Catherine Silva e Alejandro Míguez pasan practicamente desapercibidos entre quen esperan para entrar na sala de vistas. A primeira paséase como deambulando, agarda nunha sorte de calma tensa, suspira e intercambia olladas cos seus, pero apenas articula palabra. O segundo mantense firme, observador e aparentemente sereno. Alguén comenta o rechamante desa especie de fugaz convivencia entre opoñentes: os que están a piques de sentar no banco dos acusados e os que os sinalan como responsables de asasinar un mozo a madrugada do 3 de xullo de 2021. Todos eles nunha mesma sala, esperando a que alguén abra a porta e coloque a cadaquén no sitio que corresponde. Con vinte longos minutos de atraso, comezou este xoves o xuízo polo crime que acabou coa vida de Samuel Luiz.
Sentan no banco da Audiencia da Coruña dous dos acusados, que se aferran á inocencia e inciden en que tentaron frear o ataque
A sala de vistas da Audiencia Provincial da Coruña está a rebordar. No arco de seguridade que preside a entrada do edificio, quen se encargan de controlar as visitas teñen que dar o aviso: "Síntoo, non queda ningún sitio libre no público, para a próxima veña vostede á primeira hora". Entre as persoas que ocupan os asentos da sala, afloran algúns brazaletes coas cores do arco da vella. Son activistas da organización ALAS, a entidade LGTBI que se encarga de exercer a acusación popular.
O primeiro en declarar é Alejandro Míguez. A Fiscalía pide para el 22 anos de cárcere por asasinato con aleivosía e asañamento. El nega participar no ataque, nega golpear a vítima e nega ser unha persoa agresiva. Por negar, nega mesmo ter unha relación de amizade co resto dos acusados, agás un: Diego Montaña, o que iniciou a agresión, quen observa impasible ao que fora o seu amigo desde un extremo da sala.
Míguez non só se aferra á negación dos cargos, durante a súa declaración tamén recoñece algúns feitos de peso. Por exemplo, que viu como a vítima caeu esborrallada despois dos golpes. E admite tamén que, a pesar do impacto, non se lle pasa pola cabeza chamar á policía para socorrer o mozo. Recoñece igualmente que mentiu durante a súa primeira declaración como testemuña, cando decidiu exculpar o resto do grupo. Porque estaba asustado, afirma, porque non quería que o conflito o salpicase e porque é "un caso moi mediático, con titulares cada dous por tres".
Ambos apuntan a Diego Montaña como principal autor do crime: sinalan a súa actitude agreasiva e a súa ex-parella recoñece que a emprendeu contra a vítima ao berro de "maricón"
O seu papel foi, defende durante a súa quenda, o de tratar de disuadir os atacantes nun primeiro momento. E tras constatar a imposibilidade de impedir o ataque, o acusado decide desvincularse: "Non quero saber nada e emprendo outro camiño distinto", insiste. A fiscal pono en dúbida: "Non é certo que cando se achegou non foi para separalos, senón para golpear?", pregunta, pero o acusado atrinchéirase de novo na negativa.
"Unha cazaría, unha animalada"
Se Míguez identifica a Montaña como o principal responsable da agresión -xunto aos dous menores xa condenados e a outro dos acusados, Alejandro Freire, quen supostamente agarra a vítima polo pescozo-, a segunda acusada en declarar termina de apontoar a mesma idea. Catherine Silva enfróntase a 25 anos de prisión por asasinato con aleivosía e asañamento, ao que se suma a agravante de discriminación por condición sexual. Ela e Montaña, naquel momento parella, son os únicos que levan aparellada esta agravante.
Á moza ninguén a viu propinar ningún golpe, pero si lle atribúen impedir o auxilio á vítima. Tamén o nega. No medio dunha declaración atropelada, narrativamente inconexa ás veces, a acusada di que a súa intención foi diametralmente oposta e que buscaba frear a agresión, sacar ao que entón era a súa parella do tumulto e levalo consigo.
Di que o seu mozo non era agresivo nin conflitivo, pero que aquel día estaba fóra de si. "Era unha persoa tranquila, pero ese día estaba alterado". Aquela ira incontible expresáraa xa dentro do propio local de lecer onde pasaban a noite -con discusións a voces e golpes na mesa, segundo os feitos expostos este xoves-, pero ninguén sabe exactamente o motivo. Se cadra pola inxesta de alcol, atrévese a suxerir a acusada. O caso é que o resultado daquel estado é a expulsión do pub, momento no que se topa con Samuel Luiz. E aí estoupa a violencia. O mozo atopábase no medio dunha videochamada, pero o seu agresor teima en que en realidade o estaba a gravar. "Na súa cabeza, estaba a gravalo", describe Silva.
Entón, verte a ameaza: "Deixa de gravar que te vou matar, maricón", recrea a acusada ante as partes e o xurado popular. Pouco despois, o atacante abalánzase sobre Samuel Luiz, para emprendela a puñadas contra el. Alejandro Freire agárrao polo pescozo", segundo o relato da moza, caendo a vítima ao chan. Feitos que a propia acusada cualifica agora como "unha cazaría, unha animalada".
Silva insiste en que a súa intención en todo momento foi a de acoutar aquela "cazaría", apartando a Lina -a amiga da vítima que tentou intervir e que declarará este venres- non para bloquear o seu auxilio, senón para tentar agarrar o seu mozo, afastalo e conter a agresión. Vendo as súas intencións frustradas, admite que o único que acerta a facer é resgardarse baixo unha árbore: "Estaba nerviosa, estaba angustiada, non sabía que facer".
"Ti que opinas da homosexualidade?"
A preguntas do avogado que defende a Montaña, a interrogada non identifica o seu ex-mozo como homófobo e sinala que -mesmo!- ten amigos gais
Cando Silva pronuncia a palabra "maricón", o público revólvese. O feito de que unha das acusadas recoñeza que aquilo se verbalizou como un insulto contra a vítima, é clave para quen entrevé un crime de odio no fondo do asunto. Ana, presidenta de ALAS A Coruña, agarra con forza a man de Pablo, activista na mesma organización. Trémelle o pulso e non pode conter as bágoas.
Pero Silva decontado suaviza as súas palabras. Montaña chamou "maricón" á vítima en varias ocasións, pero era unha palabra que o mozo utilizaba con frecuencia. A preguntas do avogado que defende a Diego Montaña, a interrogada non identifica ao seu ex-mozo como unha persoa homófoba e sinala que -mesmo!- ten amigos gais. "Percibiu cal era a condición sexual de Samuel?", pregunta o letrado. "Home... eu polo menos, non", pecha a acusada.
O avogado de Catherine Silva vai un paso máis aló. "Ti que opinas da homosexualidade?", pregúntalle á súa defendida. "Dáme un pouco igual", resolve ela, pouco antes de iniciar unha alegación a favor da diversidade detallando as biografías de dous amigos íntimos que pertencen ao colectivo.
Aos pés da escalinata que dá acceso ao edificio da Audiencia Provincial, a antiga fábrica de tabacos que no seu día acolleu as protestas obreiras das cigarreiras, os medios empezan a disolverse. Deixou de chover e dúas mulleres que estaban entre o público afástanse, agarradas do brazo. "Non pode ser", di polo baixo unha sobre as versións que acaban de escoitar, "non me encaixa nada".