A Unión Europea avanza cara á legalización das deportacións de migrantes e a súa detención en centros de terceiros países, saltando os estándares internacionais, co obxectivo de expulsar fóra dos Estados membros a demandantes de asilo con recursos xudiciais ou administrativos aínda abertos. As demandas que Bruxelas e unha maioría dos 27 rexeitaran por completo durante a crise migratoria da pasada década, esixidas polos gobernos de Polonia e Hungría, están agora a piques de ser unha realidade.
O novo sistema de retorno da UE pretende deportacións máis rápidas obrigando a que a decisión dun país sobre unha persoa migrante sexa vinculante para o resto de socios comunitarios
A Comisión de Ursula von der Leyen vén de pór sobre a mesa unha proposta para crear un Sistema Europeo Común para Retornos, é dicir, novas normas para a deportación de migrantes e demandantes de asilo ou, en palabras técnicas de Bruxelas, "un marco legal para que os retornos constitúan un elemento clave do Pacto Migratorio e de Asilo". A construción da Europa fortaleza que xa alertaran en 2016 o eurodeputado Miguel Urbán e o economista especializado en migracións Gonzalo Donaire no seu libro Disparen a los refugiados chega para quedar no continente.
As propostas da Comisión céntranse en crear un novo sistema de retorno, ou expulsións, que sexa máis rápido e efectivo nos seus procedementos. A base será o sistema de mutuo recoñecemento que empezará a aplicarse en 2027, polo cal as decisións dun Estado membro sobre un migrante ou demandante de asilo serán de obrigado cumprimento nos outros socios comunitarios. Se esa persoa é expulsada, non poderá acceder a outro país nin pedir protección internacional nel.

A Comisión xustifícao para achegar unha dimensión común europea entre os 27, xa que segundo un funcionario europeo "até agora había formas de xogar coas normas ou aproveitar os baleiros legais". Segundo esta fonte da Comisión Europea, "o proceso [de expulsión] será así máis sinxelo e ademais desincentívase o movemento irregular dun Estado membro a outro". Bruxelas xustifícao con datos de Eurostat, a axencia estatística da Unión, achegados polos países, segundo os cales só un 20% dos migrantes cunha orde de expulsión son efectivamente deportados.
O comisario europeo de Interior e Migración, Magnus Brunner, foi o encargado de presentar este martes en Estrasburgo diante do Pleno da Eurocámara o endurecemento da política migratoria. Ese recoñecemento mutuo obrigatorio entre os outros socios comunitarios basearase nunha nova Orde Europea de Retorno, rexistrada en futuras bases de datos compartidas entre os países. Calquera persoa ilegal que reciba unha orde de expulsión entrará neses ficheiros. Bruxelas propón que se non coopera, foxe a outro Estado membro ou non abandona a Unión na data indicada a deportación sexa forzosa.
Para obrigar á cooperación dos migrantes coas autoridades nacionais antes de chegar a esta etapa do proceso, a Comisión permitirá"?a redución ou a retirada de beneficios ou axudas sociais", "a retención dos documentos de identidade" e mesmo a prohibición duradeira de que esa persoa entre na Unión. "Son incentivos" ofrecidos este martes, como os cualifica outra alta fonte comunitaria, porque "se puxo moita énfase nos retornos voluntarios", e que completarían os poucos centos de euros que xa recibe o irregular que se acolla á saída.

