A auga contaminada segue a fluír polo monte Neme ano e medio despois do desastre ambiental

Balsa mineira onde se producíu o accidente de 2014 © Salvemos Cabana

En febreiro de 2014 unha das balsas de residuos da canteira do monte Neme, entre Malpica e Carballo, rebentou e provocou a vertedura de máis de 24.000 metros cúbicos de auga e lodos. Nos seguintes meses, e mentres a Consellería de Industria atribuía o sucedido en exclusiva ao mal tempo, Sanidade confirmou a existencia de augas tóxicas na zona. Case un ano e medio despois a plataforma Salvemos Cabana alerta de que a todo o sucedido e ao "desentendemento dos efectos do accidente por parte da aseguradora" estase unir a pasividade da Xunta na aplicación do "pretendido plan de rehabilitación da contorna", ata o punto de que a auga tóxica segue a fluír polo Neme.

En días pasados membros da plataforma comprobaron sobre o terreo como se seguen a "obviar os riscos aínda presentes nesta explotación abandonada". "Polo momento -advirten- non se realizaron tarefas que denoten de maneira significativa ningún tipo de restauración", ata o punto de que a actuación da Xunta "parece limitarse unicamente á instalación de dous carteis de advertencia á entrada do complexo, sen sinalizar en ningún caso as zonas de perigo", con cembas "cortadas verticalmente" que nalgúns puntos poderían provocar caídas de "varias decenas de metros".

"Polo momento non se realizaron tarefas que denoten de maneira significativa ningún tipo de restauración", di Salvemos Cabana

"O perímetro -detallan dende o colectivo- continúa completamente desprotexido e tampouco se procedeu á desecación das balsas mineiras, o que, alén da instalación de tubos de drenaxe no lugar do suceso, supón un perigo potencial" en caso de "incremento repentino" das chuvias. Isto sucede mentres a propia plataforma "constata novamente a vertedura de espumas e augas contaminadas na balsa situada ao leste da concesión mineira" denominada Reconquista. A empresa concesionaria desta explotación, Leitosa, "solicitou en 2011 autorización oficial para verter "augas residuais industriais e de escorregada depuradas", o que "en ningún caso ten relación coa situación observable sobre o terreo". Isto, para Salvemos Cabana, "confirma unha vez máis o escaso control que a Dirección Xeral de Minas exerceu até a data do accidente".

"O perímetro continúan completamente desprotexido"

Neste contexto, a plataforma lembra que "xa presentou no seu momento alegacións ao proxecto de abandono e clausura do grupo mineiro Monte Neme, ao considerar a rehabilitación proposta como incompleta". Este plan de restauración, resaltan, "deixaba completamente á marxe outras zonas do monte procedentes da antiga explotación de wolframio", contornas que "aínda que a Xunta considera restauradas, presentan un evdiente estado de degradación ambiental".

Vertedura de espumas e augas tóxicas procedente dunha das balsas © Salvemos Cabana

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.