No Día do Orgullo recompilamos os temas publicados en Praza.gal e na revista VINTE que cómpre ter presentes. A celebración do Orgullo do ano pasado estivo marcada polas reclamacións para a aprobación da lei para a igualdade real e efectiva das persoas trans e a garantía dos derechos das personas LGBTIQ+. As manifestacións que se celebran hoxe xa decorren con esta lei camiño do Congreso, aínda que os colectivos seguen botando en falta que se teña en conta ás persoas non binarias neste texto lexislativo.
O Consello de Ministros comeza a tramitar a 'lei trans', que recoñece a autodeterminación de xénero
Esta é "unha lei feminista", dicía a Ministra de Igualdad, Irene Montero, no anuncio da tramitación da lei no Goberno estatal, en tanto que entendía que "ou chegamos todas ou non chega ningunha”. Montero avanzou este luns que o texto chegará agora ao Congreso antes do parón estival.
Vaga de dor e repulsa polo asasinato de Samuel mentres a Policía interroga posibles implicados no crime
A Samuel Luiz matárono dunha malleira na Coruña o pasado mes de xullo. Os feitos estiveron baixo segredo oficial para protexer as actuacións xudiciais, que pescudaban quen estaba implicado na brutal agresión que rematou coa vida deste mozo coruñés de 24 anos ao que os servizos de emerxencia non lograron reanimar.
"Os discursos de odio contra as persoas LGBT xa estaban aí, pero agora teñen un altofalante público e político"
Os colectivos LGBT galegos, dende ALAS a Avante LGBT+, denunciaron dende o primeiro momento o carácter homófobo do asasinato de Samuel Luiz, convocando concentracións por todo o país nas que tamén colaborou de forma moi activa o movemento feminista galego. "Eses discursos de odio contra as persoas LGBT xa estaban aí, pero ata agora non tiñan un altofalante público e político no que verse reflectidos e ao que votar nas eleccións", salientou a presidenta da Asociación para a Liberdade Afectiva e Sexual A Coruña (ALAS), Ana G. Fernández.
Ciberactivismo. A mocidade mobilízase na rede polo verde, a igualdade e a lingua
As mobilizacións e reivindicacións de #XustizaparaSamuel puxeron de manifesto as novas formas de participación política da sociedade. A xente nova quere igualdade, diversidade e sustentabilidade e utiliza o espazo dixital para esixilo.
Existir e resistir. Unha ollada ao drag en Galicia
Toda unha comunidade de artistas drag, apenas visible, desprégase ao longo do país a pesar da falta de espazos e a desconexión coas institucións. Con vivencias e percorridos diferentes, comparten unha vontade por facerse coñecer e valorar e, por riba, facelo desde aquí.
As recentes agresións homófobas devolven o foco á importancia de entender que "a diversidade é a norma, non a excepción”
As denuncias en Ourense e Vigo por agresións homófobas constatan que o sucedido na Coruña non foi un caso illado. Saímos da pandemia con incertezas que afectan á xuventude e a integración pendente da diversidade na sociedade. "Con esta incerteza cara ao futuro, este cambio no paradigma da sexualidade que resulta moi inquedante e con esta viralización dos discursos de odio o que temos é un caldo de cultivo no que é máis fácil que se produzan este tipo de actos, execrables en todo caso", sinala o psicólgo clínico Ricardo Fandiño.
A Coruña queer. Historias da mocidade LGTBI no primeiro ano sen Samuel
No comezo do mes do Orgullo LGBTIQ+ na Coruña O Novo Normal: A Coruña sae á rúa para coñecer historias en primeira persoa da mocidade queer que vive na Coruña e que atopou nela certo refuxio, pero tamén aínda situacións de inseguridade e incomprensión, cando se achega o primeiro aniversario do asasinato homófobo de Samuel Luiz.
Whore Wheels. O 'queer' transforma a cultura de club en Compostela
Os colectivos Tr3mor e Malfario únense para dar forma ao festival Whore Wheels, que se celebrará na Sala Malatesta de Santiago o 1 e o 2 de xullo, na semana do Orgullo. Preséntase como un espazo para a disidencia cunha programación que inclúe artistas como Tomasa del Real ou Putilatex. Sucede ao tempo que no ocio nocturno compostelán e galego está a configurarse unha escena queer de club.