O Monte Neme: un exemplo 'fotoxénico' de deterioración, desleixo e risco medioambiental

Cumio e vistas desde o Monte Neme, en Carballo © Plataforma pola Defensa do Monte Neme

Un pequeno repaso a Instagram nesta última fin de semana confirma que o Monte Neme volveu ser reclamo para persoas (sobre todo novas) que acoden aos restos desta antiga canteira para se fotografar e posar ante as súas augas turquesas. Algúns mesmo optaron antes por bañarse, o cal pode causar pequenas reaccións alérxicas, irritacións en pel e ollos ou vómitos e diarreas, tal e como foi advertido dende o hospital da Coruña.

As fotos nas redes sociais e as posibles afeccións á saúde dos seus protagonistas volven poñer o foco na deterioración e abandono do Monte Neme e a antiga canteira

Este deteriorado espazo, entre Carballo e Malpica, é o que queda dunha explotación mineira con escaso control e límites que comezou a funcionar hai case un século. Vinculada durante anos ao volframio, acabou por ser unha canteira de áridos e de extracción de seixo. Precisamente, a área preferida por centos de instagramers correspóndese á última explotación activa de cuarzo, que durou ata 2012. Desde aquela, abandono, descoido e deterioración dunha antiga mina na que no inverno de 2014 rebentaron unhas balsas que provocaron un vertido con importante danos na contorna, valorados en 140.000 euros, e que levou a alarma á poboación local. 

Pero a alarma non chega aos visitantes que este terreo privado recibe case cada día, malia os perigos pola súa contaminación pero tamén por un terreo inestable e con numerosos riscos. Esas lagoas turquesas “pouco teñen de naturais e exóticas, son máis ben paisaxes terreais deste mundo, atribuíbles á man do home”, como lembra a Plataforma pola Defensa do Monte Neme, que pide, “como medida urxente”, que se “sinalicen, limiten” e mesmo se “pechen” os accesos a diferentes zonas da antiga canteira. “Hoxe estamos falando destas noticias [sobre fotografías e as pequenas afeccións á saúde] pero o día de mañá pode ser doutras”, advirte Adrián Eirís, coordinador da entidade. 

Mesmo a Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG) advertiu nun comunicado que o acceso ao espazo "pode supor un risco para a seguridade das persoas" e pide que o propietario dos terreos "reforce a sinalización de prevención existente e poña medidas eficaces e suficietnes para impedir o acceso". "Non é un lugar turístico nin apto para as visitas", engaden. 

Balsas mineiras no Monte Neme © Salvemos Cabana

Hai restos de traballos e aparellos industriais e o líquido non é máis que auga de chuvia (con niveis de acidez elevado) cunha cor azul turquesa debido á presenza de sílice, mineral que forma parte do cuarzo que alí se extraía, ou de cianobacterias pola eutrofización nas augas estancadas Aluminio, prata e arsénico son outros dos materiais que poden aparecer, superar os límites recomendables e ser perigosos nunhas balsas nas que, como en toda a mina, hai furados, fosos e taludes de evidente risco. Os selfies ao borde de importantes desniveis son habituais nunha zona onde, malia as advertencias, o acceso é doado e constante

Desde que acontecese o vertido, son varias as asociacións que reclaman a drenaxe e o selado destas balsas mineiras. A rehabilitación proxectada quedou nunhas poucas medidas. Foi Leitosa, unha empresa da familia Cotino, vinculada á trama Gürtel do PP, a última que explotou os terreos. Foi liquidada en 2016 e quedou sen fondos para atender as débedas logo de cobrar axudas públicas hai agora máis de quince anos, como recordou Antón Sánchez, portavoz de En Marea no Parlamento. 

Aos perigos de bañarse nas balsas mineiras engádense os dun terreo con importantes taludes e zonas de risco que son visitadas habitualmente

“Quebrou despois de cobrar máis de 600.000 euros de axudas públicas por parte da Xunta, agora déixanos unha hipoteca para o futuro que teremos que afrontar con recursos de todas e todas”, denuncia Sánchez, que esixe tamén “a drenaxe e selado das balsas”. A COMG tamén reclama a "recuperación" do espazo e o "selado das balsas e a rehabilitación do terreo". 

Porque a empresa tampouco levou a cabo o plan de restauración e a Xunta reaccionou unicamente cun par de carteis advertindo dos perigos na mina e con algunha actuación para evitar caídas nos noiros. De feito, o Goberno galego chegou a empregar unha imaxe da auga azul turquesa do Monte Neme como reclamo turístico nunha campaña de promoción. As queixas chegaron ao Parlamento e a Administración viuse obrigada a retirala. 

“A raíz dunha promoción turística feita de xeito absolutamente irresponsable pola propia Xunta, persoas que se bañaron nas lagoas abandonas sufriron diversos problemas de saúde que foron atendidos nos hospitais públicos da Coruña", sinalou En Marea, que considera prioritario "garantir a seguridade das persoas e a saúde medioambiental". 

Salvemos Cabana tamén advirte dos riscos pola “falta de control administrativo” e lembra que o desleixo dos gobernos non cadra coa lexislación (galega ou comunitaria) que busca evitar riscos como os que “para a saúde pública e os ecosistemas nunha contorna carente das máis elementais medidas de seguridade” supón o Monte Neme. 

Campaña publicitaria da Xunta coa imaxe das balsas mineiras do Monte Neme © Adega

“Non se pode sacar peito dunha contorna e paisaxe espectacular, cando realmente o que están a ver os turistas é unha mina ou canteira abandonada sen rehabilitar”, lembra a Plataforma pola Defensa do Monte Neme. Porque o lugar, a uns 400 metros sobre o mar, ten privilexiadas vistas á praia de Razo-Baldaio nunha paraxe espectacular e onde se asenta o crómlech da Eira das Meigas lugar onde, segundo as lendas, tiñan lugar numerosos cultos pagáns. O volframio que alí había foi tamén clave durante a Segunda Guerra Mundial.

“Non se pode sacar peito dunha contorna e paisaxe espectacular, cando realmente o que están a ver os turistas é unha mina ou canteira abandonada sen rehabilitar”

Por nada disto é coñecido agora o Monte Neme, senón por promocións equivocadas sobre unhas supostas augas especiais e outras “con menos ou máis intención” que non son quen de apostar claramente por unha “posición crítica” sobre a situación na que se atopa o lugar, tal e como lembra Eirís. Nas redes sociais, empréganse etiquetas como #nature, #galiciacalidade ou #galifornia para acompañar as imaxes das balsas de residuos mineiros

“Se se fai mención ao monte ou á canteira, que sirva para denunciar o seu estado deixando claro que esta parte non ten valor como antiga mina de volframio nin ten valor natural no estado actual”, conclúe a plataforma. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.