Suspendidas as clases e o transporte escolar en 16 concellos de Pontevedra este luns por fortes chuvias

A Xunta vén de activar para mañá a alerta vermella por precipitación acumulada que pode acadar os 150 mm. en 12 horas no interior de Pontevedra. © Xunta

A Xunta vén de activar para mañá, luns, a alerta vermella por chuvias no interior de Pontevedra e laranxa no noroeste, sur e zona do Miño de Ourense

A Xunta vén de activar para mañá, luns, a alerta vermella por chuvias no interior de Pontevedra e laranxa no noroeste, sur e zona do Miño de Ourense. Tamén haberá alerta laranxa por temporal costeiro en todo o litoral galego. Quedan suspendidas as clases e o transporte escolar toda a xornada de mañá, luns 26 de xaneiro, nos centros educativos e escolas infantís do interior de Pontevedra.

A alerta vermella actívase por precipitación acumulada que pode acadar os 150 mm. en 12 horas no interior de Pontevedra e no noroeste, sur e zona do Miño de Ourense 80 mm en 12 horas por alerta laranxa, segundo as previsións de Aemet e Meteogalicia a. Ante as fortes chuvias recoméndase circular con precaución e informarse antes do estado das estradas, non atravesar zonas inundadas ou que poidan chegar a asolagarse e non aparcar nas ribeiras dos ríos.

Mapa e nomes dos concellos afectados pola suspensión das clases este 26 de xaneiro. CC-BY-SA Xunta

Debido á alerta vermella por choiva, a Comisión Escolar de Alertas decidiu suspender as clases e o transporte durante toda a xornada de mañá, luns 26, nos centros educativos e nas escolas infantís da zona Interior de Pontevedra. En concreto, os concellos afectados por esta suspensión son: Agolada, A Cañiza, Covelo, Dozón, Forcarei, Lalín, Moraña, Silleda, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Cuntis, A Estrada, Fornelos de Montes, A Lama, Rodeiro e Vila de Cruces.

Así mesmo, debido á alerta laranxa por choiva, no día de mañá quedan suspendidas as actividades no exterior dos centros educativos en tres zonas da provincia de Ourense: Noroeste, Miño e Sur.

Os concellos afectados polas distintas suspensións poden consultarse aquí .

Do mesmo xeito, a Secretaría Xeral para o Deporte da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, segundo as previsións dos órganos preditores, anunciou a suspensión da actividade deportiva federada e as do programa Xogade que se realicen mañá no exterior nestas zonas

Continúa ademais a alerta laranxa por temporal costeiro en todo o litoral galego. Mantense polo tanto a suspensión da actividade deportiva no mar.

A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.