Galicia recibe máis persoas das que marchan. Porén, se debullamos as estatísticas e observamos unicamente os datos da poboación nova nacida no interior, o saldo migratorio é permanentemente negativo para Galicia
Hai xa tempo que Galicia é un país receptor de inmigración. Dende 1990 o saldo migratorio foi sempre positivo, coa excepción dos anos 2013, 2014 e 2015, marcados polos efectos da crise da Gran Recesión iniciada en 2008. É dicir, que chegaron ao país máis persoas das que marcharon. Nos últimos anos as cifras están a bater récords positivos e, por exemplo, en 2022 e 2023 Galicia gañou 53.000 habitantes. Unha parte importante da inmigración que chega, ademais, é moi nova, con idades entre os 20 e os 40 anos.
Porén, estas cifras agochan unha realidade que permanece no tempo. Se debullamos as estatísticas e observamos unicamente os datos da poboación nova nacida no Estado, o saldo migratorio é permanentemente negativo para Galicia. É dicir, aínda que hai un fluxo constante de mocidade nacida noutros países -nomeadamente en Latinoamérica- que está a chegar a Galicia, mantense un movemento significativo de mozos e mozas nacidas no país que marcha de Galicia a outros territorios do Estado e tamén ao estranxeiro.
O gráfico seguinte permite comparar os saldos migratorios galegos dos últimos anos para o conxunto da poboación de 20 a 39 anos, a mocidade nacida no Estado -principalmente nacida en Galicia, pero o INE só ofrece o dato dos nacidos no conxunto do territorio español- e a poboación nova nacida no estranxeiro. E non poderían ser máis distintos.
Os saldos migratorios acumulados entre 2008 e 2023 polo grupo de persoas nacidas no interior amosan un resultado negativo total de 23.186 mil mozos e mozas (-10.598 para o saldo migratorio do resto do Estado e -12.588 para o saldo migratorio de Galicia co estranxeiro)
Fronte a saldos migratorios positivos nas cifras xerais e para a mocidade nacidas fóra -coas excepcións dos anos máis duros da crise económica-, os datos para a poboación nova nacida no interior do Estado son negativos en todo momento, agás no ano 2020 da pandemia de COVID, que aparentemente motivou un movemento de retorno temporal a Galicia para moitas mozas e mozos que estaban fóra.
Segundo as estatísticas oficiais do INE, os saldos migratorios acumulados entre 2008 e 2023 polo grupo de persoas nacidas no interior amosan un resultado negativo total de 23.186 mil mozos e mozas (-10.598 para o saldo migratorio do resto do Estado e -12.588 para o saldo migratorio de Galicia co estranxeiro). Os datos deste colectivo de mozos e mozas nacidas no interior vense amplamente compensados, iso si, cos da mocidade nacida no estranxeiro, que presenta un saldo positivo de 58.633.
Nestes últimos 16 anos Galicia non perdeu mocidade a través dos movementos migratorios, de feito gañou poboación nova de forma clara. Pero o fluxo de saída de poboación nova nacida no interior non se detivo e seguiu a manter un saldo negativo
É dicir, nestes últimos 16 anos Galicia non perdeu mocidade a través dos movementos migratorios, de feito gañou poboación nova de forma clara. Pero o fluxo de saída de poboación nova nacida no interior non se detivo e seguiu a manter un saldo negativo.
As cifras totais de emigrantes ao estranxeiro entre a poboación galega de 20 a 39 anos nacida no interior elévanse ata as 20.477 persoas, mentres que as inmigracións deste colectivo de persoas novas nacidas no Estado sumaron 7.859 persoas en 16 anos. Hai que ter en conta que moitas veces estes movementos migratorios adquiren a forma de viaxes de ida e volta, con persoas que retornan ao país despois dalgúns anos no estranxeiro.
Se tomamos unicamente as persoas nacidas no Estado, vemos realidades moi diferentes en función da idade. Entre os 20 e os 35 anos os saldos son moi negativos e só a partir dos 40 anos os saldos volven ser amplamente positivos, con moitas persoas que regresan a Galicia despois dun período no exterior
Unha análise detallada dos datos galegos de migracións correspondentes ao ano 2023 completa o cadro e confirma as grandes diferenzas detectadas entre o comportamento duns e doutros grupos de idade. Neste ano 2023 (último con datos) Galicia tivo un saldo migratorio positivo de +25.738 persoas, debido principalmente ao saldo exterior (chegaron do estranxeiro 23.337 persoas máis das que marcharon) e un saldo interior positivo pero máis equilibrado (+2.401).
O saldo foi especialmente positivo no grupo de galegos e galegas nacidas no estranxeiro (+24.021) e tamén entre as persoas nacidas no Estado (+1.717). Porén, a cousa cambia se observamos unicamente a poboación entre 20 a 39 anos, que rexistra un saldo global moi positivo (+9.595), especialemente entre a mocidade nacida no estranxeiro (+10.770). Pola conta, se tomamos unicamente as persoas de 20 a 39 anos nacidas no Estado, o saldo foi claramente negativo (-1.175).
No que atinxe ao saldo interior (co resto do Estado), este é positivo en todas as xeracións, agás entre os 20 e os 35 anos, momento no que moitos mozos e mozas galegas marchan a outros territorios con máis oportunidades laborais no seu sector para traballar ou para estudar
Se percorremos a segunda gráfica observamos que o saldo migratorio total de Galicia e tamén o saldo exterior son moi positivos en todos os grupos de idade, especialmente entre os 15 e os 45 anos. E só é negativo por riba dos 85 anos, pero con cifras de migracións moi cativas para estes grupos de idade. No que atinxe ao saldo interior (co resto do Estado), este é positivo en todas as xeracións, agás entre os 20 e os 35 anos, momento no que moitos mozos e mozas galegas marchan a outros territorios con máis oportunidades laborais no seu sector para traballar ou para estudar.
Se tomamos unicamente as persoas nacidas no Estado, vemos realidades moi diferentes en función da idade. Por debaixo dos 15 anos os saldos son positivos, pero entre os 20 e os 35 os saldos son moi negativos, tanto en relación con outras comunidades autónomas como en relación co estranxeiro. A partir dos 40 anos os saldos volven ser amplamente positivos, con moitas persoas que regresan a Galicia despois dun período no exterior.