O escrito di que os catro homes e a muller acusados actuaron en grupo xunto cos dous menores xa condenados e que "eran conscientes de que coa duración e persistencia dos golpes podían ocasionar a morte"
A Fiscalía fixo público este luns o seu escrito de acusación ás persoas implicadas no asasinato do mozo Samuel Luiz, de 24 anos, na Coruña na madrugada do 3 de xullo de 2021. Ademais dos dous menores de idade xa condenados e que cumpren condena nun centro de menores, a Fiscalía pide agora diversas penas de cadea que van dos 22 aos 27 anos para catro homes e unha muller polos delitos de asasinato con asañamento e roubo con violencia e pola agravante de discriminación.
O escrito da Fiscalía di que "todos os acusados, actuando en grupo, eran conscientes que coa duración e persistencia dos golpes que lle propinaban a Samuel Luiz de forma colectiva podían ocasionarlle a morte". Unha malleira á que se chegou despois de que á saída dun local de ocio nocturno da praia de Riazor un dos acusados, tras unha recriminación inicial á vítima por supostamente gravalos co móbil, reaccionase de forma "aínda moito máis virulenta" pola súa "animadversión á orientación sexual homosexual" que atribuíu ao falecido. Unha "fonda animadversión" á homosexualidade de Samuel Luiz que tamén "compartía plenamente" a muller acusada.
O escrito da Fiscalía reflicte a axuda que tentaron dar á vítima dous senegaleses veciños da Coruña
Neste contexto, a Fiscalía di que "os continuos e brutais golpes propinados a Samuel Luiz foron realizados coa intención deliberada de aumentar innecesariamente a súa dor e sufrimento físico para acadar o fin letal, reflexo dunha crueldade e deshumanización extremas".
O escrito tamén reflicte a axuda que tentaron dar á vítima dous cidadáns senegaleses veciños da Coruña, un dos cales resultou tamén golpeado.
Por todos estes feitos a Fiscalía pide 25 anos de cadea por asasinato con agravante de discriminación tanto para un home nacido en 1995 como para a muller nacida en 2002. Para outros dous homes nacidos en 1995 e 2000 pide polo mesmo delito de asasinato, sen agravante, 22 anos de cadea. E para un cuarto home nacido en 2002 engade a esa mesma pena de 22 anos de cadea por asasinato outra doutros 5 anos por roubo con violencia, xa que quedou co teléfono móbil do falecido.
A Fiscalía tamén pide que os acusados, xunto cos dous menores xa condenados, indemnicen conxunta e solidariamente polo dano moral aos pais do falecido con 227.000 euros e á irmá con 35.000 euros, ademais de con outros 40.000 euros ao pai por incapacidade permanente para a profesión habitual.