Ao longo da mañá a neve non deixou de caer en boa parte da provincia de Ourense e no centro e sur da provincia de Lugo, especialmente na montaña. Tamén en zonas altas do interior de Pontevedra e da Coruña
A xornada deste venres en Galicia está marcada polo tempo invernal e os diferentes fenómenos meteorolóxicos que nos trae a borrasca Ingrid, procedente de Canadá e o norte do Océano Atlántico. A neve é a gran protagonista, pois espérase que caia en todo o territorio galego por riba dos 600 metros, deixando espesores importantes e consistentes no tempo, e mesmo en altitudes inferiores (por riba dos 300 ou 400 metros).
Ao longo da mañá a neve non deixou de caer en boa parte da provincia de Ourense e no centro e sur da provincia de Lugo, especialmente na montaña. Tamén en zonas altas do interior de Pontevedra e da Coruña. As acumulacións e o espesor da neve caída están a provocar problemas na rede viaria e tamén no transporte ferroviario.
A Xunta decidiu suspender as clases de todos os niveis educativos polas nevaradas en toda a provincia de Ourense, nas zonas montaña, sur e centro de Lugo e no interior de Pontevedra
Este venres a Xunta decidiu suspender as clases de todos os niveis educativos polas nevaradas en toda a provincia de Ourense, nas zonas montaña, sur e centro de Lugo e no interior de Pontevedra. Nesta ligazón pódense consultar os concellos incluídos en cada zona. A decisión encádrase na alerta laranxa pola neve para unha xornada na que será de nivel vermello por temporal costeiro no litoral da Coruña e Pontevedra. Por este motivo, suspendéronse tamén as actividades no exterior dos centros educativos das zonas noroeste, oeste e suroeste da provincia da Coruña, na Mariña de Lugo e nas zonas de Rías Baixas e Miño na provincia de Pontevedra.
Rexístranse numerosas incidencias de tráfico. É o caso da A6 entre As Nogais e Vega de Valcarce. Sucede o mesmo no outro gran acceso a Galicia dende a Meseta, a A-52 entre a fronteira galega e Benavente. En varios treitos destas dúas vías decretouse o nivel vermello, cunha velocidade máxima de 30 Km/h e a obriga de circular con cadeas. Hai tamén alerta vermella na OU-533, na OU-536, na N-525
A comunicación ferroviaria tamén se viu afectada por distintos factores meteorolóxicos este venres
Hai incidencias tamén na LU-633, na N-541, na PO-533, na N-120, na OU-536, na N-640, na N-541, na N-525 e na AP-53, entre outras. En todas estas vías a neve obrigou a prohibir ou limitar a circulación de vehículos pesados ou a recomendar extremar as precaucións a todos os condutores.
En Lugo, o dispositivo despregado pola Deputación provincial para asegurar os desprazamentos por estrada componse de 24 máquinas quitaneves, 8 vehículos de apoio, 8 vehículos todoterreo de apoio para atender incidencias, 13 silos con 500 toneladas de sal para asistencia aos concellos e 64 operarios preparados para manter as vías transitables.
O claustro de profesorado do IES García-Barbón de Verín denunciou os problemas sufridos debido á obriga de asistencia do profesorado aos centros decretada pola Consellaría de Educación malia á suspensión das clases
O claustro de profesorado do IES García-Barbón de Verín denunciou os problemas sufridos debido á obriga de asistencia do profesorado aos centros decretada pola Consellaría de Educación malia á suspensión das clases obrigada pola declaración da alerta laranxa por neve en moitas comarcas durante a xornada deste venres. Unha parte do profesorado tivo que conducir con neve nunha A-52 na que a condución era difícil e perigosa.
Este profesorado critica que o protocolo de alertas meteorolóxicas "é ambiguo e traslada o risco ao traballador" e demanda unha revisión inmediata do mesmo "para que, en situacións de alerta laranxa a suspensión da asistencia sexa tamén extensiva ao profesorado e evite desprazamentos que poñan en risco a nosa seguridade", así como a creación "dun permiso específico por alerta meteorolóxica".
A comunicación ferroviaria tamén se viu afectada por distintos factores meteorolóxicos este venres. Así, foi interrompido o servizo ferroviario entre Baamonde e Rábade, na liña Lugo-A Coruña, debido á caída dunha árbore sobre a infraestrutura. Tamén foi interrompida a circulación entre Canabal e Os Peares (no treito Ourense-Monforte de Lemos) por unha falta de tensión na catenaria.
Entre as 8 e as 9 da mañá caeron uns 200 raios, concentrados especialmente na provincia da Coruña. As zonas costeiras non tiveron neve, pero si importantes sarabiadas
Pero non só a neve marca a meteoroloxía de Galicia este venres. Mesmo en zonas costeiras, dende Ferrolterra ata o Baixo Miño, a sarabia deixou rúas cubertas por unha capa branca nas primeiras horas desta mañá. Foi, ademais, unha noite de raios e tronos, especialmente da metade occidental de Galicia. Entre as 10 da mañá do xoves e as 10 da mañá do venres caeron máis de 1.400 raios no territorio galego, uns 200 só entre as 8 e as 9 da mañá deste venres, concentrados especialmente na provincia da Coruña, entre o Ortegal e Bergantiños, con especial incidencia tamén na comarca coruñesa.
Na cidade da Coruña recoméndase "extremar as precaucións" e "non achegarse ao límite costeiro e evitar desprazamentos innecesarios". Coincidindo coa preamar (19:18 horas) a auga do mar podería provocar desperfectos no Paseo Marítimo e chegar mesmo á Praza de Pontevedra
Para este venres agárdanse ademais chuvascos intermitentes, por momentos moi fortes e acompañados de sarabia e treboadas, en moitas zonas do país. De feito, na propia cidade da Coruña o Concello -que procedeu a pechar parques e xardíns- alerta especialmente sobre a situación do mar, sobre todo entre as 18.30 e as 20.30 horas. Está declarada unha alerta vermella no mar por for das ondas previstas e dos refachos de vento e a alcaldesa, Inés Rey, recomendou "extremar as precaucións" e "non achegarse ao límite costeiro e evitar desprazamentos innecesarios".
Nesas horas do final da tarde a preamar (prevista para as 19:18) pode provocar que en Riazor a auga do mar chegue ao Paseo Marítimo, onde pode provocar desperfectos, e mesmo ata a Praza de Pontevedra. Tamén hai alerta laranxa por ventos, polo que o Concello recomenda non empregar o servizo de Bicicoruña cando menos ata as nove da noite.
Rexistráronse importantes refachos de vento, de ata 163.5 km/h en Punta Candieira (Cedeira)
O vento soprará forte, especialmente no momento do chuvasco. De feito, nas primeiras horas da xornada a rede meteorolóxica de Meteogalicia rexistraba xa refachos de vento de 163.5 km/h en Punta Candieira (Cedeira), 154.4 km/h en Penedo do Galo (Viveiro) ou 138.4 km/h en Malpica.
Durante a noite e as primeiras horas da madrugada os termómetros chegaron a amosar valores negativos en boa parte de Galicia coa mínima de -0.4 graos en Riós e Chantada. En Cabeza de Manzaneda a mínima foi de 6,1 graos baixo cero.