Rebenta outra balsa da antiga mina do Monte Neme

A conselleira de Economía, María Jesús Lorenzana, e o subdelegado do Goberno de España, Julio Abalde, nos traballos de desentullo tras a rotura da balsa de Monte Neme © Subdelegación do Goberno na Coruña

A Axencia de Emerxencias activou "un amplo dispositivo de actuación" por unha nova rotura como a que en 2014 xa provocara un aluvión de lama e pedras en Malpica

A Axencia de Emerxencias de Galicia activou ás 9.30 horas deste sábado "un amplo dispositivo de actuación" tras ter coñecemento dun aluvión de lama e pedras en Malpica por unha nova rotura dunha balsa da antiga mina de Monte Neme. En 2014 outra rotura xa deixara entullos esparexidos pola zona.

Segundo Emerxencias, quedou interrompida a estrada entre Malpica e Aviño e o sucedido, atribuído ás abondosas chuvias das últimas xornadas, obrigou a despregar mesmo a Gardacostas de Galicia e Salvamento Marítimo pola chegada da auga da balsa ata o mar. 

Traballos de desentullo tras a rotura da balsa de Monte Neme © Subdelegación do Goberno na Coruña

Segundo a Xunta, as analíticas realizadas na zona sinalan "valores normais de PH, oxíxeno e condutividade das augas", pero "por precaución, recoméndase aos veciños da zona que consuman exclusivamente auga que proceda da traída".

A Xunta di que as analíticas son normais pero "por precaución, recoméndase consumir só auga da traída"

Logo da rotura de 2014, o Goberno galego foi demorando anos a restauración da contorna, uns traballos que non comezaron ata o pasado ano e que aínda non chegaran á balsa que agora vén de romper. Segundo a Xunta, na última década investíronse na contorna en labores de "mantemento e seguridade" uns 250.000 euros, unha pequena parte dos 1,6 millóns que custarán as obras de restauración que veñen de comezar.

Balsas mineiras no monte Neme CC-BY-SA Salvemos Cabana

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.