No Xurés choveu máis do dobre do habitual mentres en Trives e Valdeorras caeu a metade
MeteoGalicia vén de facer público o resumo do seu informe climatolóxico do mes de decembro, no que constata que foi un mes especialmente chuvioso e cálido para o que viña sendo habitual nas últimas décadas.
Segundo o documento a anomalía media das precipitacións en todo o país foi un 59% superior ao normal nas últimas décadas empregadas como referencia. Canto ás temperaturas, a anomalía media foi 2,3 ºC superior ao habitual, e tanto as temperaturas máximas como as mínimas foron tamén máis cálidas, con 1,6 ºC e 3,0 ºC máis.
A precipitación acumulada ao longo de todo o mes chegou a superar os 600 litros por metro cadrado na provincia de Pontevedra, mentres que os niveis máis baixos rexistráronse en Valdeorras, con só 73 litros por metro cadrado. A chuvia caída foi un 226% da habitual na Baixa Limia contra o Xurés, mentres que en Valdeorras e Trives quedou en case a metade do normal, cun 51%.
O informe analiza tamén os rexistros nas principais cidades galegas. En todas houbo máis chuvia e temperaturas máis altas do habitual, pero nas cidades de Lugo e Ourense saliéntase que atendendo á temperatura máxima media decembro foi un mes “extremadamente cálido”, con tres graos máis do valor normal.