A Xunta activou para este domingo a alerta vermella por temporal costeiro no litoral da Coruña e na Mariña lucense e laranxa na costa de Pontevedra. A borrasca Ingrid deixou case 700 incidencias nos dous últimos días
A Xunta activou para este domingo a alerta vermella por temporal costeiro no litoral da Coruña e na Mariña lucense e laranxa na costa de Pontevedra. A borrasca Ingrid, pola súa banda, deixou máis de 700 incidencias nos dous últimos días sobre todo relacionadas coa neve, a xeada e o temporal marítimo.
Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o fenómeno meteorolóxico adverso de nivel vermello afectará este domingo desde primeiras horas da mañá á costa da Coruña e de Lugo por mar combinada do noroeste con ondas de ata dez metros e vento do oeste de forza oito que poderá acadar forza nove en Lugo. Nolitoral de Pontevedra a alertamanteraseen nivel laranxa por mar combinada do oeste ou noroeste con ondas de ata oito metros e vento do oeste ou suroeste de forza oito.
Lembran a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos por seguridade
A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións. Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.
Preto de 700 incidencias pola borrasca Ingrid
Entre os días 23 e 24 de xaneiro o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias xestionou un total de 684 incidencias, das cales 160 foron rexistradas ao longo do día 24.
Os problemas de circulación asociados á neve, á saraiba e á formación de placas de xeo foron a incidencia máis frecuente, cun total de 193 avisos. A estes súmanse 201 incidencias pola presenza de árbores e pólas nas estradas, así como 81 actuacións preventivas para reducir riscos. Ademais, rexistráronse 72 avisos por cables e postes de luz caídos, 56 por restos de accidentes ou obxectos na calzada e 18 derrubamentos. Só no sábado día 24, 75 das incidencias estiveron directamente relacionadas con dificultades na circulación pola presenza de neve, xeo ou saraiba, mentres que 29 corresponderon á presenza de árbores ou pólas nas vías.
A nivel provincial, Pontevedra concentra o maior volume de incidencias, con 225 avisos, seguida da provincia da Coruña (201), Ourense (148) e Lugo (104).
O 112 Galicia recibiu avisos de que varias persoas en concellos como Viana do Bolo, Montederramo e Calvos de Randín presentaban dificultades para saír das súas casas ou desprazarse debido á presenza de neve acumulada
Ademais, o 112 Galicia recibiu avisos de que varias persoas en concellos como Viana do Bolo, Montederramo e Calvos de Randín presentaban dificultades para saír das súas casas ou desprazarse debido á presenza de neve acumulada.
Desde o 112 Galicia insisten en que é fundamental actuar con precaución, evitar desprazamentos innecesarios e seguir sempre as indicacións das autoridades e dos servizos de emerxencia, especialmente nas zonas máis afectadas.