0 Gardados para despois

O expropietario da canteira do Monte Neme, vinculado á rede Gürtel

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Ás poucas horas de coñecerse a rotura dunha balsas de residuos da antiga canteira do Monte Neme, o pasado 10 de febreiro, Antón Sánchez, deputado de AGE, sinalaba que esta desfeita medioambiental ilustraba a “privatización de beneficios e a socialización dos riscos tan habitual no neoliberalismo" e denunciaba os “riscos privados que paga toda a cidadanía”. Referíase a que a canteira, e polo tanto a responsabilidade da seguridade das balsas, era propiedade dunha sociedade son sede en Valencia, Leitosa, que dende 2012 se atopaba en concurso de acreedores, despois de ter cambiado de mans varias veces nos anos anteriores.

Como publica este xoves La Voz de Galicia, Leitosa era unha filial de Sedesa, unha sociedade administrada por Vicente Cotino, sobriño do presidente das Cortes Valencianas, Francisco Cotino, imputado na trama da rede Gürtel de financiamento ilegal do Partido Popular. A familia Cotino foi propietaria da canteira dende o 2006 até que a vendeu a unha nova sociedade, que en outubro de 2012 solicitou o concurso voluntario de acreedores.

Esta situación de quebra económica da empresa era, e segue sendo, un dos argumentos máis utilizados pola Xunta de Galicia para tentar exculpar a súa responsabilidade no sucedido, na riada de 23 mil centímetros cúbicos que arrasou leiras e camiños e chegou até a praia de Aviño. Veciños, comunidades de montes e, sobre todo, o Concello de Carballo esixíranlle durante meses á Consellaría de Industria que inspeccionase a seguridade das balsas e tomase as medidas necesarias para evitar un accidente. O pasado mes de abril Industria afirmou que obrigaría a concesionaria da canteira a tomar as medidas de seguridade necesarias e a cumprir co seu plan de obras, pero xa naquel momento argumentaban que o feito de que a sociedade se atopase nun proceso concursal dificultaba a petición.

Agora o Goberno galego quere pedirlle ao administrador concursal que incorpore ao proceso de disolución da empresa un proxecto de peche e abandono de explotación e un plan de rexeneración do Monte Neme. Porén, como publica La Voz de Galicia, a Xunta afirma descoñecer se a empresa contaba con avais ou se achegou algunha cantidade de cartos para pagar os custes da rexeneración do espazo.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.