O Monte Neme galego

© Plataforma pola Defensa do Monte Neme

Dende vai tempo vimos advertindo da promoción (directa ou indirecta) das balsas e a canteira do Monte Neme como lugar turístico por parte de particulares (instagramers ou non),  prensa e incluso entidades públicas. 

Estes días vemos o Monte Neme moito nos medios, na maioría das ocasións facendo unha denuncia condescendente dos instagramers que se bañan alí, mentres ao mesmo tempo, se loan as  belezas das súas augas turquesas e paisaxe exótico ou se cualifica como un paraíso. Bañarse está  moi mal, din, pero engadindo na mensaxe "prohibido", "belas augas", "exótico" ou cualificativos  semellantes e ademais dicindo que todo o mundo devece por achegarse ata alí. Facendo isto  acéptase e foméntase o comportamento de ir á canteira. 

Estes días vemos o Monte Neme moito nos medios, na maioría das ocasións facendo unha denuncia condescendente dos instagramers que se bañan alí, mentres ao mesmo tempo, se loan as  belezas das súas augas turquesas e paisaxe exótico ou se cualifica como un paraíso

Hai quen vai máis alá e non de forma inocente o usa para facer chegar a súa mensaxe ou a  súa promoción, sexa turística, política, persoal ou audiovisual. E así, agora temos que o Monte  Neme é o "Chernobyl galego". Por que? Pois porque se acaba de estrear unha serie homónima sobre a catástrofe nuclear do  86. 

Primeiro fálase do Monte Neme, dando unha imaxe romántica e adornada da canteira, pasando  de ser unha canteira de seixo a unha mina de volframio nazi como preámbulo para chegar a  radioactividade e rematar nomeando a serie en cuestión para promocionala. E isto só é o comezo,  pois parece ser que se está a rodar alí unha serie e din que en pouco tempo o Monte Neme será  tendencia. Máis romaría moderna. 

O problema é máis ca uns frikis bañándose, é o funcionamento das redes sociais e os medios  tradicionais, e é un problema estrutural da sociedade. Porque non somos conscientes e porque se  permite. Permítese dende as institucións por acción ou omisión, promocionándoo ou deixando que o problema creza por non tomar as debidas medidas que a lei esixe. 

Tamén a propia xente común o permite. Hai xente que todo isto o considera positivo e unha  oportunidade, un filón que explotar. Que veña a xente e que falen de nós, dá o mesmo que veñan ver  as nosas porqueiras. Soa mal, pero é o que é, e é o que lles estamos a ofrecer. Ademais, é tratar a  xente de fóra de parvos. Tal turismo ofrecemos, tal turismo recibimos. Aínda peor, convivimos con  eles e coa situación, e pasa a formar parte da nosa imaxe e logo de nós mesmos. Nós mesmos, os de  aquí, o tragamos cando somos os primeiros que recibimos estas propostas e aceptamos como boa  esta situación, para acabar sendo partícipes nesta farsa convertidos en anfitrións de paisaxes alleas. 

Os esforzos por dignificar e promocionar uns concellos de Carballo e Malpica como  culturais, artísticos, naturais, costeiros e megalíticos quédaranse no “Chérnobil galego”. Á terra dos mil ríos e mil fontes, non veñen a vernos a nós, a nosa esencia e os nosos paisaxes, os nosos monumentos milenarios e a nosa cultura, non, só veñen ver as pozas dunha canteira, as Maldivas dos probes e fachendosos e o maldito Chernobyl. 

Quen teña a autoridade de decidir e mudar as cousas, polo menos que sexa coherente e  aposte por algo abertamente, e que asuma a súa responsabilidade. O primeiro é protexer á xente dos  riscos da canteira e arranxar este perigo público coa restauración debida

Cal é a solución, pois? O problema require unha reflexión máis profunda: que tipo de  turismo e entornos queremos para nós mesmos? Queremos un "posTurismo" ou "turismo negro"  ("dark tourism") de paisaxes degradadas alieníxenas devidas en escenarios do glamour?, ou pola  contra, queremos ter unha oferta verde e cultural que encaixe coa historia do noso monte e da nosa terra? Queremos un turismo orientado ao foráneo, ou unha oferta para viaxeiros e propia, que nos  defina e poidamos vivir e gozar nós mesmos en primeiro termo? 

Quen teña a autoridade de decidir e mudar as cousas, polo menos que sexa coherente e  aposte por algo abertamente, e que asuma a súa responsabilidade. O primeiro é protexer á xente dos  riscos da canteira e arranxar este perigo público coa restauración debida. Ademais debería escoitar, aceptar e incluír as propostas da cidadanía, dende a cal non deberiamos permitir que a restauración e futura actuación sexa un lavado de imaxe das malas praxes mineiras e institucionais.

Para nós, sería unha verdadeira mágoa manter a situación actual e deixar crecer a bola ou apostar directamente por un turismo de paisaxes degradadas e que nos coñeceran desa maneira. Se non tiveramos nada... quizais, pero tendo un monte cheo de patrimonio e historia, sería unha mágoa  desaproveitar a oportunidade. Cando poderiamos ser coñecidos coma o "Stonehenge galego", ou o  "Monte Olimpo galego" ou, se preferides non ir tan lonxe, a "Santa Tegra bergantiñá" ou o "Monte Pindo bergantiñán". 

O Monte Neme é o "Monte Neme galego", o monte mítico galego. Os apelidos e alcumes temos que aprender a poñelos nós mesmos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.