Os Estados da Unión deben agora estudar para a súa aprobación, modificación ou rexeitamento estas medidas de endurecemento migratorio que ofrece a Comisión. Entrarían en vigor nun par de anos. En principio, non só gobernos ultras como o húngaro, italiano, checo, eslovaco ou neerlandés estarían a favor, tamén foron ben acollidas en Bélxica, Polonia, Grecia, Croacia, Suecia, Dinamarca ou Austria.
En Estrasburgo, as propostas de Brunner evidenciaron a división ideolóxica dunha Eurocámara escorada á dereita desde as eleccións europeas de primavera. O Partido Popular apoiounas co español Javier Zarzalejos subliñando "a importancia de establecer un sistema máis eficaz para a expulsión de inmigrantes en situación irregular". Outro eurodeputado popular, Juan Ignacio Zoido, confirma que a nova lexislación de retorno "é a clave de bóveda" da política migratoria "que levamos anos construíndo". Desde a ultradereita de Patriots for Europe, o terceiro grupo parlamentario onde están os lexisladores de Orbán, Le Pen, Vox ou Matteo Salvini, apoiaron este endurecemento migratorio como "un paso adiante significativo". E os liberais de Renew, o grupo de Macron, daban "a benvida aos plans da Comisión".
En fronte, Os Verdes e A Esquerda alzaron a voz contra un novo sistema que deixa de basearse nos retornos voluntarios para "forzar as deportacións a diario, abrindo a porta aos chamados centros de retorno en terceiros países e pondo en risco a responsabilidade da UE na defensa dos dereitos humanos".
A eurodeputada de Podemos Isabel Serra cualificouno como "grave vulneración de dereitos humanos" porque implica "deportacións forzosas a terceiros países nos que esas persoas nin sequera estiveron nunca", á vez que criticaba a Bruxelas por estar "competindo con Trump para ver quen é máis racista". A lexisladora española citou como exemplos as deportacións que está realizado a nova Administración estadounidense de migrantes latinos cara a Guantánamo, etapa intermedia da súa expulsión, ou o acordo subscrito hai un ano pola primeira ministra Giorgia Meloni con Albania para a creación de centros de internamento de migrantes expulsados desde Italia.
Bruxelas copia os centros de detención de Italia en Albania
Por primeira vez, a Comisión Europea propón abertamente 'hubs de retorno', cárceres fóra dos 27 Estados membros onde expulsar migrante es demandantes de asilo irregulares
Aínda que a Comisión Europea tentou afastarse do modelo italiano-albanés, o certo é que a segunda gran medida do seu sistema de retorno é moi semellante aos centros de detención pactados por Giorgia Meloni co goberno de Tirana. Auténticos cárceres para persoas indocumentadas, pagadas con diñeiro público italiano que os xuíces dese país están a tombar.
Por primeira vez, Bruxelas propón abertamente crear o que chama hubs de retorno, centros en países fóra da UE polos que supostamente pasarían o migrante no seu camiño ao vello continente e aos que sería expulsado, á vez que evita a súa responsabilidade e deixa aberta esta posibilidade ao que decidan os Estados membros. "Estamos a regular o que pode facer a UE, a idea é pór en marcha un sistema para que os Estados membros teñan estes instrumentos", explica unha das fontes comunitarias.
Pero os documentos oficiais da Comisión son moi claros e falan de desenvolver eses centros de retorno en terceiros países para "aquelas persoas que estiveron ilegalmente na UE e recibiron unha decisión final de retorno". Nesta evasión de responsabilidades, o executivo comunitario non fala en ningún momento de expulsión ou deportación e deixa as condicións dos centros "ao acordo ou os arranxos cun terceiro país sexa bilateralmente ou a nivel europeo". Aínda que Bruxelas non ofreceu unha partida específica, estas instalacións si contarían con financiamento europeo, 3.000 millóns de euros que insisten na Comisión son para todo o novo sistema de retorno, non só para os hubs.

Os acordos bilaterais con países fronteirizos créanse, denunciaban hai xa case unha década, o eurodeputado Urbán e o economista Donaire no seu libro, son para que estes territorios "exerzan de xendarmes e como espazos de non-dereito lonxe das miradas das cámaras e da xurisprudencia dos acordos internacionais de respecto dos Dereitos Humanos asinados polos países europeos". Trátase dunha externalización parcial da xestión migratoria.
Bruxelas tenta evitar este tipo de críticas ao argumentar que os demandantes de asilo ou migrantes deportados poderán recorrer a decisión ante a xustiza, e que tanto os tribunais nacionais dos países europeos que pechen estes acordos bilaterais, como o Tribunal de Xustiza da UE ou o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, serán competentes sobre estes centros.
Na propia Comisión cren que veñen de presentar un novo sistema "cun forte equilibrio entre dereitos e obrigas, por exemplo, co dereito a apelar a decisión das deportacións", pero o certo é que a eses mesmos funcionarios europeos tamén se lles escapa sobre o novo sistema de deportacións ofrecido aos Estados membros que "nos últimos anos vimos demasiados casos nos que a emigración irregular se viu involucrada en serios crimes".