A poboación galega sitúase nas 2.720.469 persoas, 14 mil por riba dos datos de hai doce meses. Trátase da cifra máis elevada dende mediados de 2015, hai exactamente unha década.
A poboación de Galicia mantén a súa tendencia de ascenso e con datos provisionais correspondentes ao remate do primeiro semestre do ano sitúase nas 2.720.469 persoas, cinco mil máis que 1 de xaneiro e 14 mil por riba dos datos de hai doce meses. Trátase da cifra máis elevada dende mediados de 2015, hai exactamente unha década.
Segundo a estatística publicada este xoves polo INE, o aumento, dun 0,12% no último trimestre, é inferior ao que se rexistra no conxunto do Estado (+0,24%). Nos últimos 12 meses o ritmo de incremento da poboación en Galicia é do 0,53%, tamén por debaixo da media española (+1,04%). Os últimos datos do INE sitúan a poboación total de España nos 49.315.949 habitantes, o seu máximo histórico.
Nos últimos catro anos a poboación de Galicia aumentou en 30 mil persoas
Os datos de poboación acadaran un máximo do século actual no ano 2011, con 2.773.415 residentes. Porén, a crise económica da Gran Recesión fixo retroceder as cifras por debaixo dos 2,7 millóns no ano 2019, unha tendencia que a pandemia de Covid intensificou. No ano 2021 o indicador rexistrou o seu mínimo dos tempos recentes, con 2.690.972 habitantes. Dende entón as cifras non fixeron máis que aumentar, sumando uns 30 mil novos residentes.
O aumento da poboación en Galicia procede do saldo migratorio extraordinariamente positivo. Venezuela e Colombia son os dous países dos que Galicia recibe máis inmigración
O aumento da poboación en Galicia procede do saldo migratorio extraordinariamente positivo que rexistra dende hai anos. En 2023 máis de 40.000 persoas chegaron a Galicia dende os estranxeiro, cun saldo migratorio de +25.738, especialmente favorable entre as persoas de menos de 45 anos, con datos moi semellantes aos de 2022. En cambio, o saldo vexetativo (a diferenza entre nacementos e defuncións) segue a ser moi negativo, cunha cifra anual de nacementos que ano a ano descende e que en 2024 xa se situou por debaixo dos 14 mil, seis mil menos que hai unha década.
Venezuela e Colombia son os dous países dos que Galicia recibe máis inmigración, por diante doutros países americanos, como Perú, Cuba, Brasil e Arxentina. Esta tendencia mantense nos últimos datos achegados polo INE, con máis de 7 mil inmigrantes venezolanos e case 6 mil colombianos chegados ao país nos últimos doce meses.