Galicia leva moitos anos mantendo un saldo migratorio positivo (hai máis inmigrantes que chegan que emigrantes que marchan) e no último exercicio con datos, o de 2023, o saldo positivo elevouse a 25.738 persoas, o segundo mellor da serie histórica. Porén, as migracións non só se producen entre Galicia e outros territorios -do Estado español ou do estranxeito- senón tamén no interior do país, entre uns concellos e outros.
Tanto as grandes cidades coma unha boa parte dos concellos rurais perden poboación que marcha a outras localidades galegas
Estes fluxos, moi abundantes, debuxan un escenario de migracións moi distinto ao dos movementos co exterior de Galicia. Mentres que a maior parte dos concellos teñen un saldo migratorio positivo co exterior (252 dos 314 gañaron poboación por esta vía), os fluxos cara a outras localidades galegas deixaron un saldo positivo en 132 concellos e outros 172 tiveron un saldo negativo.
Que tipo de concellos perden poboación que marcha a outros concellos galegos? Vemos varios perfís moi distintos. Por unha banda localidades rurais en todas as comarcas, dende a Costa da Morte ao Ortegal, pasando pola Terra Chá, a Montaña lucense, o sur de Ourense ou as zonas altas da provincia pontevedresa. Pero tamén perden poboación (e moita) cinco das sete cidades, encabezadas por Vigo (-789), A Coruña (-677) e Ferrol (-142). Tamén presentan un saldo migratorio interno negativo vilas como Marín, Bueu, O Grove ou Ribeira.
As excepcións entre as cidades son Ourense (+293 en 2023) e Santiago (+150).
Entre os concellos que gañan poboación procedente do resto do país destacan localidades situadas nas contornas das cidades, como Oleiros (+418), Arteixo (+197) ou Nigrán (+141)
Entre os concellos que gañan poboación procedente do resto do país destacan tamén moitas localidades situadas nas contornas das cidades, como Oleiros (+418), Arteixo (+197), Nigrán (+141), Betanzos (+128), Sada (+125), Redondela (+119), O Pereiro de Aguiar (+108), A Laracha (+104), Mos (+100), Miño (+94), Bergondo (+83) ou Narón (+72), que reciben moitas veces novos habitantes dende A Coruña, Vigo, Ourense ou Ferrol.
As estatísticas, ano a ano, debuxan un escenario no que as zonas rurais perden poboación, sobre todo poboación nova, que marcha ás cabeceiras comarcais, ás grandes vilas e, sobre todo, ás áreas urbanas galegas. As cidades aparecen como polos de atracción de poboación, tanto do exterior (nacida no estranxeiro) coma do interior (dos concellos rurais).
Pero das cidades tamén marcha a xente. En ocasións as grandes urbes son apenas unha estación intermedia (por exemplo cara a outros destinos no resto do Estado). E, sobre todo, perden habitantes de idade media (a partir dos 35 anos), cando estes procuran establecerse de forma definitiva e, por exemplo, buscan unha vivenda en propiedade, máis asequible no extrarradio das urbes.
O IGE clasifica os concellos en función do seu carácter urbano ou rural, con tres categorías: zonas densamente poboadas (ZDP), que corresponden ás sete cidades, zonas intermedias (ZIP) e zonas pouco poboadas (ZPP), seguindo o estándar empregado por Eurostat. Empregando esta clasificación podemos facer un seguimento da evolución no tempo das migracións internas e externas na Galicia urbana e na Galicia rural.
As migracións externas teñen un comportamento moi homoxéneo en todo o territorio, aínda que o saldo é máis positivo nas cidades e algo menos favorable nas zonas rurais que, en todo, caso, gañan cada ano moita poboación por esta vía.
As cidades levan dende o ano 2018 perdendo poboación que marcha a outros concellos galegos. Este movemento acentuouse especialmente durante a pandemia de COVID, os anos 2020 e 2021.
Porén, as migracións internas presentan unha evolución moi distinta entre os concellos máis poboados e os menos poboados, con datos que ademais mudaron co paso dos anos. As cidades levan dende o ano 2018 perdendo poboación que marcha a outros concellos galegos, algo que non sucedía entre 2011 e 2017. Este movemento acentuouse especialmente durante a pandemia de Covid, os anos 2020 e 2021.
En cambio, as zonas rurais, que historicamente perden poboación que marcha ás zonas urbanas, tiveron en 2020, 2021 e 2022 un saldo positivo. Este saldo volveu ser negativo en 2023.
As Zonas Intermedias, que agrupan dende concellos das áreas metropolitanas a vilas e cabeceiras comarcais ten habitualmente un saldo migratorio interno positivo.
As mulleres marchan máis das zonas rurais que os homes e chegan ás zonas urbanas en maior medida. A consecuencia é que a proporción de mulleres nas zonas urbanas é moi superior á das zonas rurais, sobre todo entre as xeracións máis novas
As migracións internas presentan tamén diferenzas en función do sexo e da idade. As mulleres marchan máis das zonas rurais que os homes. Así sucedeu cada ano dende o 2011 e volveu ocorrer en 2023, cun saldo migratorio interno nos concellos rurais de -339 para as mulleres e de +93 para os homes. En contraposición, nas zonas urbanas e intermedias, os saldos migratorios son máis favorables se só temos en conta as mulleres.
A proporción de mulleres nas zonas urbanas é moi superior á das zonas rurais, sobre todo entre as xeracións máis novas. A profesora María do Mar Pérez Fra alertaba nesta entrevista de que elas teñen que asumir o peso do coidado da poboación envellecida, cada vez máis importante, o que pode estar incrementando as migracións femininas.
A imaxe complétase cos rexistros das migracións exteriores, con diferenzas tamén por sexo: nas cidades o saldo migratorio é máis positivo no caso das mulleres e, en cambio, nas zonas rurais o saldo é máis positivo no caso dos homes.
O saldo migratorio das zonas rurais con outros concellos galegos é máis negativo entre os menores de 35 anos. Entre as xeracións máis novas, o saldo é positivo nas cidades, o que estaría a amosar un fluxo dende o rural cara ás áreas urbanas
Hai diferenzas, tamén, por idade. O saldo migratorio das zonas rurais con outros concellos galegos é máis negativo entre os menores de 35 anos. E, pola contra, entre as xeracións máis novas, o saldo é positivo nas cidades, o que estaría a amosar un fluxo dende o rural cara ás áreas urbanas.
Nas cidades, en cambio, aprézase un saldo negativo case permanente nas xeracións que teñen entre 35 e 64 anos, que nalgún momento da súa vida (cando se establecen e buscan unha vivenda en propiedade, por exemplo) estarían tendendo a marchar a outras localidades, moitas veces nas contornas das urbes.
A excepción, unha vez máis, estivo nos anos 2020 e 2021 cando un número elevado de persoas mudou a súa residencia (cando menos formalmente) das zonas urbanas ás zonas rurais. Foron, especialmente, persoas entre 35 e 64 anos.