Galicia suma 30 días seguidos de chuvia: "Este tempo é o normal, o que non era normal era a calor de outubro"

Chuvia en Compostela © Santiago Turismo

O 13 de outubro comezou a chover despois de dúas semanas dunha calor anormalmente elevada. Porén, ese período de temperatura extrema foi continuado por unha xeira de catro semanas de chuvia continua

O pasado venres 13 de outubro foi un día de moita chuvia na maior parte de Galicia. A xornada chegaba despois de dúas semanas dunha calor anormalmente elevada, que bateu todos os récords históricos de temperatura nun mes de outubro en Galicia. Porén, ese período de temperatura extrema foi continuado por unha xeira de catro semanas de chuvia continua, unha anomalía de precipitación neste caso que levou ao mes de outubro a ser un dos máis chuviosos dos últimos anos en Galicia, o mesmo que os primeiros dez días de novembro.

Este sábado, no que está a chover de forma lixeira en moitos puntos de Galicia, chegamos aos 30 días seguidos de precipitacións no país, un fenómeno que entra dentro da normalidade do outono galego, pero que tamén está a superar os máximos das últimas dúas décadas. Sucesivos trens de borrascas e ríos atmosféricos que traen humidade dende a outra punta do Océano Atlántico marcaron o tempo das últimas semanas, nas que nos familiarizamos cos nomes de Babet, Aline, Bernard, Celine, Ciarán ou Domingos, algunhas das borrascas que máis impactaron no territorio galego. 

Outubro foi un mes extremadamente húmido, o segundo máis chuvioso da serie histórica (desde 1961), só por detrás de outubro de 1987, a pesar de que só choveu a partir do días 13. Tamén o comezo do mes de novembro se situou como un dos máis húmidos dos últimos tempos

Outubro foi un mes extremadamente húmido, o segundo máis chuvioso da serie histórica (desde 1961), só por detrás de outubro de 1987. De media, como destaca Aemet Galicia, choveu algo máis do dobre (214 %) do valor normal do mes e iso que nos 12 primeiros días do mes non houbo precipitacións, pero os días finais de chuvia "acumularon cantidades moi superiores ás que se poderían considerar normais en outubro", subliña Meteogalicia no seu informe mensual

A precipitación media acumulada no conxunto de Galicia acadou os 389 litros por metro cadrado, pero amplas áreas da vertente atlántica tiveron valores entre os 600 e os 800 litros, cun máximo absoluto superior aos 1000 litros localizado na Serra do Faro de Avión. Fornelos de Montes (736 litros por metro cadrado), Cotobade (716) ou Poio (705) foron algúns dos concellos que rexistraron máis precipitacións.

No último mes as estacións de Vigo ou Pontevedra recolleron case 700 litros por metro cadrado e a de Santiago achegouse aos 600.

No gráfico anterior pode observarse a sucesión ininterrumpida de días de chuvia nas sete cidades galegas, a partir dos datos recollidos nas estacións de Meteogalicia situadas preto de cada unha das urbes. As chuvias, que comezaron o venres 13 de outubro, deron un respiro o sábado 14, pero dende o domingo 15 non houbo ningún día sen precipitacións nunha parte importante do país. As estacións de Vigo ou Pontevedra recolleron neste tempo case 700 litros por metro cadrado e a de Santiago achegouse aos 600.

Iso si, noutras zonas do país, como Fornelos de Montes, a cantidade de chuvia recollida foi mesmo máis importante (1.200 litros por metro cadrado no último mes), un pouco por riba dos máis mil litros rexistrados en Cotobade ou Poio.

Así levamos un mes e, de momento, as predicións para os vindeiros días indican que a inestabilidade e os días húmidos continuarán, aínda que sen os fenómenos de chuvia e vento forte que vimos a pasada fin de semana coa borrasca Domingos.

David Domínguez, responsable das contas de Redmeteo en X e Instagram, destaca en conversa con Praza.gal que o sucedido nestas últimas semanas "é o normal" e subliña que "o que non era normal é o tempo que tivemos ata a ponte do Pilar" 

Nos cinco primeiros días de novembro, ademais, nalgunhas zonas choveu a cantidade normal do mes de novembro completo, e iso que este mes é, en media, o segundo mes máis chuvioso do ano, só por detrás de decembro.

David Domínguez, responsable das contas de Redmeteo en X e Instagram, destaca en conversa con Praza.gal que o sucedido nestas últimas semanas "é o normal" e subliña que "o que non era normal é o tempo que tivemos ata a ponte do Pilar" e engade: "a chuvia, o vento, os temporais e a mala mar é o típico para estas datas". Hai un refrán que di iso mesmo: calma que se prolonga moitos días, treboadas moi bravías. Pero é certo que o contraste entre a primeira metade de outubro e as semanas seguintes foi impresionante", destaca.

Na mente de moitas persoas aparece o inverno dos anos 2000 e 2001, que foi alcumado como "o inverno sen sol", que abrangueu dende o final do mes de outubro de 2000 ata o mes de marzo de 2001, máis de cinco meses nos que se viviu unha sucesión de borrascas, de ríos de humidade e temporais de vento, especialmente entre novembro e xaneiro

Iso si, pode que esteamos a perder o costume de outonos e invernos así, salienta Domínguez, que destaca que nestes últimos días está a "chover coma antes". "A miña avoa dime que así eran os outonos e os invernos antes", engade.

Na mente de moitas persoas, e tamén nas redes sociais, aparece o inverno dos anos 2000 e 2001, que foi alcumado como "o inverno sen sol", que abrangueu dende o final do mes de outubro de 2000 ata o mes de marzo de 2001, máis de cinco meses nos que se viviu unha sucesión de borrascas, de ríos de humidade e temporais de vento, especialmente entre novembro e xaneiro. Nese tempo caeron máis de dous mil litros de auga por metro cadrado na maior parte de Galicia, entre novembro e decembro chegou a rexistrarse unha serie de 60 días de chuvia continuada e houbo asolagamentos e desbordamentos de ríos en moitos lugares, comezando por Caldas de Reis.

Chuvia e ceos cubertos en Abadín CC-BY-SA Praza Pública

"Para a semana pode entrar algunha fronte, pero nada que ver co que vimos estes últimos días e, posteriormente, vense indicios de que o anticiclón podería gañar algo de protagonismo, traendo varios días secos e consecutivos", destaca David Domínguez

A zona na que vive David Domínguez, en Campo Lameiro, é habitualmente unha das máis chuviosas de Galicia e tamén o está a ser nas últimas semanas. "En todo o pre-litoral das Rías Baixas e do sur da Coruña é a zona na que máis chove. Fornelos de Montes, A Lama, Dodro, Mazaricos... Son lugares que están no fondo das rías e faise un efecto embudo que leva a descargar a chuvia en puntos moi concretos", explica.

E que vai pasar nos vindeiros días? Continuará esta sucesión de días de chuvia? Haberá unha tregua que dea paso a algunhas xornadas máis secas? Domínguez destaca que "imos ter un réxime de ventos do suroeste, máis cálidos, o que vai facer que non haxa tanto frío como fixo días atrás" e anticipa que "para a semana pode entrar algunha fronte, pero nada que ver co que vimos estes últimos días e, posteriormente, vense indicios de que o anticiclón podería gañar algo de protagonismo, traendo varios días secos e consecutivos".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.