A Policía acusa de homicidio aos catro detidos por matar a Samuel Luiz e a un deles, tamén de apropiación indebida

Control policial nunha cidade galega, nunha imaxe de arquivo © Delegación do Goberno de España en Galicia

Cuarta detención polo asasinato de Samuel Luiz. A Delegación do Goberno de España en Galicia confirmou este xoves, 8 de xullo, que na noite do mércores a Policía Nacional prendeu unha cuarta persoa "como suposta autora da agresión mortal" ao mozo coruñés, vítima dunha mortal malleira na madrugada do pasado sábado. Trátase dun veciño da Coruña "con idade similar" ás tres persoas xa detidas, "de entre 20 e 25 anos".

O cuarto detido é acusado de homicidio e tamén de apropiación indebida por quedar co teléfono móbil da vítima

Coa información oficial sobre as pescudas condicionada polo segredo sumarial ditaminado no xulgado que instrúe o caso, a delegación gobernamental ofrece este xoves algún detalle máis sobre os delitos que a Policía atribúe aos acusados. Ás tres persoas detidas o pasado martes (dous homes e unha muller) acúsaas de homicidio e ao cuarto detido atribúelle, ademais, apropiación indebida.

A engádega deste segundo delito, revela, é que os investigadores o acusan de participar na "brutal malleira que acabou coa vida de Samuel", mais tamén de "quedar, supostamente, co móbil da vítima". Nin este novo detido nin os tres anteriores tiñan antecedentes e os catro coñécense entre si. Os tres primeiros detidos aínda non pasaron a disposición do xulgado e fontes xudiciais indican que é posible que aínda non o fagan durante a xornada do xoves, polo que continúan en dependencias policiais.

Amizades de Samuel, na concentración en repulsa polo seu asasinato, na Coruña o pasado 5 de xullo CC-BY-SA M.A.

Sempre segundo o detallado pola delegación gobernamental, esta nova detención é "froito da información obtida" polos testemuños que a Policía recompilou durante o pasado mércores. As pescudas, indica, seguen abertas tanto mediante probas testificais como a través da análise de gravacións de vídeo -de cámaras de seguridade e telefónicas-, polo que seguen sen desbotarse novas detencións. "Todas as liñas de investigación continúan abertas", agrega.

"Toda as liñas de investigación continúan abertas", mantén o delegado do Goberno de España en Galicia. As amigas do mozo asasinado relataron que o primeiro agresor o increpou ao berro de "para de grabar si no quieres que te mate, maricón"

Neste contexto, o delegado do Goberno de España en Galicia, José Miñones, reiterou este xoves o seu chamamento á "prudencia" e á "responsabilidade" para "lograr o obxectivo prioritario, que non é outro que levar ante a Xustiza aos culpables da mortal agresión". Nos últimos días, en respostas á prensa Miñones reiterou que a agresión homófoba é unha das liñas de investigación en marcha, sen desbotar "ningunha" outra.

Como recolle este xoves La Opinión de A Coruña, amigas de Samuel presentes no lugar dos feitos declararon que un dos agresores berrou ao mozo asasinado dicíndolle "para de grabar si no quieres que te mate, maricón". Este mesmo xornal explica que dous dos detidos (home e muller) son a parella que increpou a Samuel e a unha das súas amigas acusándoos de estar a gravalos co teléfono móbil -en realidade, estaban a realizar unha videochamada-. Nese primeira agresión, un home presente no lugar dos feitos logrou que cesasen os golpes, pero o agresor regresou pouco despois, acompañado de máis persoas, para volver bater en Samuel ata consumar a malleira mortal.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.