Milleiros de persoas lembraron a Samuel Luiz nas cidades galegas nun Día do Orgullo LGBTI de reivindicación

Manifestación do Orgullo na Coruña en 2022 © Marea Atlántica

Especialmente importante foi a marcha que tivo lugar polas rúas da Coruña, xusto cando está a piques de conmemorarse o primeiro aniversario do asasinato de Samuel Luiz

Este martes, como todos os 28 de xuño (aniversario dos disturbios de Stonewall) celebráronse en moitas localidades do país manifestacións polo Día do Orgullo LGTBI, que un ano máis se moveron entre a celebración dos avances acadados (por exemplo a Lei para a igualdade das persoas trans e a garantía dos dereitos LGBTI, aprobada esta semana polo Consello de Ministros) e a denuncia dos obstáculos que as persoas LGBTI seguen a atopar nas súas vidas, en ocasións en forma de ataques e de agresións físicas.

Especialmente importante foi a marcha que tivo lugar polas rúas da Coruña, xusto cando está a piques de conmemorarse o primeiro aniversario do asasinato de Samuel Luiz, que tivo lugar o 3 de xullo do pasado ano e que nese momento espertou unha vaga de repulsa e de solidariedade en todo o Estado. A memoria de Samuel estivo moi presenta na manifestación coruñesa, que reuniu a 4.200 persoas segundo os cálculos da Policía Local e que foi encabezada por unha faixa na que se podía ler 'En loita contra a LGTBIfobia'.

Manifestación do Orgullo en Compostela en 2022 © BNG

"Manifestámonos por ti, Samuel, e por todas as vítimas da LGBTIfobia. Vítimas de insultos, discriminación, malleiras ou acoso só por ser LGTBI+", dicía o manifesto lido ao remate a marcha coruñesa, na Praza de María Pita. Un texto que remataba: "por isto é necesario o Orgullo. Por isto é necesario que sigamos saíndo ás rúas a reivindicar os nosos dereitos. O dereito a ser quen somos, sen medo". 

"Manifestámonos por ti, Samuel, e por todas as vítimas da LGBTIfobia. Vítimas de insultos, discriminación, malleiras ou acoso", dicía o manifesto lido na Coruña

Houbo manifestacións, tamén moi numerosas, no resto de cidades galegas e tamén nalgunhas vilas. As de Compostela, Lugo ou Ourense foron algunhas das máis masivas. En Ferrol puido verse unha gran faixa coas cores do arco da vella na fachada da Casa do Concello. E en Vigo unha das grandes novidades foi que por primeira vez en varios anos foi colocada no Concello a bandeira LGBTI, como lle fora demandado ao Goberno local por parte dalgúns grupos da oposición, coma o BNG.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.