Chámanse Ibrahima e Magatte, son veciños da Coruña e ata agora a súa situación administrativa era irregular porque non dispuñan de permiso de traballo nin de residencia. Segundo fontes presenciais, ambos tentaron evitar a agresión a Samuel Luiz que minutos despois continuou ata derivar no seu asasinato, crime polo que hai tres persoas en prisión preventiva, outras dúas nun centro de menores e unha máis, con obriga de comparececencias periódias no xulgado mentres continúan as pescudas.
Ibrahima e Magatte interviñeron asumindo un dobre risco: o da agresión física, mais tamén o de seren identificados como inmigrantes 'ilegais' implicados nun altercado e expoñérense á expulsión
Ibrahima e Magatte interviñeron asumindo un dobre risco: o físico, mais tamén a posibilidade de que, ante unha eventual intervención policial ou calquera outra repercusión do que semellaba ser unha pelexa, acabasen sendo expulsados de volta a Senegal, o seu país de orixe, por mor da súa situación administrativa irregular. A Secretaría de Estado de Migracións apóiase no "comportamento cívico" que demostraron na defensa de Samuel Luiz para lles conceder os permisos.
Poucos días despois do asasinato, a Secretaría de Estado de Migracións adiantara a súa disposición a regularizar a situación administrativa de ambos. Segundo adiantou o xornal El Mundo este pasado luns e confirmou La Opinión de A Coruña, esa regularización xa está aprobada
A intervención destes dous homes para tentar evitar a agresión foi feita pública por amizades do mozo asasinado, que quixeron agradecer publicamente a súa intermediación. Un vídeo divulgado nas redes sociais por un amigo da familia de Samuel reflectiu o momento en que lle transmitiron as grazas persoalmente. "Tentaron afastalo de onde se estaba producindo a agresión, pero eran eles contra unha manda", contaron. Ademais, segundo indicou o delegado do Goberno de España en Galicia, colaboraron no esclarecemento dos feitos.
Alén do aplauso xeral por interviren para evitar a mortal agresión, as circunstancias destes dous homes volveron suscitar o debate sobre o feito de que, por mor da súa nacionalidade, non puidesen acceder a permisos de traballo e residencia ata que evidenciaron unha actitude heroica
En declaracións á Cadena SER, o secretario de Estado de Migracións resaltou que esta regularización é asumida polo Goberno de España para evidenciar o civismo dos dous homes ."En situacións deste tipo, nas que se producen comportamentos de humanidade e compromiso cívico, poñendo en risco a propia vida, o Estado ten a obriga de recoñecer moralmente eses valores", indicou Jesús Perea, que evidenciou que é unha posibilidade contemplada na normativa vixente.
Alén do aplauso xeral á actitude de Ibrahima e Magatte, o feito de que só puidesen acceder á regularización administrativa tras expoñérense fisicamente ante unha agresión que acabou sendo mortal suscitou, outra volta, tamén o debate sobre o feito de que, por mor do seu país de orixe, non puidesen acceder a permisos de traballo e residencia ata que non evidenciaron unha actitude heroica. Así o sinalou, por exemplo, a ONG coruñesa Ecodesarollo-Gaia, á que un destes homes está vinculado e que, tras coñecer os feitos, pediu a Miñones a regularización de dúas persoas que, di, puideron rematar aquela noite identificados como ilegais implicados nun altercado de rúa en plena madrugada.