A poboación galega nacida no estranxeiro medra un 22% en tres anos, pero non detén o envellecemento do país

Pirámide de poboación de Galicia no ano 2024 e concellos cun maior peso da poboación maior de 65 anos © Montaxe: Xunta / Praza.gal

Galicia pechou o ano 2023 con 2.705.833 habitantes, 6.409 máis que o ano anterior. A poboación medrou sobre todo na Coruña (+4.565), algo en Pontevedra (+1.159) e Lugo (+781) e descendeu lixeiramente en Ourense (-96)

Galicia pechou o ano 2023 con 2.705.833 habitantes, 6.409 máis que o ano anterior, segundo as cifras definitivas do Censo, correspondentes ao 1 de xaneiro de 2024, que foron publicadas este xoves polo INE. A poboación galega aumentou en 13 mil persoas dende o 2022, despois do descenso ocasionado pola pandemia de COVID. O número de habitantes medrou sobre todo na Coruña (+4.565), algo en Pontevedra (+1.159) e Lugo (+781) e descendeu lixeiramente en Ourense (-96).

Os datos do Censo, que en 2021 abandonou a súa anterior periodicidade decenal para pasar a ofrecerse publicamente todos os anos, amosan un país cada vez máis envellecido, no que o 26,6% da poboación ten 65 anos ou máis. Hai tres anos a porcentaxe era do 25,7%. A porcentaxe de poboación maior de 64 anos medra ata o 32% en Ourense e o 30% en Lugo e é algo menor na Coruña (26,6%) e en Pontevedra (24,3%).

Dende o 2001 a poboación entre 0 e 4 anos caeu en máis de dez mil persoas

En contraste, a poboación menor de 16 anos é tan só o 11,1% do total e en Ourense cae ao 9,4%. No gráfico pode observarse como en só tres anos a poboación entre 0 e 4 anos caeu en máis de dez mil persoas, unha caída á que se engade a da rapazada ata os 14 anos. O grupo entre os 15 e os 25, en cambio, aumenta como efecto do relativo baby boom que se deu entre 2000 e 2010 (os fillos e fillas dos babyboomers dos anos 70).

No resto da pirámide destaca o feito de que o grupo quinquenal que se asenta como maioritario é o das persoas entre 45 e 49 anos, seguido do grupo entre 50 e 54 e do das persoas entre 55 e 59 anos. E, por suposto, o incremento do grupo poboacional por riba dos 65 anos.

O 26,6% da poboación ten 65 anos ou máis. En nove concellos máis da metade da poboación supera esa idade. Noutros 77 a porcentaxe sobe do 40%

O seguinte mapa amosa os concellos cunha maior proporción de habitantes por riba de 64 anos, unha lista encabezada primordialmente por localidades da provincia ourensá e das montañas orientais da provincia de Lugo. En nove concellos (Lobeira, Calvos de Randín, O Bolo, San Xoán de Río, Sarreaus, Vilardevós, Chandrexa de Queixa, O Irixo e Navia de Suarna) máis da metade da poboación ten 65 anos ou máis. Noutros 77 a porcentaxe sobe do 40%.

Ames (14,4%) e o concello con menos poboación maior. Salceda de Caselas, Oroso, Arteixo, O Porriño. Soutomaior, Culleredo, Pontecesures, Ponteareas e Barbadás baixan do 20%

O contraste márcao Ames (14,4%), e Salceda de Caselas, Oroso, Arteixo, O Porriño. Soutomaior, Culleredo, Pontecesures, Ponteareas e Barbadás, todos por debaixo do 20%.

O debuxo dos concellos con maior porcentaxe de poboación nova (por debaixo de 16 anos) é moi semellante, á inversa. A lista está encabezada por Salceda de Caselas, Ames, Soutomaior, Ribadumia, Brión, Oleiros, O Porriño e Oroso (todos por riba do 15%). E péchase cun grupo de 31 localidades nas que menos do 5% da poboación é menor de 16.

