Con demora e tras intensas disputas entre as dúas formacións que conforman o Goberno de España, o Consello de Ministros deste 29 de xuño, apenas vinte e catro horas despois do Día do Orgullo LGTBIQ+, deu o seu visto e prace ao anteproxecto da Lei para a Igualdade Real e Efectiva das Persoas Trans e para a Garantía dos Dereitos das Persoas LGTBI. Será, finalmente, un único texto que aglutine as que viñan sendo coñecidas como lei trans e lei LGTBI e que traia consigo o reivindicado dereito á autodeterminación de xénero.
A ministra de Igualdade defende que a nova norma responde ás reivindicacións de despatoloxización que que historicamente veñen lanzando os movementos LGTBI
Como informa Marta Borraz para eldiario.es, o anteproxecto explicado este martes pola ministra de Igualdade, Irene Montero implica, entre outros aspectos, que dende a súa aprobación as persoas transexuais xa non teñan que declararse como enfermas para modificar o seu sexo en trámites legais en documentos como o carné de identidade. Farano manifestando esa vontade e ratificándoa, tres meses despois, no Rexistro Civil.
Esta é a fórmula acordada entre Igualdade, Xustiza e a Vicepresidencia Primeira que reformará os preceptos vixentes dende 2007, que implicaban que as persoas que quixesen dar este paso estivesen diagnosticadas con disforia de xénero e a tratamento hormonal. A xuízo de Montero, o novo texto -que agora é remitido aos órganos consultivos antes do seu envío ao Congreso para o correspondente trámite parlamentario- responde ás reclamacións de despatoloxización que historicamente veñen lanzando os movementos LGTBI.
Mais tamén sinala a ministra que, para o Goberno do PSOE e Unidas Podemos, esta é "unha lei feminista" en tanto que entende que "ou chegamos todas ou non chega ningunha". "Hai miles de mulleres feministas, entre as que me inclúo, que estamos convencidas de que sempre que se garanten os dereitos humanos facemos unha sociedade máis libre", defendeu en contraposición ás posturas que, nalgunhas organizacións feministas, son críticas coa norma.
O Goberno de España subliña a seguridade "xurídica" da norma, que Montero defende tamén como "lei feminista" porque "ou chegamos todas ou non chega ningunha"
Tras a dura negociación interna, a ministra de Igualdade -que compareceu acompañada polo titular de xustiza, Juan Carlos Campo, ademais de pola ministra portavoz, María Jesús Montero-, coida que o texto pactado é tamén unha mostra da "fortaleza" do Executivo de coalición. "Somos quen de dialogar, de cumprir co acordo" e "facer políticas que melloran a vida da xente e amplían as posibilidades de seren felices", defende.
A nova lei, resalta Campo, vai permite que "haxa persoas que poidan respirar máis tranquilas" mediante un mecanismo que tamén garante a "estabilidade" na decisión. Non en van, salienta, o texto que agora bota a andar contempla a posibilidade de reverter o proceso iniciado nun prazo de seis meses e mediante resolución xudicial.
O titular de Xustiza cre que a lei trans nace como o fan "os bos textos" legais, isto é, como resultado "da reflexión, de matizar" ata chegar "cando ten que chegar". A seguridade xurídica, asegura, fica garantida ao tempo que "salvagarda os dereitos das mulleres e recoñece os dereitos das persoas LGTBI", agrega Irene Montero.