O PP de Alberto Núñez Feijóo quere pescar no caladoiro electoral no que ten botadas as redes a súa escisión extremista. Como en moitos lugares do mundo, a extrema dereita de Vox ten na criminalización da inmigración unha das súas bandeiras principais. Con independencia da realidade migratoria ou de calquera dato trátase instalar no imaxinario colectivo un binomio composto por migrantes e crime.
O presidente sintoniza coa apelación de Feijóo para 'apertar' en materia migratoria e así procurar que o PP recupere terreo gañado pola extrema dereita de Vox
Con este pano de fondo, o ex-presidente da Xunta leva semanas endurecendo o seu discurso en materia migratoria e reforzando a súa ligazón á delincuencia. Así, por exemplo, este pasado luns presentaba un eventual Goberno de España presidido por el mesmo como sinónimo de "seguridade fronte á ocupación [ilegal de vivendas] e a inmigración ilegal".
Fíxoo nun Comité Executivo do partido no que, segundo informa El Mundo, a porta pechada reclamou aos dirixentes máis intervencións sobre inmigración e nun ton máis duro. E iso implica, dende vencellar migrantes con inseguridade ata suxerir deportacións masivas, como el mesmo vén facendo, entre exposicións de teorías como a do "efecto chamada" que xa empregara nos seus tempos no Goberno galego.

Nesa reunión do pasado luns non estaba o presidente da Xunta. Ao contrario que noutras ocasións, Alfonso Rueda non faltou ao Consello da Xunta para acudir en Madrid a esa cita partidaria. Non obstante, ao termo da reunión semanal do Goberno galego Rueda si evidenciou estar en sintonía co reclamado por Feijóo en materia migratoria. Fíxoo apenas tres días despois de que ambos recibisen un recado en clave de reproche por unha voz destacada, a do arcebispo de Santiago.
O titular da Xunta di non sentirse aludido polos 'recados' do arcebispo ao que escoitou en compaña de Feijóo advertir contra a "criminalización colectiva" dos migrantes e a súa "utilización como arma política"
O pasado 25 de xullo, durante a súa homilía na Eucaristía pola ofrenda da Casa Real ao Apóstolo, que Rueda presentou por delegación do rei, Francisco Prieto reclamou "acoller dende a legalidade e a fraternidade" a inmigración e formulou a "máis firme condena" á "criminalización colectiva" de quen migra. Tamén considerou "inaceptable utilizar os migrantes ou refuxiados como arma política, cando xa acumulan a dor polo desarraigamento e o abuso das mafias".
Pero Rueda asegura que non se deu por aludido co expresado na resposta arcebispal. Mentres Feijóo interviña en Madrid, o presidente galego asegura que, se acaso, sucede "o contrario", porque el mesmo leva "tempo dicindo que os migrantes son persoas" coas que non caben "cálculos políticos", afirmou xusto antes de inserir liñas que encaixan co pedido por Feijóo: "Efecto chamada", petición de "control en fronteiras" -dando por feito que non existe- ou referencia a menores migrantes sen compaña familiar como "Menas", acrónimo que nos últimos anos virou de referencia administrativa a alcume pexorativo e que, oficialmente, a Xunta non emprega hai media década.
Segundo Rueda, "debemos facer unha regulación ordenada para que atendamos estas persoas como persoas que son e que atendamos tamén a necesidade que temos de postos de traballo a cubrir". "Se ao que se refería o arcebispo é a iso, eu estou completamente de acordo", concluíu.
"Abstéñanse de transmitir mensaxes que criminalizan estes rapaces" e "non primen os intereses políticos sobre o interese superior da infancia", reclama Amnistía sobre a chegada de 300 menores migrantes sen compaña familiar a Galicia
As consideracións do presidente e o seu predecesor non só baten coa visión eclesiástica. Tamén coa de entidades como Amnistía Internacional, que hai escasos días lamentaba que na Xunta "primen os intereses políticos sobre o interese superior da infancia migrante non acompañada" ao polemizar co Goberno de España tras lle asignar o acollemento de 317 destes menores.
A propia organización asegura que "hai un mes pedimos unha reunión" á conselleira de Política Social, Fabiola García, sobre a "acollida digna" destes menores, pero "seguimos sen resposta". "Que plans ten a Xunta?", pregúntanse sobre unhas recolocacións que principian en agosto e para as que a Consellería asegura non ter praza ningunha dispoñible. "Solicitamos -agregan- que se absteñan de transmitir mensaxes que criminalizan a estes rapaces e que apliquen medidas que axuden a combater o racismo e discriminación que sofren".
Pontón presenta Galicia como "nación de acollida" e Besteiro chama a atender "nenos e nenas que foxen de crises humanitarias" fronte a "actitudes que deshumanizan"
Estes argumentos de Amnistía e da Igrexa en materia migratoria sintonizan tamén, en boa medida, cos lanzados nos últimos días polas dúas forzas da actual oposición. Foi tamén o propio 25 de xullo, no acto político central polo Día da Patria, onde a portavoz nacional do BNG presentou Galicia como "nación de acollida" sen inconvenientes para sumar "máis cidadanía", resaltou Ana Pontón.
Igualmente no Día Nacional, o secretario xeral do PSdeG, subliñou que Galicia é "de quen traballa por ela, veña de onde veña". "Temos que defender este discurso con forza e con dignidade fronte a quen, como Rueda e o seu goberno, se nega a acoller nenos e nenas migrantes que foxen de crises humanitarias", subliñou José Ramón Gómez Besteiro, "porque esa actitude nos deshumaniza como país".