Ibrahima Diack e Magatte N’Diaye tentaron frear o ataque, pero os agresores perseguíronos e impedíronlles calquera tipo de auxilio, explicaron este venres no xuízo os dous veciños da Coruña de orixe senegalesa
"Samuel caeu e os mozos marcharon. Estaba cheo de sangue en todas partes, nunca viramos algo así. Tiñamos moitísimo medo". Ibrahima Diack lembra con nitidez os golpes que acabarían coa vida de Samuel Luiz a madrugada do 3 de xullo de 2021. Lembra tentar protexelo rodeándolle cos seus propios brazos, lembra tamén o tumulto que o perseguiu a el e ao seu amigo, Magatte N'Diaye, a marabunta de xente que lles impediu socorrer ao mozo. E lembra como finalmente o rapaz caeu no paseo marítimo da cidade herculina. Os únicos titubeos son os que impón a barreira idiomática, pero o migrante senegalés describe de maneira lúcida os feitos que viviu nas súas carnes. A súa memoria acredita que o grupo de agresores non parou até ver agonizar o mozo coruñés.
A Audiencia Provincial da Coruña acolleu este venres a terceira sesión do xuízo polo crime contra Samuel Luiz. É o segundo día consecutivo que os dous senegaleses, testemuñas dos feitos, atravesan as portas do edificio. A súa declaración estaba prevista para o xoves, pero os tempos nos corredores dos tribunais nunca son exactos. Tampouco esta vez parece que a sesión vaia fluír: un inesperado fallo técnico obriga a un receso a metade da xornada. Os dous amigos pasan o tempo na máquina de café, pouco antes de que alguén se asome pola porta da sala de vistas e pronuncie os seus nomes.
O primeiro en pasar é Ibrahima. O seu relato testemuña que tanto el como o seu amigo trataron de frear as puñadas dos agresores, pondo o seu propio corpo e a pesar do medo evidente que pesaba sobre as súas costas: non só pola ferocidade dos atacantes, senón pola especial vulnerabilidade de seren dous migrantes sen papeis. "Por suposto, eu tamén recibín golpes, porque o levaba nos meus brazos", asente Ibrahima. O que describe ante o xurado popular é unha agresión continuada: "Viñan por todos os lados", insiste. Tanto, que Samuel "nin sequera podía defenderse". A acción decidido das dúas testemuñas foi a única oportunidade que tivo o mozo de salvar a vida, pero non foi suficiente.
O avogado dun dos acusados teima en interrogar con dureza ás testemuñas. A Ibrahima pregúntalle polas contas que segue en redes socaiis e tenta deslizar a regularización da súa situación administrativa como unha especie de incentivo. "Impertinente", apresúrase en impugnar a maxistrada
Coa declaración dos dous cidadáns senegaleses chegan as primeiras tensións. O avogado de Alejandro Freire -para quen a Fiscalía pide 22 anos de cárcere- teima en interrogar con dureza ás testemuñas, utilizando incluso unha linguaxe técnica incomprensible para quen non ten o castelán como lingua materna. A Ibrahima pregúntalle polas contas que segue en redes sociais -acusa o senegalés de seguir a un perfil que pide xustiza para Samuel Luiz- e trata de deslizar a regularización da súa situación administrativa como unha especie de incentivo. "Impertinente", apresúrase en impugnar a maxistrada que preside o xuízo, Elena Fernanda Pastos. Será o primeiro "impertinente" duns cantos.
O mesmo esquema repítese con Magatte. O avogado chega mesmo a tachar de "inauditas" as súas imprecisións -el exprésase con maior dificultade- e a maxistrada ordénalle que se "absteña de facer valoracións". Pero ao letrado apóiano os seus colegas: a defensa trata de pór contra as cordas ás testemuñas, falan de contradicións, lagoas nos seus relatos e incoherencias narrativas que non casan cos primeiros testemuños prestados en sede policial.
