Media ducia de colectivos convocan este domingo pola tarde unha manifestación na Coruña "contra as violencias LGTBIfóbicas", ao fío do asasinato de Samuel Luiz e doutros incidentes, de maior ou menor gravidade, que se veñen producindo na cidade herculina e outros lugares nas últimas semanas e que teñen como vítimas e obxectivos as persoas LGTBI e as entidades que os representan ou que lles prestan atención.
A marcha, baixo o lema “Ante o odio e a violencia, non mostres indiferenza", partirá ás 19.30 dende a Praza da Palloza e rematará na Praza de María Pita
A marcha, baixo o lema “Ante o odio e a violencia, non mostres indiferenza", partirá ás 19.30 dende a Praza da Palloza e rematará na Praza de María Pita, o mesmo escenario no que esta semana milleiros de persoas se reuniron para manifestar a súa repulsa ante a malleira mortal sufrida polo mozo coruñés. A manifestación, que reivindica "garantir unha sociedade libre de violencia de calquera tipo", está convocada polas entidades Avante LGBT+, Amizando, Les Coruña, Abrir Fenda, GOTAS e CASCO.
Casco (Comité AntiSida da Coruña) foi a última entidade en sufrir un ataque, cando o pasado sábado a bandeira LGTB que estaba pendurada dunha das fiestras do seu Sex Point foi queimada parcialmente por dúas persoas. Este incidente uníase á agresión sufrida por unha parella de homes gais no barrio de Monte Alto, hai dúas semanas, que foron atacados por un home cunha porra estensible.
A manifestación convócase en protesta pola "violencia LGTBIfóbica que existe dende sempre" pero que nos últimos tempos está a incrementar a súa intensidade
Á convocatoria da Coruña únense outras en distintos puntos do Estado, como Algeciras, Murcia e Barcelona (este venres), Bilbo, Donosti, Vitoria-Gasteiz, La Línea de la Concepción, Málaga, Sevilla e Zaragoza (este sábado) e Madrid e Almería (o domingo), todas elas convocadas por asociacións LGTBI "críticas". As marchas criticarán tamén a dureza das cargas policiais efectuadas contra algunha das protestas que seguiron ao asasinato de Samuel Luiz, como as que tiveron lugar en Madrid.
Andie Sánchez (Avante LGBT+ A Coruña) destaca en conversa con Praza.gal que a manifestación se convoca en protesta pola "violencia LGTBIfóbica que existe dende sempre" pero que nos últimos tempos está a incrementar a súa intensidade. Ante esta violencia, salienta a importancia da mobilización: “Todo comeza na loita na rúa, que é o que fai que despois o que pedimos se leve a cabo en todos os ámbitos da sociedade, dende a sanidade á educación”. E, igualmente, do ensino: "A clave é un ensino que respecte a todas as persoas".
O representante de Avante LGBT+ subliña a onda de solidariedade que percorreu Galicia e todo o Estado nos últimos días, comezando pola propia cidade herculina: "Foi incrible ver na Coruña a máis de cinco mil persoas na Praza de María Pita, sendo conscientes, ademais, de que había máis xente fóra da praza que non puidera entrar e que tamén estaba a escoitar o manifesto".
"É moi importante que isto estea pasar nas vilas pequenas e no rural, unha concienciación que vai a máis e que é moi relevante para as persoas LGTBI"
Porén, fai aínda máis fincapé na extensión das mobilizacións por toda a xeografía galega, pois foron máis de 70 as concentracións convocadas, algunhas mesmo en concellos de moi pequeno tamaño e zonas rurais. "Aínda que son da Coruña, por motivos familiares e laborais estou na Mariña e foi moi emocionante poder ver a mobilización que houbo aquí nas concentracións polo asasinato de Samuel. É moi importante que isto estea pasar nas vilas pequenas e no rural, unha concienciación que vai a máis e que é moi relevante para as persoas LGTBI. "Para elas é moi importante a mobilización que está a haber estes días", comenta.
Fai un chamamento a que se recoñeza de forma oficial que o asasinato tivo motivacións homófobas, constituíndo un delito de odio, “Que se negue isto resulta bastante preocupante”, conclúe
Finalmente, fai un chamamento a que se recoñeza de forma oficial que o asasinato de Samuel Luiz tivo motivacións homófobas, constituíndo un delito de odio, unha demanda dos colectivos LGTBI nos últimos días, aínda que a investigación segue o seu curso e a motivación homófoba é só unha das que se investigan como posibles por parte da Policía. Andie Sánchez pide “que se escoite ás testemuñas" (que sinalaron que lle berraban 'maricón') e que se contemple o asasinato "como un delito de odio". “Que se negue isto resulta bastante preocupante”, conclúe.