A rotura dunha balsa da antiga mina de Monte Neme, que provocou mesmo o corte dunha estrada pola acumulación de cascotes, lama e pedras e un vertido incontrolado de augas que asolagaron varios regos ata acabar no mar, volve pór o foco nestas vellas instalacións mineiras e no seu control.
Ecoloxistas en Acción presenta unha denuncia penal polo "vertido tóxico" das balsas pero a Xunta asegura que as análises non aprecian contaminación
Ecoloxistas en Acción vén de presentar unha denuncia polo "vertido tóxico" por "presuntos delitos contra o medio ambiente en relación coa falla crítica dunha balsa de residuos". A demanda está dirixida contra varios cargos da Consellería de Economía e Industria, incluída a conselleira María Jesús Lorenzana, así como contra as empresas Intacta Gesión Ambiental e Voladuras y Transportes Blanco, integrantes da UTE Monteneme e encargadas das obras de restauración da explotación mineira.
Aínda que a Xunta asegurou que as analíticas realizadas na zona deron "valores normais de PH, oxíxeno e condutividade das augas", a entidade ecoloxista advirte dun "vertido incontrolado dun gran volume de augas contaminadas con metais pesados", que descenderon ata o rego de Tuixe, o rego dos Riás e finalmente a Praia dos Riás, dentro da ZEPA Costa da Morte, espazo protexido da Rede Natura 2000, ocasionando "danos ambientais visibles" ao longo de todo o percorrido e o corte da estrada local entre Leiloio e Aviño.
Tanto a Consellería de Industria como a Subdelegación do Goberno de España en Galicia cren que o accidente debeuse ás fortes chuvias dos últimos días, que provocaron o colapso dunha das galerías que había nas tres balsas do complexo e da que non se tiña coñecemento, causando unha avalancha e lodo e pedras que alcanzou os catro metros de altura.
As primeiras pescudas sinalan as fortes chuvias como causantes do colapso dunha das galerías, pero a entidade ecoloxista di que está relacionado cos traballos de restauración iniciados en decembro
Ecoloxistas en Acción nega esa versión e asegura, achegando ademais imaxes, que "a galería pola que se produciu o baleirado da balsa estaba perfectamente inventariada desde polo menos 1998 en documentos oficiais da propia Xunta".
En opinión da entidade ecoloxista, a falla está "directamente relacionada cos traballos de restauración impulsados pola Xunta, iniciados en decembro de 2025, durante os cales se realizaron importantes movementos de terras que provocaron o desprazamento das augas contaminadas cara a unha balsa que non reunía condicións de estabilidade suficientes". "Parte destas augas deberían terse sometido a un proceso de tratamento, que supón máis da metade do orzamento do proxecto, financiado con fondos europeos Next Generation", advirten.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, preguntado polo accidente, asegurou que se estaban a levar pescudas e "reunións de carácter técnico" para determinar as causas e as medidas preventivas a tomar. Así, pediu "agardar polas conclusións" e negou a versión de Ecoloxistas en Acción. "A Xunta estaba facendo unhas obras, pero non na zona na que se produciu o derrubamento", insistiu quen asegura que as primeiras investigacións apuntan a que a rotura foi causada "polas chuvias dos últimos días".
"Claro que facemos exames e seguimento, e onde se determina tecnicamente que é necesario actuar, actúase", dixo Rueda tras ser preguntado por algún plan de reforzo nas balsas, antes de criticar a denuncia de Ecoloxistas en Acción: "Algúns fan o de sempre; denuncia penal sen esperar polo ditame técnico".
Ademais, Rueda insistiu en que as análises "acreditan" que "non se produciu contaminación de ningún acuífero, nin no que chegou ata o mar". Pola contra, na súa denuncia, Ecoloxistas en Acción advirte da "contradición" entre as análises oficiais actuais, que descartaron esa polución pouco despois do vertido, ás do accidente de 2014, "cando Augas de Galicia confirmou a toxicidade das augas e lodos vertidos desde a mesma mina".
Outra rotura en 2014 fixo que a Xunta prometera de inmediato unha restauración da zona cuxos traballos non empezaron ata decembro do pasado ano, máis de once anos despois
Aquela rotura, hai doce anos, vertera máis de 24.000 metros cúbicos de augas contaminadas, causando danos por centos de miles de euros e afectando gravemente as parroquias de Aviño e Razo da Costa, segundo lembra a asociación. "Isto xa ocorreu hai 12 anos e non se tomaron as medidas necesarias. Esperamos que agora si se tomen e se poidan evitar desastres como estes no futuro", advertiu o alcalde de Carballo, Daniel Pérez.
Aquel accidente xerara unha grande alarma entre a poboación. O Goberno galego, que culpou do sucedido ao mal tempo ("unhas circunstancias climáticas absolutamente adversas", en palabras do director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces), prometeu de inmediato un plan de rexeneración da zona, así coma o cobro de indemnizacións.
Pero durante anos, nada se soubo de restauración ningunha, entre a inacción da Xunta e os problemas xudiciais que arrastraba a antiga concesionaria, Leitosa, vinculada á trama de empresas da rede Gürtel de financiamento ilegal do PP en Valencia.
Logo daquela rotura e da promesa de restauración, en 2014, os traballos non comezaron ata o pasado ano e aínda non chegaran á balsa que rebentou este sábado. Segundo a Xunta, na última década investíronse na contorna en labores de "mantemento e seguridade" uns 250.000 euros, unha pequena parte dos 1,6 millóns que custarán as obras de restauración que veñen de comezar.
Ecoloxistas en Acción cre que o sucedido o pasado sábado "non é un feito illado, senón a consecuencia de décadas de abandono, falta de control e actuacións administrativas irregulares, a pesar de que a perigosidade das balsas de Monte Neme está documentada en múltiples inventarios oficiais desde finais dos anos noventa".
O PSdeG exixe que Augas de Galicia faga analíticas para comprobar se existe contaminación e pide que se actúe xa para evitar que se repitan estes accidentes
Por iso solicita ao xulgado a apertura de dilixencias previas, a toma de mostras e análises independentes das augas e sedimentos, así como o requirimento de toda a documentación administrativa e técnica relacionada coa mina, coas obras de restauración e coas autorizacións de vertido.
O PSdeG, pola súa banda, esixirá no Parlamento que Augas de Galicia leve a cabo analíticas da auga na contorna afectada pola rotura, co obxectivo de "comprobar se existe contaminación". Nunha rolda de prensa no lugar do suceso, á que acudiu a deputada Patricia Iglesias xunto a representantes socialistas de Coristanco, Carballo, Malpica e Ponteceso, a formación anunciou unha batería de medidas preventivas, incidindo na necesidade de anticiparse e actuar "con planificación, e non de maneira reactiva, para impedir que episodios coma este se repitan".