Nos últimos días -especialmente o sábado 7- superáronse os récords históricos de temperaturas máximas nun mes de outubro, pero o que máis chamou a atención foi a persistencia da calor, que nos acompañou dende o 30 de setembro ata o 12 de outubro
As intensas chuvias deste venres puxeron fin a un anómalo episodio de altas temperaturas que Galicia sufriu nas dúas semanas anteriores. Dúas semanas de outubro que se pareceron a verán ou ao tempo propio doutras latitudes. Nos últimos días -especialmente o sábado 7- superáronse os récords históricos de temperaturas máximas nun mes de outubro, pero o que máis chamou a atención foi a persistencia da calor, que nos acompañou dende o 30 de setembro ata o 12 de outubro.
As voces expertas levan tempo advertindo de que estes fenómenos anómalos están a abandonar o seu carácter de anomalía e comezan a establecerse como norma, como habitual. Temperaturas medias máis elevadas, ondas de calor máis frecuentes e con valores máximos máis altos, outonos cada vez máis cálidos, con veráns que se estenden ata mediados de outubro e precipitacións máis intensas e concentradas, con periodos de seca igualmente alongados. O cambio climático xa está aquí e sufrimos os seus efectos.
Nestas dúas primeiras semanas de outubro Ourense superou os 35 graos, Ferrol, A Coruña, Lugo e Pontevedra pasaron dos 33 e Vigo e Compostela dos 31. Con noites igualmente cálidas, con moitas xornadas de mínimas ao redor dos 20 graos en moitas zonas do país, a sensación xeneralizada foi dunha calor continuada. En Ourense, as máximas non baixaron dos 30 graos entre o 4 e 12 de outubro. A máxima máis baixa en Ferrol entre o 6 e o 12 foi de 28,9 graos. En Lugo, o 12 de outubro foi o primeiro día nunha semana que as temperaturas baixaron dos 29.
En Ourense, as máximas non baixaron dos 30 graos entre o 4 e 12 de outubro. A máxima máis baixa en Ferrol entre o 6 e o 12 foi de 28,9 graos. En Lugo, o 12 de outubro foi o primeiro día nunha semana que as temperaturas baixaron dos 29
David Domínguez veu gañando popularidade nos últimos meses nas redes sociais coa súa actividade de difusión da meteoroloxía en galego en Instagram ou en X (anteriormente Twitter). En conversa con Praza.gal destaca que "este episodio de calor que tivemos non ten precedentes, foi algo absolutamente extraordinario. Por exemplo, a cidade de Pontevedra bateu o seu récord de temperatura máxima para un mes de outubro o sábado 7 e o luns 9 volveuno superar. E o mesmo pasou en Santiago”. Un fenómeno, por suposto, que non é exclusivamente, senón que "toda a Península Ibérica leva dende finais de setembro cunha temperatura media moi elevada por riba do normal".
Domínguez, que é colaborador de AEMET coa estación meteorolóxica situada en Campo Lameiro, comenta que "días de calor en outubro houbera algún, por exemplo hai uns anos, durante a gran vaga de lumes que sufrimos en 2017 ou noutros momentos coincidindo con algún fenómeno singular, como algún furacán que empuxaba con forza ventos do sur", pero sinala que o significativo é "a persistencia do fenómeno nesta ocasión", que non ten precedentes.
"Este episodio de calor non ten precedentes, foi algo absolutamente extraordinario", salienta David Domínguez
"Temos a sensación coma se o clima se movera mil quilómetros para o norte", comenta. "Agora, con moita frecuencia a dorsal africana do anticiclón cómenos. O que antes era unha simple transición anticiclónica entre unha borrasca e outra, agora abrázanos durante moito tempo e trae masas de aire cálido moi elevadas", di e incide en que "é coma se se movera todo para o norte, coma se as borrascas que antes nos afectaban pasasen agora sempre mil quilómetros ao norte". En termos semellantes expresábase nesta entrevista Alberto Martí, profesor de Xeografía Física da USC, que alertaba que "de manterse as tendencias, nuns anos o clima de Santiago será coma o de Ourense, e o de Ourense coma o de Sevilla".
"É coma se se movera todo para o norte, coma se as borrascas que antes nos afectaban pasasen agora sempre mil quilómetros ao norte", comenta
Daniel Domínguez continúa explicando que "hai unha configuración atmosférica que agora se repite moito, que é que hai unha borrasca que se despraza polo Atlántico, de oeste a leste. E, de súpeto, a borrasca, en vez de seguir o camiño normal, que é en dirección ás Illas Británicas, o que fai é perder forza e quedar á altura das Azores. Isto o que fai é empurrar ventos do sur en dirección á Península Ibérica [a circulación de aire nas borrascas segue o sentido inverso ás agullas do reloxo]". A consecuencia para o outono galego é que o tempo propio do verán, con temperaturas elevadas e precipitacións escasas, cada vez se estende máis ao longo de setembro e outubro. Un estudo da USC alertou hai uns anos que os días de verán se duplicaron en Compostela en relación ao que era normal en 1950.
O tempo propio do verán, con temperaturas elevadas e precipitacións escasas, cada vez se estende máis ao longo de setembro e outubro
O tempo para esta fin de semana e para os vindeiros días parécese máis ao esperable para mediados de outubro, pero non se pode descartar o regreso de fenómenos coma o vivido nos últimos días. E, en xeral, o que hai que agardar é que os episodios de altas temperaturas en outubro se repitan nos vindeiros anos cun cambio climático cada vez máis acentuado.
Daniel Domínguez alerta así mesmo de que os cambios son constantes e ás veces máis silandeiros, e en ocasións non chegan a través de fenómenos extremos, senón simplemente cun aumento continuado duns poucos graos nas temperaturas máximas ou mínimas nun determinado mes. “O que me di a xente maior é que 'o que agora para nós é frío, antes era calor'”, comenta.
"A cantidade total ao longo do ano é semellante, pero chove de forma máis concentrada e con máis intensidade, dunha maneira parecida a como ás veces o fai no Mediterráneo", destaca
As mudanzas afectan tamén ao réxime de precipitacións, sinalando Domínguez que "a cantidade total ao longo do ano é semellante, pero chove de forma máis concentrada e con máis intensidade, dunha maneira parecida a como ás veces o fai no Mediterráneo, e estas chuvias torrenciais en ocasións xeran problemas".
Neste senso, o pasado ano Dominic Royé e Alberto Martí Ezpeleta, profesores da USC, alertaron no marco do Congreso Internacional da Asociación Española de Climatoloxía, celebrado en Compostela, que o futuro debuxa en Galicia "períodos de seca máis dilatados no tempo, vagas de calor máis longas e intensas, precipitacións concentradas en menos días ao ano e condicións máis favorables para os incendios”.