Dous anos do desastre do Monte Neme e sen solucións á vista

Balsa de residuos do Monte Neme, entre Carballo e Malpica © http://artabron.blogspot.com.es/

O 10 de febreiro de 2014, hai hoxe dous anos, rebentou unha das balsas de residuos da canteira do Monte Neme, provocando un vertido de 24 mil metros cúbicos de lodos, auga e pedras, que provocaron danos en Aviño (Malpica) e Razo da Costa (Carballo) e xeraron unha grande alarma entre a poboación. O Goberno galego, que culpou do sucedido ao mal tempo ("unhas circunstancias climáticas absolutamente adversas", en palabras do director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces), prometeu de inmediato un plan de rexenación da zona, así coma o cobro de indemnizacións.

Porén, dous anos despois nada se fixo aínda, entre a inacción da Xunta e os problemas xudiciais que arrastra a antiga concesionaria, Leitosa, vinculada á trama de empresas da rede Gürtel de financiamento ilegal do Partido Popular en Valencia.

Leitosa é a antiga propietaria da canteira, e como tal debía facerse cargo do plan de rexeneración do lugar, valorado en 794 mil euros, e tamén dos custes das reparacións dos danos causados pola vertedura (141 mil euros). Os propietarios de Leitosa, en concurso de acreedores dende 2012, non aboaron aínda estas cantidades e non hai previsión de que o vaian facer en breve.

Mentres, como denunciou hai meses Salvemos Cabana, a auga contaminada segue a fluír polo monte Neme, debido a que o Goberno galego non levou a cabo as necesarias actuacións de restauración, protección e desecación das balsas, pois o plan de rexenaración leva 13 meses bloqueado. A entidade constatou "a vertedura de espumas e augas contaminadas na balsa situada ao leste da concesión mineira".

E iso a pesar de que a propia Xunta confirmou a presenza de augas tóxicas nas balsas mineiras e as zonas de vertedura, con "alarmantes niveis de aluminio e baixos niveis de pH", ao igual que a presenza de augas ácidas tóxicas derivadas de anteriores actividades mineira. Salvemos Cabana denunciou que na situación actual da antiga canteira existe un perigo potencial" en caso de "incremento repentino" das chuvias. 

Vertedura de espumas e augas tóxicas procedente dunha das balsas © Salvemos Cabana
Balsa de residuos do Monte Neme, entre Carballo e Malpica © http://artabron.blogspot.com.es/
Macrobalsa de lodos noutras das concesións © Salvemos Cabana

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.