A xuíza fai un esforzo sobrehumano por tender pontes e o tradutor que senta na sala, namentres, observa sen saber moi ben cal é o seu papel. Se o relato dos feitos desenvólvese de forma fluída, o interrogatorio é atropelado, as testemuñas non terminan de comprender a intencionalidade das preguntas e a sesión parece chegar a un punto de non retorno. Pouco despois, libre da solemnidade xudicial, Ibrahima detense ante os micrófonos dos medios que agardan á saída: "O que fixemos, nós fixémolo de corazón. Fixémolo pola educación e polos valores que temos".
O minuto máis longo
Lina Fernández, a mellor amiga de Samuel Luiz, sinala que foron Diego Montaña e Catherine Silva quen atacaron o mozo chamándoo "maricón de merda"
O minuto máis longo da xornada chega coa mellor amiga de Samuel. A Lina Fernández créballe a voz cando ten que expresar o momento en que, tras os primeiros golpes, se distancia do seu amigo para buscar o móbil que perdera durante o ataque. Só se afasta un momento, pero cando volve buscar ao mozo, este xa caera esborrallado ao chan. Serían os seus últimos momentos de vida. Nese punto, Lina é incapaz de articular palabra. "Non se preocupe. Cando vostede considere que está ben, seguimos", concede a maxistrada. E faise o silencio. No banco dos acusados, miradas baixas. Entre o público, algún suspiro e o sutil son dun paquete de panos desenfundado con pretendida discreción.
A mellor amiga da vítima colle forzas e prosegue. O seu relato do sucedido é o mesmo desde a primeira vez que foi interrogada. E as súas vivencias impugnan o exposto o xoves por unha das acusadas, Catherine Silva. Lina saíu do pub onde pasaba a noite co seu amigo para facer unha videochamada. É daquela cando se topan con dous dos acusados: Diego Montaña e a propia Catherine Silva. Ambos interpelan á vítima e esíxenlle que deixe o móbil. "Para de gravar, maricón de merda", rememora Lina. E non exculpa a Silva. Ao contrario, afirma que foi ela tamén quen proferiu os insultos homófobos. A elección da palabra "maricón" non é casual, expresa a moza. "Samuel nunca ocultou a súa orientación sexual. Visualmente, era diferente".
Silva tamén foi a encargada de impedir que Lina auxiliase ao seu amigo unha vez xa empezaran os golpes. "Ti aquí non pintas nada", pronunciou, segundo a versión da testemuña. "Non foi con intención de salvarme a min, nin de protexerme, ou ao seu mozo, ou a Samuel", reitera, cunha mirada cara ao xurado popular que cavila á súa dereita. Silva mantiña unha "actitude agresiva", esfórzase por deixar claro. Di estar "segurísima" de que a súa intención non era a de axudar. "Ningunha dúbida".
O avogado de Catherine Silva lanza a súa batería de preguntas. Se está segura de escoitar á súa defendida insultar á vítima, se viu con total claridade que ela participase na agresión, se non será que en realidade a intención da acusada era disuadir aos atacantes. "É que isto é moi serio", di o letrado en ton aleccionador, obviando que foi Lina a que viu como o seu mellor amigo morría a golpes hai tres anos. "Por favor, deixe que se exprese", intervén a xuíza. E parece que a interrupción o convida á reflexión, porque despois dun breve receso o avogado descúlpase "polo ton" empregado. "Polo ton, non polo contido", matiza.
Lina pide quedar na sala ao termo do seu testemuño. Dilúese entre as mozas e os mozos do público, case todos estudantes, case todos da súa idade.
É a quenda de Vanesa González, a moza que estaba ao outro lado da pantalla durante a videochamada. Lembra os insultos, as ameazas e o ruído. Daquela os "berros de Lina pedindo axuda". Despois daquilo, varios intentos de retomar o sinal cos seus dous amigos, o presentimento de que algo ía mal e a constatación da fatalidade. "Volvín chamar a Lina despois do que pasara. E aí foi cando me dixo que Samuel estaba moi mal e que o levaban ao hospital. Ao día seguinte foi Lina a que me avisou de que Samuel falecera".