Canto tempo leva chovendo en Galicia? Dende novembro mollámonos tres de cada catro días

Precipitación caída nas sete cidades galegas dende o 19 de outubro sobre unha imaxe dun día de chuvia © Montaxe: Praza.gal Imaxe: Xunta

Nos últimos 104 días, dende o 19 de outubro, en boa parte de Galicia choveu 3 de cada catro días, con apenas 20 ou 30 días sen precipitacións

Pero cando vai deixar de chover? De seguro que moitas persoas en Galicia lanzaron esta queixa-pregunta nos últimos días nalgún momento? Está a ser un xaneiro moi húmido e, de momento, semella que o panorama non cambiará nas dúas primeiras semanas de febreiro. Pero é que, ademais, vimos duns meses de novembro e decembro nos que as precipitacións tamén superaron os valores normais. 

Moita auga, polo tanto, neste outono e no comezo do inverno, cunha acumulación de días de chuvia e de poucas horas de sol que comeza a pesar no ánimo e na paciencia de moita xente. Así pois, canto choveu nos últimos tres meses en Galicia? Cantos días houbo precipitacións? É algo fóra do normal?

Os datos das estacións meteorolóxicas que achega Meteogalicia amosan que nos últimos tres meses choveu en Galicia a maior parte dos días. Unha análise das medicións das sete cidades reflite que dende o 19 de outubro ata este venres, dun total de 104 días, o número de días sen choiva oscilou entre os 38 de Ourense e os 21 de Ferrol ou os 24 de Santiago e A Coruña e os 27 de Lugo, lugares nos que houbo precipitacións en 3 de cada catro xornadas. 

Pontevedra foi a urbe na que máis choveu, por diante de Santiago, ambas as dúas por riba dos mil litros por metro cadrado, un nivel ao que practicamente chegou Vigo

O gráfico, que amosa a cantidade de precipitación diaria nas sete urbes, lémbranos que despois desas chuvias iniciais a partir do 19 de outubro, houbo unha pausa da derradeira semana do mes, para dar paso a un novembro que "deixou precipitacións moi por riba do que se poderían considerar normais", como sinalaba Meteogalicia no seu informe mensual, debido principalmente ao efecto da borrasca Claudia entre os días 11 e 16. 

Tras unha nova tregua nos últimos días do mes, de novo decembro foi un mes con precipitacións por riba da media, nun mes ademais habitualmente chuvioso. E iso que os derradeiros días do ano foron secos, para dar paso a un mes de xaneiro de novo moi húmido, cunha sucesión de borrascas que ademais trouxeron neve e frío. 

Ferrol, Santiago e A Coruña foron as cidades nas que houbo máis xornadas con algunha precipitación e, polo tanto, menos días secos

No seguinte gráfico detállase non só a precipitación acumulada nas sete cidades dende o 19 de outubro ata o 30 de xaneiro (104 días), senón tamén o número de días sen choiva e, igualmente, os días en que as precipitacións superaron distintos niveis. Hai diferentes criterios para definir o que é un día seco; habitualmente a fronteira establécese nos 0,1 litros por metro cadrado aínda que en ocasións tamén se escolle o valor de 1 litro por metro cadrado.

Pontevedra foi a urbe na que máis choveu, por diante de Santiago, ambas as dúas por riba dos mil litros por metro cadrado, un nivel ao que practicamente chegou Vigo. A cantidade total recollida foi inferior en Ferrol e tamén na Coruña, Lugo e sobe todo Ourense. 

Non foron as cidades os lugares onde máis choveu en Galicia nestes tres meses. Estacións de Santa Comba, Zas ou Forcarei rexistraron preto de dous mil litros por metro cadrado dende o 19 de outubro

Iso se falamos da precipitación total, pero se o que se analiza son os días de choiva, vemos como son Ferrol, Santiago e tamén A Coruña as cidades nas que houbo máis xornadas con algunha precipitación e, polo tanto, menos días secos.

En Ferrol e na Coruña hai poucos días secos, pero moitos de chover miudiño. Unha situación moi distinta á de Vigo e Pontevedra, con máis días sen precipitación, pero moitas xornadas de bategadas, con moita auga recollida en 24 horas. Algo que tamén sucede en Santiago.

