As cidades gañan 13 mil habitantes en catro anos e a Galicia urbana concentra xa o 64% da poboación

Evolución da poboación en cada concello entre 2021 e 2025 sobre unha imaxe da Coruña © Praza.gal

A tendencia de crecemento da Galicia urbana non é nova. Porén, nas últimas tres décadas quen estaba a gañar poboación non eran tanto as cidades coma os concellos das súas áreas metropolitanas. Agora as urbes volven medrar con forza

Os datos actualizados do Censo, coñecidos hai uns días, e correspodentes ao 1 de xaneiro de 2025 deixaron un gran titular coa chegada aos 100.000 habitantes de Santiago e Lugo e deixaron tamén A Coruña por riba do nivel simbólico do cuarto de millón de persoas empadroadas. En realidade, todas as cidades galegas están a medrar de forma siginificativa, sumando 13.526 habtiantes máis que no ano 2021, aínda en plena pandemia. Unha pandemia que de forma puntual levou a un descenso na poboación das urbes debido á redución da inmigración e a algúns traslados a concellos veciños.

A tendencia de crecemento da Galicia urbana non é nova. Porén, nas últimas tres décadas quen estaba a gañar poboación non eran tanto as cidades coma os concellos das súas áreas metropolitanas. De feito, entre o 2011 e o 2021 Vigo, Ourense, Lugo e Ferrol mesmo perderon habitantes e A Coruña, Santiago e Pontevedra mantiveran practicamente a mesma cifra.

As sete Áreas Urbanas Funcionais galegas, que abranguen 82 concellos, concentran na actualidade o 64,4% da poboación do país, case dous terzos

As cidades galegas volven medrar especialmente pola chegada de poboación inmigrante doutros países pero tamén por un continuo fluxo de poboación nova que procede dos concellos rurais. Dende o ano 2021 A Coruña gañou case seis mil habtiantes, Santiago máis de tres mil, Lugo uns 2.500, Vigo e Ourense ao redor de mil e Pontevedra e Ferrol non rexistran cambios.

O crecemento das cidades non significa que os concellos da súa contorna estean a perder poboación. Todo o contrario, localidades das áreas metropolitanas que levan décadas de expansión, continuaron a medrar dende o ano 2021. É o caso de Narón (+1.080), Oleiros (+1.876), Arteixo (+1.475), Ames (+1.151), Sada (+1.033), O Porriño (+694).

A realidade é que é o conxunto da Galicia urbana a que está a medrar, continuando coa tendencia en proceso nos últimos 75 anos. Na actualidade a Galicia urbana concentra xa máis do 64% da poboación.

Dende o 2001 as sete AUF galegas gañaron case 150.000 habitantes. En cambio, o resto de Galicia perdeu 127.000

Que é a Galicia urbana? Efectivamente, resulta difícil definir os límites concretos, pois alén das sete cidades e dalgúns concellos das súas áreas de influencia, claramente urbanos, hai outras localidades nas que os usos urbanos e rurais se mesturan (o espazo rururbano). 

Para podermos facer unha análise botamos man da clasificación empregada polo propio INE, que delimitou unha serie de Áreas Urbanas Funcionais (AUF), agrupando concellos en virtude das relacións que establecen coas cidades da súa contorna, especialemente os desprazamentos da súa poboación para traballar nas urbes. Se máis do 15% da poboación ocupada dun concello se despraza a unha cidade por motivos de traballo, considérase que forma parte da súa Área Urbana Funcional.

A clasificación, por suposto, está aberta a discusión: por que Miño ou Betanzos non forman parte da AUF da Coruña e Carral ou Oza-Cesuras si? Por que Vilagarcía de Arousa non conta cunha AUF de seu?

Seguindo esta clasificación, atopamos que as sete AUF galegas, que abranguen 82 concellos, concentran na actualidade o 64,4% da poboación do país, case dous terzos. Nos últimos catro anos a poboación aumentou en máis de 23.000 habitantes (o resto do país descendeu en 7.000) e dende o 2001 o aumento é de case 150.000 persoas. 

Nestes 24 anos, en cambio, o resto de Galicia perdeu 127.000 residentes. E iso, tendo en conta ademais que neste resto se inclúen cabeceiras comarcais que si están a gañar poboación de forma notable, como Carballo, Vilagarcía de Arousa, Betanzos, Sarria, Ordes ou Ribadeo.

Dende o 2021 A Coruña, Ourense, Vigo e Ferrol están medrando máis que o resto das súas áreas metropolitanas e nas outras tres urbes as diferenzas son cativas

Unha das cousas que máis chama atención é o diferente comportamento das cidades e das súas áreas de influencia nestes últimos catro anos. Entre 2001 e 2021 as sete cidades practicamente manteñen a súa poboación, con leves ascensos, mentres que a expansión da Galicia urbana se concentrou nos concellos da contorna. 

Asi, vemos como entre 2001 e 2025 Ames incrementou a súa poboación un 77%, Barbadás un 65%, San Cibrao das Viñas un 57%, Sada un 52%, Salceda de Caselas e Arteixo un 48%, Oleiros un 42% e Oroso e Soutomaior un 40%. 

En cambio, dende o 2021 A Coruña, Ourense, Vigo e Ferrol están medrando máis que o resto das súas áreas metropolitanas e nas outras tres urbes as diferenzas son cativas. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.