As gravacións das cámaras de seguridade e, sobre todo, as testemuñas presenciais da agresión contra Samuel Luiz que acabou co asasinato do mozo coruñés, acreditan que houbo numerosas persoas na contorna dos feitos. Pero apenas dúas interviñeron para tentar evitar a mortal malleira do pasado 3 de xullo. Son dous veciños da Coruña, de orixe senegalesa e con situación administrativa irregular.
Amigas de Samuel Luiz ratificaron que os dous homes, de orixe senegalesa, "tentaron afastalo de onde se estaba producindo a agresión, pero eran eles contra unha manda"
Así o fixeron saber amizades do mozo asasinado que, escasos días despois da agresión, quixeron agradecer publicamente a súa intermediación. Un vídeo divulgado nas redes sociais por un amigo da familia de Samuel reflectiu o momento en que lle transmitiron as grazas persoalmente. "Tentaron afastalo de onde se estaba producindo a agresión, pero eran eles contra unha manda", resumen en declaracións que recolleu La Opinión de A Coruña, xornal que recolle ademais os seus nomes, Ibrahima e Magatte.
Alén dese agradecemento, as amigas de Samuel veñen subliñando ademais nos últimos días que o seu xesto de "humanidade" debera ser motivo para que as autoridades regularicen a súa situación administrativa. Esa posibilidade xa está sobre a mesa, segundo confirmou este martes o delegado do Goberno de España en Galicia, José Miñones, e ratificou horas despois á Cadena SER a Secretaría de Estado de Migracións.
En declaracións aos medios no marco da entrega das condecoracións da Orde ao Mérito Civil, recollidas pola TVG, Miñones ratificara que Migracións xa estaba a estudar a situación destes dous mozos, polo que o Goberno de España "espera" que "se poida regularizar en breve". A propia investigación do asasinato, admite Miñones, deixa claro que "intermediaron" para evitar a malleira e que o fixeron "cun papel activo". "É un acto de recoñecemento" que sería "de dereito".
Migracións ratifica que traballa na regularización para aprobala "nun prazo moi breve". O delegado do Goberno de España en Galicia sinala o permiso de traballo como posible vía para facelo
Aclara Miñones que o secretario de Estado de Migracións, Jesús Perea, se "interesou" pola situación dos dous mozos, confirmando que non teñen "a súa situación regularizada" polo que "queremos actuar para darlle esa posibilidade" que, subliña, está "contemplada na normativa". Á espera da súa tramitación e da propia comunicación aos dous mozos -que aínda non se produciu-, Miñones indica que esa regularización pode chegar a través da concesión do "permiso de traballo".
O delegado galego di agardar ademais que o trámite sexa "breve" e así o certificou tamén o responsable de Migracións. "A intención do Goberno é acometelo nun prazo moi breve", afirma Perea, quen resalta que "en situacións deste tipo, nas que se producen comportamentos de humanidade e compromiso cívico, poñendo en risco a propia vida, o Estado ten a obriga de recoñecer moralmente eses valores".
Alén da regularización administrativa dos mozos que tentaron evitar o asasinato, Miñones sinala que as pescudas sobre os feitos continúan abertas, se ben subliña que os investigadores consideran como "principais" autores do crime ás persoas xa detidas. A pasada semana, a xuíza enviou a prisión provisional sen fianza a tres dos catro acusados do asasinato ao observar neles risco de fuga e de destrución de probas e á cuarta adulta acusada impúxolle a obriga de comparecer no xulgado. Os dous menores de idade detidos como supostos coautores da mortal malleira foron enviados a un centro específico para menores, no que permanecen.