aluguen, subiu o IBI a quen non o fixese e fíxose cunha pequena rede de inmobles para alugueiro social. De momento son xa catro e pronto serán seis.

Unha das prioridades do voso goberno dende o primeiro momento foi o reforzo dos servizos públicos no concello. Supoño que é unha das claves para non perder poboación e mesmo gañala: non só ter un emprego na localidade ou preto, senón tamén contar con servizos próximos, non si?

Aquí temos unha vantaxe, que é que pasa a autovía por Verea, o que nos permite chegar moi rápido a calquera lugar. Por exemplo, hai moita xente que traballa en Ourense e vai e volve moi rapidamente. Que problema tiñamos? Que a xente con nenos pequenos ou en idade de telos non tiña onde deixalos cando ía traballar, así que buscamos unha promotora para que xestionase unha casa-niño, porque é un servizo moi bo que ten a Xunta. Outro problema era que facer cos rapaces cando volvían da escola pola tarde. Así que creamos un servizo de conciliación familiar que dende as tres e ata as nove e media coida dos rapaces nun aula onde poñen facer os deberes, teñen ordenadores, internet... Damos unha axuda por cada nacemento, tamén damos unha axuda para material escolar ao inicio de cada curso. E grazas a todas estas cousas temos a casa niño completa. Ademais o ano pasado tiñamos 67 rapaces entre 3 e 16 anos e agora xa temos 73 rapaces en idade escolar.

A vosa primeira medida en 2019 foi a creación dun sistema de transporte público a través de taxi...

Si, outra necesidade que viamos era a do transporte. Viamos que moita xente, cando chegaba a certa idade, perdía o carné de conducir e sobre todo comezaba a ter dificultades para desprazarse ao médico e moitos decidían marchar para Celanova ou Ourense. Así que puxemos en marcha un servizo público de taxi e freamos esa sangría de xente que marchaba. Co taxi puxémoslle o médico á porta da casa.

"Viamos que moita xente, cando chegaba a certa idade, perdía o carné de conducir e sobre todo comezaba a ter dificultades para desprazarse ao médico. Moitos decidían marchar para Celanova ou Ourense. Así que puxemos en marcha un servizo público de taxi e freamos esa sangría de xente que marchaba"

E, despois, está a política de vivenda, sobre todo ese banco de vivendas co que difundides cantas vivendas están dispoñibles e, sobre todo, exercedes unha mediación cos propietarios para que poñan á venda ou en alugueiro o inmobles baleiros. Como é este traballo?

Eramos conscientes de que había moitas casas pechadas que acababan caendo sobre os camiños. Unha das medidas que creamos foi crear un banco de vivendas, convencendo á xente que ten as vivendas pechadas para que as poña á venda ou as alugue. Eu entendo que alguén pode ter unha vivenda baleira porque quere a fin de semana ou nas vacacións, pero se nunha vivenda non entras en todo o ano, acaba deteriorándose e acaba converténdose nun problema. 

Nós tentamos convencer os propietarios, pero evidentemente están no seu dereito de non vendelas ou alugalas. Así que dende o Concello tomamos a decisión de incrementar o IBI das vivendas baleiras a través dunha ordenanza, aínda que isto é algo que debe implementar o Estado. Canto máis barato resulta ter baleira unha vivenda, máis doado é que o propietario decida facelo, pero se che custa cartos pois igual si que pensas en vendela ou alugala.

Casa do Concello de Verea CC-BY-SA elisardojm

"Eu entendo que alguén pode ter unha vivenda baleira porque quere a fin de semana ou nas vacacións, pero se nunha vivenda non entras en todo o ano, acaba deteriorándose"

E, ademais, contades cunha pequena reserva de vivenda social para alugueiro barato que ofrecer a quen queira vir vivir a Verea. De momento hai catro inmobles. Vai aumentar o número?

Non esaxero se digo que se tivésemos vinte vivendas máis para alugar, alugariámolas todas. Non hai unha semana que non pregunten no concello por este tema. Neste momento temos catro con familias vivindo nelas, estamos rehabilitando unha quinta e iniciamos o proceso para ter unha sexta vivenda social. É pouco? Si, pero creo que se todos os concellos fixesen isto, non teríamos problemas de vivenda.

"As institucións están por riba de calquera cor política. Alfonso Rueda é o presidente da Xunta e Luís Menor é o presidente da Deputación. Eu non lles votei nin lles votarei, pero neste momento son as persoas que a cidadanía elixiu democraticamente e debemos respectalo. Non teño mala relación con eles"

Verea é un concello do BNG que ten que tratar moitos asuntos coa Xunta e coa Deputación, en mans do PP. Como é a vosa relación? Sentides que recibides o mesmo trato que os concellos gobernados polo PP?

Imaxino que haberá por aí algunha preferencia, pero como nunca estiven no PP non o podo saber. Pero as institucións están por riba de calquera cor política. Non o digo para quedar ben, e así llelo transmito sempre cando falo coa Deputación ou coa Xunta: estou como alcalde de Verea ao seu dispor para todo o que precisen. Non teño problema en colaborar con eles, aínda que sexan do PP. Creo que así debe ser. Eu recoñezo a súa lexitimidade e tamén quero que se recoñeza a miña lexitimidade, por iso me parece mal cando no Estado non lle queren chamar presidente a Pedro Sánchez. O mesmo pasa aquí: Alfonso Rueda é o presidente da Xunta e Luís Menor é o presidente da Deputación. Eu non lles votei nin lles votarei, pero neste momento son as persoas que a cidadanía elixiu democraticamente e debemos respectalo. Non teño mala relación con eles.

"Eu non miro se unha persoa votou ao PP, ao PSOE ou ao BNG, para min son todos veciños e gobernamos para todos igual. Eu creo que isto axudou a que conseguísemos ese resultado"

En 2023 obtivestes os sete concelleiros en xogo e un 87% dos votos. Como se consegue isto? Cal foi a clave

Como se consegue isto? Pois non o sei, iso terano que dicir os veciños. Para min é unha satisfacción ver os resultados que estamos conseguindo, porque indica que fixeches ben as cousas. Eu non miro se unha persoa votou ao PP, ao PSOE ou ao BNG, para min son todos veciños e gobernamos para todos igual. Eu creo que isto tamén axudou a que conseguísemos ese resultado.

"Eu sempre dixen que oito anos é tempo suficiente para que unha persoa estea á fronte de calquera institución. Non teño a decisión tomada, pero a miña idea é completar estes catro anos e dar un paso ao lado, pasar á retagarda. Afortunadamente, hai compañeiros que poden tomar o relevo, con ideas novas"

Levas seis anos gobernando, que serán oito cando conclúa o mandato municipal en 2027. Tes pensado repetir como candidato ou aínda non o pensaches?

Eu sempre dixen que oito anos é tempo suficiente para que unha persoa estea á fronte de calquera institución. Non teño a decisión tomada, pero a miña idea é completar estes catro anos e dar un paso ao lado, pasar á retagarda. Afortunadamente, hai compañeiros que poden tomar o relevo, con ideas novas. Eu botei vinte anos na oposición e oito gobernando, penso que este tempo debería ser xa suficiente. A miña intención é non presentarme máis, rematar este segundo mandato e as cousas que nos propuxemos facer, coma o fogar residencial. Creo que non somos donos das institucións, senón que estamos de paso. E, ademais, tamén por unha razón persoal. Como di Pepe Mujica, que é o meu ídolo politicamente falando, “un guerreiro tamén ten que descansar”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.