A análise faise unicamente cos datos das sete cidades co obxectivo de simplificar a lectura. Pero non foron Pontevedra e Santiago as zonas de Galicia con máis chuvia nestes últimos meses. A estación meteorolóxica de Forcarei, por poñer un exemplo, recolleu nestes 104 días case 1.700 litros por metro cadrado e só 20 días sen precipitación. A de Fontecada (Santa Comba) recolleu máis de 2.000 litros por metro cadrado e a de Coto Muíño (Zas) case 1.900, con menos dunha vintena de xornadas secas.

En preto de 40 días dos 104 analizados houbo menos dunha hora de sol en Santiago, Pontevedra, Lugo, Ourense ou Ferrol

E que pasou coas horas de sol? Hai moita xente que estraña esa achega de luz e de vitamina D, e con razón. O seguinte gráfico amosa o número diario de horas de sol nas sete cidades galegas dende o 19 de outubro, con moitas xornadas (algunhas delas consecutivas) con valores moi próximos a cero. En preto de 30 días dos 104 analizados houbo menos dunha hora de sol na Coruña ou Vigo, unha cifra que supera as 40 xornadas en Santiago, Pontevedra, Lugo, Ourense ou Ferrol.

A comparación dos datos sumados de novembro, decembro e xaneiro cos valores habituais nestes meses (resultantes dos valores medios das últimas décadas) amosa que a precipitación recollida este ano é superior ao habitual e as horas de sol son inferiores. Pero non falamos de valores extremos

É insólito o que está a suceder este ano? Dificilmente pódese afirmar algo así. Galicia é un país chuvioso e o nivel de precipitacións recollidas nos últimos meses está por riba da media (por riba do normal) pero entra dentro da norma. Algúns outonos e invernos chove máis que outros e este é un deles. 

A comparación dos datos sumados de novembro, decembro e xaneiro cos valores habituais nestes meses (resultantes dos valores medios das últimas décadas) amosa que a precipitación recollida este ano é superior ao habitual e as horas de sol son inferiores. Porén, ningún dos valores dos acumulados mensuais se achega aos récords recollidos por Meteogalicia.

Así, vemos como nas sete cidades analizadas a cantidade total de precipitación recollida en novembro, decembro e xaneiro é moi superior aos valores normais, cun incremento que vai dende o 36% de Ourense e o 42% de Lugo ata o 60% de Vigo ou o 59% de Santiago ou o 53% da Coruña. De igual xeito, as horas de sol diminuíron entre un 20% e un 35% en relación ao habitual.

As precipitacións en novembro, decembro e xaneiro foron un 60% superiores ao normal en Vigo e Santiago

Pero, de novo, non falamos de valores mensuais extremos, aínda que si que a situación chama a atención pola sucesión de semanas chuviosas dende hai máis de tres meses. Aínda que, con todo, tampouco é algo novo en Galicia. Na mente de moitas persoas aparece o inverno dos anos 2000 e 2001, que foi alcumado como "o inverno sen sol", que abrangueu dende o final do mes de outubro de 2000 ata o mes de marzo de 2001, máis de cinco meses nos que se viviu unha sucesión de borrascas, de ríos de humidade e temporais de vento, especialmente entre novembro e xaneiro. 

Nese tempo caeron máis de dous mil litros de auga por metro cadrado na maior parte de Galicia, entre novembro e decembro chegou a rexistrarse unha serie de 60 días de chuvia continuada e houbo asolagamentos e desbordamentos de ríos en moitos lugares, comezando por Caldas de Reis. 

A situación chama a atención pola sucesión de semanas chuviosas dende hai máis de tres meses. E semella que a situación continuará así ata cando menos o Entroido

Todo isto está moi ben, pero cando vai deixar de chover? Pois, de momento, as predicións de Aemet falan de, cando menos, dúas semanas chuviosas máis, ata mediados de febreiro, Meteogalicia prognostica un tempo húmido para toda a semana que vén e algúns modelos xa anticipan que a terceira semana de febreiro continuará a sucesión de borrascas. Haberá que asumir que "en Galicia chove" ou, cando mesno, acollerse ao refrán popular de "nunca choveu que non escampara".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.