O 12,2% da poboación galega naceu no estranxeiro, tres puntos máis que hai catro anos (9,2%)
Unha das grandes tendencias demográficas que están a definir a sociedade galega nos últimos anos é a chegada dun número moi importante de persoas con orixe no estranxeiro. Galicia hai moitos anos que presenta un saldo migratorio favorable, que está a contribuír a incrementar a poboación total e mesmo, nos últimos datos, a deter o descenso do número de nacementos.
O 12,2% da poboación galega naceu no estranxeiro, fóra do Estado español, tres puntos máis que hai catro anos (9,2%), un aumento do 32% dende o 2021. De igual xeito, o 6,4% da poboación ten nacionalidade estranxeira, segundo os últimos datos do Censo actualizados esta semana polo INE, correspondentes ao 1 de xaneiro de 2025.
O 23,6% das persoas entre 25 e 34 anos naceron fóra do Estado español
O groso desta poboación nacida do estranxeiro é nova e é no grupo de idade de 25 a 34 anos onde este colectivo acada un peso maior sobre o total. O 23,6% das persoas entre 25 e 34 anos naceron fóra do Estado español e o 15% ten nacionalidade estranxeira. Tamén se rexistran porcentaxes elevadas nos dous grupos de idade seguintes (de 35 a 44 anos e de 45 a 54 anos) e no anterior (de 15 a 24 anos).
Na Coruña ao redor do 34% da poboación entre 25 e 34 anos naceu fóra do Estado español e en Santiago, Lugo, e Ourense supera o 30%
En cambio, a porcentaxe de poboación con orixe no estranxeiro é moi reducida entre as persoas de máis de 65 anos e case inexistente nas de máis de 75 anos de idade.
Nas cidades a proporción de poboación nova con orixe no estranxeiro é aínda máis elevada. Na Coruña, por exemplo, ao redor do 34% da poboación entre 25 e 34 anos naceu fóra do Estado español e en Santiago, Lugo, e Ourense supera o 30%. Na Coruña e Ourense as persoas nacidas no estranxeiro superan o 20% mesmo no grupo de idade de 40 a 50 anos.
Nun gran número de localidades da Galicia rural a porcentaxe de persoas nacidas fóra é importante e o seu número está a experimentar un notable incremento: No Carballiño, Verín, Celanova, Monforte, O Barco, Sarria ou Lalín a proporción supera o 16%, con aumentos por riba do 20% en catro anos
Pero hai que destacar que a poboación con orixe noutros países non só vive nas cidades, como amosa a súa distribución por concellos. Deixando á marxe casos con características particulares, como Avión (o 35% da súa poboación naceu no estranxeiro) ou Beariz e A Lama (30%), a porcentaxe de persoas nacidas fóra do Estado español é importante nun gran número de localidades da Galicia rural e, ademais, o seu número está a experimentar un notable incremento.
O Carballiño (23% de poboación nacida no estranxeiro, cun aumento do 30% nos últimos catro anos), Verín (22%, aumento do 29%), Celanova (21%, aumento do 22%), Monforte (20%, aumento do 50% dende o 2021), O Barco de Valdeorras (20%, aumento do 32%), Sarria (17%, aumento do 52%) ou Lalín (16%, aumento do 22%) son algúns exemplos.
En 118 concellos cando menos o 10% dos habitantes naceu no estranxeiro. Entre eles moitas localidades rurais, como Meira, Verea ou Ribeira de Piquín que están a experimentar un importante aumento de poboación
En 118 concellos galegos, cando menos o 10% da poboación censada naceu no estranxeiro. Entre eles moitas localidades rurais, como Meira, Verea ou Ribeira de Piquín que están a experimentar un importante aumento de poboación nos últimos anos.
No mapa aparecen outras zonas, iso si, nas que a proporción de persoas nacidas fóra é moi reducida, como a Costa da Morte, boa parte da Terra Cha, a Montaña lucense ou o centro da provincia de Ourense.
Nesta reportaxe pódese consultar os países de orixe máis habituais en cada concello, cunha presenza moi destaca de persoas nacidas en Colombia, Venezuela, Brasil, Arxentina ou Uruguai, pero tamén en Francia, Suíza e Alemaña (emigrantes retornados en boa medida) e tamén en Marrocos ou Romanía. Hai, igualmente, grupos significativos procedentes de Honduras, Moldavia, Bulgaria, Cabo Verde e Mauritania localizados nalgúns concellos.
Ps grupos máis numerosos de poboación nacida no estranxeiro reside nas sete cidades, que suman preto de 155.000 persoas nacidas fóra, 40 mil máis que hai catro anos. As comunidades máis numerosas son as procedentes de Venezuela, Colombia, Perú, Arxentina, Cuba e Brasil
En todo caso, os grupos máis numerosos de poboación nacida no estranxeiro reside nas sete cidades, que suman preto de 155.000 persoas nacidas fóra, 40 mil máis que hai catro anos. As porcentaxes totais van do 11,3% de Ferrol ata o 17,8% e incrmentos dende o 2021 que chegan a ser do 77% en Ferrol e que no resdo se moven entre o 25% de Pontevedra e o 45% de Santiago.
As comunidades máis numerosas son as procedentes de Venezuela, Colombia, Perú, Arxentina, Cuba e Brasil. As persoas nacidas en Venezuela con maioría en cinco das sete cidades, coa excepción de Colombia (que lidera en Lugo e Ferrol).
Chama a atención a importante presenza de persoas nacidas en Cuba en Lugo, Ourense e Ferrol (onde son a terceira comunidade), tamén o gran número de persoas con orixe en Brasil en Pontevedra ou Vigo. E a gran cantidade de persoas procedentes de Marrocos en Lugo.