Santiago estivo 271 días de 2022 con temperaturas moi por enriba do que sería normal en cada época e Vigo 266, efectos que van máis alá das puntuais vagas de calor. "Isto é só o comezo do que vén", asegura o científico climático Dominic Royé
O ano pasado foi o máis cálido da Historia. Durante 300 dos 365 días do ano 2022, o Estado español acadou temperaturas anormalmente elevadas. “É o principio do que está por vir, mentres non deixemos de emitir gases de efecto invernadoiro o clima vai seguir quentándose”, asegura o doutor en Xeografía física Dominic Royé, investigador en cuestións do clima e da súa relación coa saúde, que analizou os datos tomando como referencia as temperaturas no período que abrangue desde o ano 1971 ata o 2000, para comparar o momento actual cun momento no que o quecemento global aínda non tiña efectos tan significativos no noso clima. “Para mostrar o cambio climático, a Organización Mundial de Meteoroloxía recomenda empregar como referencia o período de 1961 a 1991, pero moitas das estacións da Axencia estatal de Meteoroloxía non teñen medicións nos anos sesenta, por iso escollín comezar no 71”, explica.
"Son dez meses nos que non se estivo por debaixo da temperatura marcada. En xeral as temperaturas estiveron disparadas cara a anomalías moi grandes", resalta Royé
O investigador mostra cantos graos Celsius (ºC) por enriba da temperatura que sería esperable en cada estación do ano tivemos en 2022, no que Galicia atravesou importantes momentos de seca e dúas vagas de calor intensas que deixaron récords nos termómetros tan significativos como os 44ºC rexistrados en xullo na cidade de Ourense. “Son dez meses nos que non se estivo por debaixo da temperatura marcada. Houbo días con temperaturas normais, momentos breves de baixada, pero en xeral as temperaturas estiveron disparadas cara a anomalías moi grandes”, resalta Dominic Royé.
“Durante a vaga de calor de xullo a temperatura disparouse en Santiago, chegando a estar 11,6ºC por enriba do que sería normal nesa época do ano na cidade. É algo excepcional, trátase dunha anomalía moi extrema”, agrega Royé. A preocupación non só vén do número de días no ano nos que se rexistraron temperaturas máis elevadas do que sería normal, que no caso de Compostela foron 271 días con anomalías positivas, senón tamén da magnitude desa diferencia térmica.
O científico climático, que traballa na Fundación para la Investigación del Clima (FIC), sinala que incrementos de tres, catro ou cinco graos na temperatura xa son destacados e poden supoñer unha vaga de calor, e en Santiago houbo varios días de 2022 con incrementos por enriba dos 6ºC e preto dos 9ºC, a maiores da vaga de calor de xullo. No pasado mes de decembro a temperatura estivo case seis graos por enriba do que sería agardado nesta época no conxunto do Estado, un incremento que en Galicia se notou máis, pois en Vigo –con 266 días con temperaturas anormalmente altas en 2022– chegou aos sete graos positivos e en Santiago superáronse os seis. O informe climático de decembro publicado por MeteoGalicia sinala que a anomalía media no conxunto do noso país foi 2,3ºC superior.
“Hai que ter en conta que unha oscilación cara arriba ou cara a abaixo entre medio grao e un grao pódese considerar normal, pero todo o que sexa superior a isto xa non o é. E en 2022 importa moito a persistencia na anomalía positiva de temperaturas. En Galicia houbo algún máis, pero se miramos a nivel estatal os períodos coa temperatura por debaixo do limiar son máis breves ou menores”, destaca Dominic Royé.
Un dos factores que puido axudar ao récord na anomalía das temperaturas é que o índice que mide a oscilación das presións no Atlántico Norte estivo en positivo, o que impide o paso ás borrascas
Por que este 2022 se mantivo con temperaturas anormalmente altas a meirande parte do tempo é algo que os científicos aínda non poden responder. Hai índices e factores que observar, como é o caso do índice da NAO, a oscilación do Atlántico Norte, que mide a diferencia de presión entre Azores e Islandia, e que este ano se mantivo en positivo –o que tamén explica a seca–. “As altas presións en Azores son moi fortes, todas as borrascas teñen que pasar polo norte, e esta persistencia das altas presións impide o paso ás borrascas do Atlántico; polo que a tendencia sería a un tempo seco e solleiro na Península Ibérica e no sur de Europa. En cambio, países como Noruega reciben moita máis precipitación e un tempo moito máis húmido nesas fases positivas da NAO. En Galicia notamos ben o cambio a negativo no mes de outubro, cando comezou a chover”, debulla o científico climático.
Royé sinala que non podemos dicir que esteamos nunha "nova normalidade" climática polas emisións de gases de efecto invernadoiro á atmosfera, pois sinala que "aínda non chegamos a iso, o clima segue cambiando"
Dominic Royé incide en que está claro que a calor vivida o pasado verán “é o que imos ter nos vindeiros trinta anos e ata 2050”. Porén, apunta que “o feito de ter vivido un verán como o pasado non significa que se teña que repetir o ano que vén, pero queda claro que a tendencia vai cara a un clima máis extremo”. O investigador salienta que non podemos dicir que esteamos nunha “nova normalidade” climática polas emisións de gases de efecto invernadoiro á atmosfera, pois sinala que “aínda non chegamos a iso, o clima segue cambiando. Isto é só o comezo do que vén”.
O investigador explica que é preciso ter en conta que a evolución do clima é moi lenta, “é un asasino silencioso”, e que “se estima que 5.300 persoas morreron este verán por calor no Estado español”, pero que son mortes que “non se ven”, sabemos do traballador que morre por un golpe de calor, mais “só é a punta do iceberg”. Nun estudo publicado en 2021 en Nature Climate Change, Royé xa avanzaba que máis de 700 persoas falecen ao ano nas capitais de provincia españolas a causa da calor e do cambio climático.
Vagas de calor “máis intensas”
Por outra banda, o estudo Evolución espacio-temporal da severidade e expansión das vagas de calor na Península Ibérica e Baleares publicado en Environmental Research polos investigadores da Universidade de Santiago de Compostela Alejandro Díaz-Poso e Dominic Royé, xunto coa investigadora da Universidade de Vigo Nieves Lorenzo conclúe que as tendencias durante o período de 1950 a 2020 indican que as vagas de calor na Península Ibérica e nas Illas Baleares “son cada vez máis intensas e os eventos extremos aumentan en magnitude”.
A investigación, segundo detallan, revela que a extensión media das vagas de calor para o período 1950-2020 aumentou nun 4% por década, “o que suxire unha maior exposición humana, un aumento da demanda de enerxía e implicacións para o risco de incendio”. Asemade, propoñen empregar o índice EHF (Excess Heat Factor), desenvolvido por científicos australianos e que incorpora a intensidade das vagas de calor e mais o proceso de aclimatación do corpo humano ás altas temperaturas, nos mecanismos de prevención que se levan a cabo antes destes episodios climáticos ao considerar que é “útil para contribuír á toma de decisións para minimizar os seus efectos no sistema sanitario ou en sectores vulnerables como o enerxético ou o agrícola”.