Ibrahima Diack e Magatte N'Diaye, fillos adoptivos da Coruña: "Fixemos o que tiñamos que facer"

Ibrahima Diack (dereita) e Magatte N'Diaye, coa alcaldesa da Coruña no acto de recoñecemento como fillos adoptivos da cidade, este 24 de febreiro © Concello da Coruña

Os dous veciños de orixe senegalesa que axudaron a Samuel Luiz para tentar evitar o seu asasinato fan un chamamento á educación en valores ao seren distinguidos polo Concello: "Non somos heroes"

"Non somos heroes". Ibrahima Diack e Magatte N'Diaye, os dous veciños da Coruña de orixe senegalesa que na madrugada do 3 de xullo de 2021 tentaron evitar o asasinato de Samuel Luiz repetiron en moitas ocasións esta afirmación dende aquela. Tamén este pasado luns, cando o Concello coruñés fixo oficial o seu nomeamento como fillos adoptivos da cidade.

"Non somos heroes, fixemos o que tiñamos que facer". Así o subliñou Magatte, visiblemente emocionado, tras recibir de mans da alcaldesa, Inés Rey, a placa acreditativa dun recoñecemento apoiado por primeira vez no pleno municipal a finais de 2021 mediante unha iniciativa conxunta o BNG e a Marea Atlántica e aprobado definitivamente en marzo de 2022.

Ibrahima Diack, intervindo no salón de plenos do Pazo de María Pita no acto de recoñecemento como fillos adoptivos da cidade © Concello da Coruña

Entre agradecementos a todos os grupos e ás institucións coas que tiveron contacto nestes anos, tamén ás ONG que apoian o colectivo migrante nos barrios da Coruña, as intervencións dos novos fillos adoptivos estiveron marcadas por un chamamento á educación en valores. "Os nosos pais, dende a pobreza e a dureza da vida en Senegal, plantaron e cultivaron valores en nós" e "se as sementes son valores, o que medra son valores, ilustra N'Diaye.

"Daquel inferno que aínda nos doe como cidade xurdiron dúas figuras admirables que contan co agradececemento eterno da Coruña", subliña a alcaldesa

"Nacín nunha familia na que non tiñamos moito, pero déronme moitas cousas máis valiosas que os cartos: déronme o amor, o respecto, a dedicación e os valores", enfatizou Ibrahima para explicar a súa reacción ante alguén que, como Samuel Luiz, "necesita axuda". "O que plantas é o que colleitas" e por iso cómpre "falar cos nenos do que son os valores, do que é a educación", resaltou.

O acto, resalta o goberno coruñés, quixo servir para "honrar a memoria de Samuel Luiz" e tamén para "destacar o exemplo de solidariedade e valores" dos dous veciños distinguidos, mostra da importancia de "distinguir entre a falsa valentía do agresor e a honrosa valentía do solidario", afirma a alcaldesa. "Daquel inferno que aínda nos doe como cidade xurdiron dúas figuras admirables", as dúas únicas persoas que asistiron a Samuel Luiz mentres era agredido.

Ante representantes de todos os grupos municipais, da comunidade senegalesa e de diversas organizacións, Rey resaltou ademais que o "altruísmo puro" de Ibrahima Diack e Magatte N'Diaye fose exercido cando estaban en situación administrativa irregular. "Ningún dos dous dubidou" e por iso "contan co agradecemento eterno a Coruña", ficando na "historia" da cidade como "proposta de convivencia e futuro" e tamén como mostra, di, da "integración" da veciñanza de orixe senegalesa nos barrios coruñeses.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.