O 11,3% da poboación galega naceu noutro país, un 22% máis que hai tres anos

O outro fenómeno demográfico que define o país na actualidade, que tamén reafirman as últimas cifras do Censo, é o crecente peso da poboación con orixe no estranxeiro. Neste momento o 5,7% da poboación galega ten nacionalidade estranxeira e polo tanto aínda non acadou a cidadanía española. Unha cifra superior, o 11,3%, naceu fóra do Estado español.

Son números en ascenso e, por exemplo, a poboación nacida no estranxeiro medrou en máis de dous puntos en só tres anos, dende os datos do 2021 (9,2%), un 22% máis. A chegada desta poboación nacida fóra do Estado, maioritariamente nova, que non se detén (en 2023 houbo 40.000 inmigrantes máis e un saldo migratorio moi positivo), está a frear o envellecemento de Galicia, pero de momento non detén nin reverte a tendencia.

O 19% da poboación galega entre 25 e 44 anos naceu fóra do Estado

Son cifras cativas en relación coa media española (o 13,4% da poboación española ten nacionalidade estranxeira e o 18,1% naceu fóra do Estado) e sobre todo se a comparación se establece con Madrid, Cataluña, Canarias ou Baleares, onde máis do 20% da poboación naceu no estranxeiro. Porén, o peso desta poboación en Galicia é moito máis importante entre as xeracións máis novas.

Así, mentres que o 5,7% da poboación ten nacionalidade estranxeira e o 11,3% naceu no estranxeiro, as porcentaxes medran ata o 11,1% e o 18,9% no grupo de idade entre 25 e 44 anos. Entre os 15 e os 24 anos, a proporcións son tamén claramente superiores á media (8,2% e 13,8%).

As porcentaxes tamén medran nas cidades, ata o 16,6% na Coruña, o 16,4% en Ourense, o 14,2% en Vigo, o 13,8% en Lugo ou o 13% en Santiago

De igual xeito, nas zonas urbanas tamén é máis importante o peso da poboación nacida fóra do Estado, con porcentaxes que medran ata o 16,6% na Coruña, o 16,4% en Ourense, o 14,2% en Vigo, o 13,8% en Lugo ou o 13% en Santiago. O mesmo pasa en vilas como Monforte, Sada, Arteixo, O Barco, Barbadás ou Lalín, en todos os casos por riba do 15%. 

O peso da poboación nacida no estranxeiro aumenta en tres anos o 24% na Coruña, o 23% en Ourense, o 19% en Vigo, o 23% en Santiago, o 18% en Pontevedra, e o incremento chega ao 49% en Ferrol e ao 33% en Lugo

Con todo, as maiores porcentaxes de poboación nacida no estranxeiro non se dan nestas cidades e grandes vilas, senón nalgúns concellos localizados, maioritariamente rurais -Avión, Beariz, Oimbra, A Mezquita...- en función de distintas circunstancias, como o peso relativamente importante de emigrantes retornados ou a súa proximidade a Portugal.

En calquera caso, en practicamente todas as localidades, sexan rurais ou urbanas, a tendencia rexistrada nos últimos anos é a dun notable aumento da poboación nacida fóra do Estado. As subas son, por exemplo, do 24% na Coruña, do 23% en Ourense, do 19% en Vigo, do 23% en Santiago ou do 18% en Pontevedra, e chegan ao 49% en Ferrol e ao 33% en Lugo.

En San Xoán de Río a presenza de habitantes nacidos no estranxeiro triplicouse en tres anos (do 2'2% ao 7,5%) e duplicouse en Sobrado, Mondariz-Balneario, Triacastela, Parada de Sil, Vilasantar ou Muras

En San Xoán de Río a presenza de habitantes nacidos no estranxeiro triplicouse en tres anos (do 2'2% ao 7,5%) e, de igual xeito, duplicouse en Sobrado, Mondariz-Balneario, Triacastela, Parada de Sil, Vilasantar ou Muras. Son todos concellos de pequeno tamaño, onde pequenas variacións levan a fortes incrementos, pero as cifras tamén medran por riba do 50% en Melide, Monterroso, A Fonsagrada, Muros ou As Pontes.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.