As sucesivas borrascas que Galicia leva sufrindo desde hai xa semanas e as previsións (outra volta) de abondosas chuvias para a que agora empeza provocaron que a Xunta manteña o plan Inungal ante o risco de inundacións.
Activo desde o pasado 20 de xaneiro, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior vén de actualizar na mañá deste luns a listaxe dos ríos onde se pon agora máis o foco polo risco de desbordamentos e enchentes que poidan provocar problemas semellantes aos que deixou o paso da borrasca Joseph, con anegamentos de vivendas, estradas ou parques.
A tal hora, os doce ríos que están en seguimento son o Mero (Cambre), Sar (Ames), Barcés (Abegondo), Cambeda (Vimianzo), Valiñas (Culleredo), Xundarana (A Pobra), Mandeo (Coirós), na provincia da Coruña, e os Cabeiro (Redondela), Gallo (Cuntis), Baltar (Sanxenxo), Louro (Porriño), Eidefonso (Vigo) na de Pontevedra.
Emerxencias mantén vixilancia especial sobre doce ríos por risco de desbordamento e inundacións, sete na Coruña e cinco en Pontevedra
Porque Meteogalicia ten decretado un aviso amarelo por acumulacións importantes de chuvias (máis de 40 litros por metro cadrado) durante as primeiras doce horas do día en toda a provincia de Pontevedra, en practicamente toda a da Coruña e na montaña de Ourense. Son as consecuencias dunha nova borrasca, Leonardo, que está a afectar a Galicia e que durante a madrugada deixou fortes precipitacións.
No principio dunha semana na que os servizos meteorolóxicos advirten de constantes borrascas sen tregua e logo de que hai unha semana se decretase por primeira vez unha alerta vermella por precipitacións.
O crecemento dos caudais, que levan xa semanas soportando moita auga, e as chuvias previstas para as próximas horas fai que se deban manter as medidas de seguridade tanto na marxe dos encoros coma nos ríos que van cheos en moitos casos. Nada estraño se temos en conta que, como debullamos nesta información en Praza.gal, desde o pasado 19 de outubro, en boa parte de Galicia choveu 3 de cada catro días, con apenas 20 ou 30 días sen precipitacións que, ademais, foron máis abundantes que a media dos últimos anos.
Emerxencias advirte de posibles desbordamentos e asolagamentos de terreos, espazos urbanos e propiedades e pide especial atención a leitos intermitentes e fortes pendentes de auga. Ante a situación, recomenda evitar calquera actividade en espazos fluviais e evitar cruzar zonas inundadas, pontes ou torrentes, ademais de subir ás zonas máis altas no caso de inundacións e abandonar o coche para alcanzar estas áreas elevadas no caso de que nos alcance a auga.
Alerta laranxa na costa atlántica
Ademais, no noroeste e oeste da provincia da Coruña, na Mariña e nas montañas lucense e ourensá hai tamén aviso amarelo desde as nove da mañá por refachos de vento superiores aos 80 km/h, mentres que tamén o hai por neve nas mesmas zonas de montaña, no sur de Ourense e no interior de Pontevedra.
Para completar a complicada situación meteorolóxica, a alerta é laranxa en toda a costa atlántica galega por fortes ventos e ondas que poden alcanzar os seis metros.
Así, as primeiras incidencias xa tiveron lugar este luns ao ter que cortarse a autovía que une Marín con Pontevera en ambos os dous sentidos ao alcanzar o mar os catro carrís e á espera dunha bomba de achique que poida retirar a auga. Tamén se suspendeu o transporte de ría entre Moaña e Vigo a primeiras horas da mañá, mentres que o que comunica Cangas coa cidade olívica tivo que mudar as súas frecuencias habituais.